“Creo que é unha oportunidade extraordinaria para facer un proxecto cultural “desde abaixo”, que xurda das bases, da sociedade. Un centro que rache coas actuais inercias políticas de xestión. Un centro que sexa a casa e un lugar de creación e de expresión cultural aberto, plural, sostible, solidario… Converter un predio emblemático da cidade nunha gran comunidade onde creadores, educadores e veciños da cidade convivan de xeito democrático, que exista nel un empoderamento por parte da sociedade, que sexamos todos e todas as que decidamos que cultura queremos.”
J.C.Q
ORIXES
Proxecto Cárcere foi constituído como plataforma cidadá en Xaneiro de 2011 despois dunhas xornadas de novos modelos de xestión cultural que tiveron lugar no Instituto Anxel Casal e no Cárcere en novembro de 2010 durante o goberno do bipartito BNG-PSOE.
Máis tarde, no 2012, rexistraríase como Asociación Cultural, un forma legal que neste momento permite asinar o contrato de dinamización do Cárcere co Concello da Coruña.
OBXECTIVOS DA PLATAFORMA PROXECTO CÁRCERE
O antigo cárcere provincial da Coruña, actualmente en desuso, preséntasenos hoxe como un desafío á cidadanía coruñesa para intentar acadar a súa transformación, dun espazo de represión noutro representativo da convivencia libre, onde primen os usos sociais, culturais e educativos e onde a memoria histórica estea sempre presente.
A Plataforma creada a finais de 2010 entre distintas persoas e colectivos cidadáns, recolle as inquedanzas dos veciños do barrio e da cidade en xeral en torno á idea exposta, e tenta crear un movemento cívico de concienciación do dereito a acadar eses fins.
As fórmulas participativas que se establezan deberán conceder especial protagonismo á capacidade de decisión das asociacións culturais, sociais, veciñais e educativos que formen parte do proxecto.
Fuximos de investimentos millonarios e apostamos por modelos sustentables e de aproveitamento dos recursos existentes. Dentro dos modelos de financiamento que se poidan establecer, e tentando reducir na maneira do posible a dependencia económica, a autoxestión preséntasenos como medio idóneo para acadar os obxectivos marcados.
FUNCIONAMENTO DA PLATAFORMA
A Plataforma –constituída no inicio por aproximadamente por corenta persoas- organizouse en grupos de traballo de distintas materias: obxectivos, xestión , comunicación e infraestructuras.
A Asamblea é o órgano soberano de toma de decisións, preferentemente por consenso, en aras a acadar os obxectivos marcados. Esta Asamblea terá en todo momento un carácter aberto a persoas ou colectivos que se queiran sumar a este proxecto, pois queremos que sexa a cidadanía a principal protagonista e a que, en definitiva, dea forma ao mesmo.
ACTUALIDADE
Na actualidade Proxecto Cárcere é a forma xurídica que ten cedida a dinamización e xestión do antigo Cárcere da Coruña.
Somos un grupo de aproximadamente 15 persoas e colectivos que nos organizamos por Comisións e Grupos de Traballo dacordo as tarefas e necesidades que se presentan no día a día da Vida do Cárcere.
Estamos abertas a novas incorporacións para ser moradora deste espazo público da nosa cidade.