Escola Café “Como funciona o Cárcere?”

escolacafe funcionamento

O próximo mércores 22 de agosto a partir das 18h30, nun ambiente relaxado, no pórtico do Cárcere, teremos unha conversa con café e algo de picar que podamos traer colaborativamente, sobre o funcionamento do Cárcere.

Como se pode participar? Como nos organizamos? Que é iso da Asemblea? Que se necesita para xestionar un proxecto autoxestionado? Por que o Cárcere?

Se andas coa idea de como poderías axudar ou simplemente tes curiosidade achégate a coñecernos.

A participación é aberta pero agradécese confirmar asistencia. Só tes de enviar un email a proxectocarcere@gmail.com ou comunicalo no Cárcere, deixand o teu nome e email ou número de teléfono.

Vémonos!

 

Advertisements

Boletín Informativo – 10 agosto 2018

BOLETIN_PC_2A Coruña, 10 de agosto 2018

photo_2018-08-04_17-51-29

Esta é unha das imaxes que máis nos emocionaron na Xornada de Apertura do Cárcere. Unha demanda que tivemos desde o inicio para poder abrir para toda a xente estes primeiros 200 m2: a accesibilidade.

Unha das dúas ramplas foi feita con materiais reciclados baixo o asesoramento de Santiago Cirugeda, no seu paso pola Fundación Luis Seoane. Na súa construcción participou o seu alunado e moradoras e amigas do Cárcere. A segunda, á da entrada externa xa foi realizada por nós co asesoramento da Comisión de Infraestructuras.

E o que parecía que ía ser un beneficio só para unhas persoas, terminou séndoo para todas. A rampla da entrada foi moito máis utilizada que as escadas, por comodidade e adecuidade.  Fai máis doado levar cargas, carriños de crianzas, camiñar ao lado das persoas con cadeiras de rodas ou darlles outros usos segundo se precisaba. O que é bó para unhas o é para todas.

Dos dous aseos que hai no interior, un deles tamém é accesibel.

photo_2018-08-04_19-16-52

O sábado 4 de agosto foi unha data inesquecibel no que pasaron polo Cárcere por volta de 600 persoas ao longo do día. Con 12 artistas, 3 exposicións e espazo de entretemento e crianzas. Moitas visitantes ficaron da mañá ata a hora de feche, asistindo aos espectáculos, entrando varias veces no Hall e contándonos historias delas propias ou doutras persoas que estiveran dentro nalgún momento da súa historia.

Vendo as memorias que traen algunhas delas decidimos recollelas en formato audio e/ou video como documentación e porque realmente merecen a pena ser escoitadas. Se ti es unha desas persoas que quere contar a súa historia ou coñeces a alguén por favor achégate os días abertos ao público e cóntanos.

David Jiménez 31

A comunicación inesperada de que só se permitía 25 persoas nun espazo de 200 m2 por cuestións de metros de distancia á principal saída de evacuación, fixo que tiveramos que tirar da imaxinación e creatividade e colocar un sistema de pedriñas para controlar o aforo estipulado.

Non estamos dacordo con esa decisión, tanto por interpretación da normativa como pola evidente sensación de seguridade que nos dá un espazo de 200 m2 cunha saída directa á rúa, con suficiente amplitude e completa accesibilidade.

Porén, imos consultar como se está a aplicar noutros espazos públicos, ver casos precedentes e procurar alternativas que faciliten que o aforo do Hall poda ser máis acorde co uso e capacidade que ten.

As dificultades que estamos a ter a nivel administrativo semellan unha carreira de obstáculos, con máis dunha pedra no camiño, pero non nos imos rendir.

38490850_10212823061427518_325401166319976448_oA frustración que nós sentimos cando volvemos entrar no Cárcere despois de 7 anos de peche e abandono por parte das administracións responsabeis, foi compartido polas persoas que o visitaron neste día.

O uso limitado ao Hall sen poder acceder ao resto do Cárcere que todas as persoas desexaban ver foi para moitas unha decepción. Como para nós, que iniciamos xa melloras e coidados neste primeiro espazo e que desexamos se continúe a avanzar para poder facer o mesmo noutras partes como o panóptico, patio e resto do edificio.

Pensamos que a rehabilitación do Cárcere e a súa xestión cidadá debe ser abordada colectivamente e de inmediato. Non chega coa boa vontade dun goberno determinado, teñen de ser todas as organizacións políticas, institucións, e a cidadanía que asumamos a responsabilidade de recuperar o antigo Cárcere

Con este fin iniciamos a campaña de sinaturas “O Cárcere: Máis e Mellor” da que xa temos máis de 200 apoios e convidamos a todos os partidos no goberno a coñecer o espazo e falar sobre o presente e futuro do Cárcere para o mes de setembro.

Non queremos que non facer nada sexa a única resposta ao estado do Cárcere.

Por favor asina facendo click na imaxe e axúdanos a divulgar a campaña

CAMPANHA MAIS E MELLOR

Podes ver máis imaxes no facebook e no Video-foto da Apertura do Cárcere de David Jiménez

E a vida do Cárcere continúa, e nós continuaremos a informar

 

Campaña de sinaturas “O Cárcere: máis e mellor”

Asina en apoio facendo click na imaxe.

CAMPANHA MAIS E MELLOR

Unha vez aberto o Cárcere é necesario continuar coa súa rehabilitación e apoio á xestión cidadá.

Os 200 m2 do recinto de entrada son un primeiro paso que custou 7 anos dar. Agora é o momento de darlle vida a través da actividade. Demostrar a importancia de ter modelos de uso e organización diversos na nosa cidade dos que todas as persoas poidamos aprender e desfrutar.

Para isto é imprescindíbel un compromiso real das institucións, un diálogo aberto e de igual a igual onde se escoiten as diferentes perspectivas e onde, sobre todo, haxa vontade de cambio.

O obxectivo de Proxecto Cárcere nunca foi que se puidesen empregar 200 m2 e quedarse aí, especialmente coas carencias e limitacións que implica a xestión cidadá dun espazo destas características e con estas condicións de uso, pero sabiamos que se non entrabamos poderían pasar outros 7 anos sen que se fixese nada, o que suporía a condena definitiva para o Cárcere.

Estamos a solicitar reunións cos diferentes partidos políticos no goberno da cidade para o mes de setembro, para que coñezan o espazo e falar sobre o presente e futuro do Cárcere.

Por todo isto demandamos:

  • que se realicen as obras inicialmente previstas para o verán, que consisten, entre outras cousas, na mellora do teito do hall e que afectan directamente a actividade e benestar das moradoras e visitantes durante os meses de outono e inverno.
  • que se valoren conxuntamente e se aproben en consenso propostas realizadas polas moradoras do Cárcere, as persoas que lle damos vida e coidamos o espazo, para o avance na adaptación e/ou rehabilitación doutros espazos do Cárcere: O panóptico, o patio da marxe dereita e estancias ou outros.
  • que haxa un compromiso colectivo político, cidadá e institucional para a rehabilitación total do Cárcere, que non facer nada non sexa a única resposta á deterioración do edificio, así como doutros edificios en abandono e/ou desuso da cidade.
  • que se abra un diálogo e se chegue a acordos comúns entre os diferentes axentes sociais, políticos e institucionais sobre diferentes formas de xestión na cidade, incluíndo a xestión cidadá e mancomunada.
  • que se faciliten as tarefas e responsabilidades administrativas de xestión do Cárcere a través dunha boa coordinación, información e colaboración entre administracións, institucións e movementos sociais.

Por favor asina e divulga esta campaña. Axúdanos a recuperar o antigo Cárcere da Coruña para a xente.

Días abertos ao público

photo_2018-08-04_16-37-58

Días Abertos ao Público

Luns, Mércores e Venres a partir das 17:00

A apertura do Cárcere depende da actividade. Podes consultar regularmente no blog as propostas que vaian chegando e tamén no panel de información no Cárcere.

Continuará durante todo o mes a exposición “Jail Art” de arte postal e Obxectos do Cárcere e 7 anos de Proxecto Cárcere.

Seguiremos coas tarefas de limpeza e mantemento “Xornadas de Limpeza e Fermosura” que ser irán tamén comunicando semanalmente.

E as asembleas operativas, onde organizamos o traballo e decisións da semana os xoves 9 e 23 e mércores 16 e 30 de agosto ás 20h.

Podes utilizar o xardín externo e pórtico calquera día da semana. Simplemente respeta os acordos de uso para todas as persoas e actividade no Cárcere:

  • Promover e respectar os dereitos humanos fundamentais: non machismo, non racismo, non homofobia/transfobia, non xenofobia…)
  • Non realizar actividades de apoio e/ou divulgación de partidos políticos
  • Deixar o espazo como se econtra ou melloralo, se for posibel.

 

🙂

 

 

 

 

Boletín Informativo – 2 de agosto 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, 2 de agosto 2018

 

documentaçom festa apertura mod

Con esta imaxe comezamos o boletín desta semana.

Si, a burocracia é abrumadora. Porén, xa está feita, clarificado o proceso para responder ás demandas administrativas de inicio de actividade pública no Cárcere  e con a documentación presentada.

Hai que salientar que fomos capaces de elaborar todos estes formularios, documentos e planos, porque no grupo hai persoas arquitectas, persoas con capacidades administrativas e persoas con paciencia inmensa para dar os pasos adiante e atrás que require esta relación cidadanía-institución.

Moitas delas engadindo este traballo ao que fan no día a día nas súas casas ou remuneradamente. Un grande bravo por elas.

entrega papeis festa apertura

Alén da pila de formularios para a Festa de Apertura, que despois dos que entregamos para a actividade inicial será menos voluminosa, tamén terminamos de concretar o Manual de Funcionamento.

Este irase adaptando aos diferentes momentos do proceso, tanto pragmaticamente como emocionalmente, pero agora dá un marco máis estable para saber como movernos e especialmente para dar entrada a novas participantes e soster a vida do Cárcere.

panel casa aberta

E como non, a preparación da festa que dá como resultado unha programación moi interesante, grazas ás propostas de colectivos e artistas individuais da cidade de xeito altruísta e que son fundamentais para mostrar como este lugar noutrora de represión e confinamento pode e debe tornarse nun de expresión creativa e liberdade.

Son d’Aqui, Cantareiras da Comuna, Micki y amigos, Samuel Galan, Antía Gómez Ortega, Alba Cotelo, Teatro Alfaiate, Gonçalo Guerreiro, Marcos Casás, Swing Coruña e o Colectivo Loairas . Son as artistas coas que poderemos disfrutar durante o día.

A Comisión da Recuperación da Memoria Histórica, parte de Proxecto Cárcere desde o seu inicio, será a encargada de abrir a xornada.

Unha vez dentro faremos unha presentación de como vai funcionar a antiga prisión, como se vai poder participar e contribuir á vida do proxecto, dende e para a cidadanía.

Haberá exposicións: “Jail Art”, arte postal, “Obxectos do Cárcere”, “Trampas para una mujer pájaro” de Berta Nalúa do colectivo Loairas, unha selección de paneis da “Historia da Torre de Hércules” e proxeccións e materiais dos 7 anos de loita de Proxecto Cárcere.

Actividades para crianzas ás 16:00 e durante todo o día o Colectivo Loairas facilitará a creación do espazo de creación colectiva “A luz non ten barrotes. Mans escribindo LIBERDADE”.

Impresionante, verdade? 🙂 ❤

Información completa sobre a Festa de Apertura AQUI

 

Para completar a semana envíamos convite a todos os partidos políticos no goberno da Coruña para un encontro no Cárcere con cada un deles no mes de setembro.

O fin deste convite é que coñezan formalmente o espazo e podermos falar sobre o presente e futuro do Cárcere e da súa xestión cidadá.

Cremos que é a través do compromiso colectivo tanto da cidadanía como das intitucións gobernantes que se conseguirá terminar coa nefasta política de abandono e deterioro en que o Cárcere foi sometido durante os 7 últimos anos.

Tamén foron convidadas a asistir a nivel persoal á Xornada de Apertura o sábado 4 de agosto.

Na reunión coa Comisión de Seguimento da pasada semana comunicáronnos que non se van realizar máis obras ata a renovación da cesión do SIEP ao Concello da Coruña en Xaneiro de 2019.

A Asemblea do Cárcere non está dacordo con esta decisión e require que se continúen cos traballos de rehabilitación do edificio despois do verán como estaba previsto.  En base a isto elaborará unha serie de propostas coas prioridades estructurais e de acondicionamento que o edificio precisa para frear a súa degradación e facelo accesibel á cidadanía da Coruña.

Seguiremos informando

Xornada de Apertura do Cárcere

photo_2018-07-30_17-45-08
Temos o pracer de convidarvos á Xornada de Apertura do antigo Cárcere da Coruña que terá lugar o sábado 4 de agosto de 11:30 a 23:30.
Con este evento queremos dar início á actividade pública dos primeiros 200 m2 deste emblemático edificio. Sabemos que é só abríndoo e dotándoo de vida que se poderá conseguir a súa rehabilitación total e uso para múltiples iniciativas da nosa cidade.
A nefasta política de feche e abandono do Cárcere durante os últimos 7 anos demostrou non ser a mellor das opcións para manter en boas condicións un inmoble protexido por patrimonio e de importancia arquitectónica e social para A Coruña.  Acollemos o reto de poñer a nosa enerxía e traballo para non deixar que iso siga a acontecer.
Por iso facemos un chamamento á asistencia a esta xornada así como a presentación de propostas e apoio aos fins deste proxecto para que o Cárcere sexa recuperado para todas nós.
O sábado comezaremos coa inauguración do Cárcere a cargo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, continuando coa entrada no espazo que se vai poder utilizar durante esta primeira fase de cesión de uso.
Dentro do edficio poderán verse as exposicións do “Jail Art” de arte postal, unha selección de Obxectos do Cárcere, e proxeccións e materiais dos 7 anos de loita da Asociación Proxecto Cárcere para rehabilitar e recuperar o Cárcere para a cidadanía.
Daremos logo paso ás actuacións e actividades coas que tan xenerosamente nos agasallan diversas artistas e colectivos da cidade que participan de forma totalmente altruísta.
Son d’Aqui, Cantareiras da Comuna, Micki y amigos, Samuel Galan, Antía Gómez Ortega, Alba Cotelo, Teatro Alfaiate, Gonçalo Guerreiro, Marcos Casás e Swing Coruña. Danza, música e teatro para non parar en todo o día.
Teremos un espazo para o xantar que se pode utilizar á vontade ou se se prefire traer a comida da casa ou utilizar os bares e restaurantes próximos.
Esperámosvos
Proxecto Cárcere Apertura programa2

Asemblea Xeral xullo 2018

banner_carcere.png
Mañá domingo 29 ás 19h no Cárcere, terá lugar a Asemblea Xeral de xullo.
As Asembleas do Cárcere son abertas a todas aquelas persoas afíns aos principios e valores de recuperación do antigo cárcere da Coruña como centro sociocultural autoxestionado.
ORDE DO DÍA:
  1. Organización Asemblea (5 min)
  2. Manual de Funcionamento (30 min)
  3. Información Xúridica (5 min)
  4. Relacións co Concello (20-30 min)
  5. Estratexias de Financiamento (Indagación) 30 minutos
  6. Ramplas auto-construccións (10 minutos)
  7. Apertura xestión de comunicación (10 minutos)
  8. Avaliación rolda de prensa 26 de xullo (5 minutos)
  9. Leitura acordos (5 minutos)
  10. Avaliación e feche (5 minutos)