Avante!! Brigada de Limpeza no cárcere o Sábado 31 de Marzo!!

Perante o alarmante estado de abandono e deterioro que está a sofrir o cárcere da Torre e o seu contorno, a Plataforma cidadá Proxecto Cárcere convoca á cidadanía a participar na Brigada de Limpeza Cárcere da Torre que terá lugar o Sábado 31 de Marzo de 11h30 a 13h30 no propio cárcere.

Desde a Plataforma Proxecto Cárcere solicitamos fai uns meses tanto ao Concello da Coruña como ao SIEP, empresa pública xestionadora neste momento do Cárcere, para tomaren as medidas pertinentes e protexeren o edificio e o se contorno da súa degradación paulatina. Desgraciadamente estas medidas non foron suficientes e o cárcere presenta a día de hoxe danos considerabeis como se pode ver nas imaxes do anterior artigo.

Apesar de que o traballo a facer levaría mesmo semanas nós traballaremos durante dúas horas como manifestación do interese da cidadanía da Coruña e arredores na protección do Cárcere da Torre. Tendo tamén en conta que o cárcere está situado no entorno da Torre de Hércules, declarada no ano 2009 patrimonio da Humanidade pola UNESCO, demandamos acción urxente e efectiva por parte das autoridades para a súa conservación.

Traede vasoiras, cubos, esponxas, recolledores, sacos de lixo, guantes fortes…para limpar e/ou tesouras de poda, e outras ferramentas de xardineria para adecentar a entrada do cárcere. Propostas propias son benvidas.

Despois da limpeza faremos un picnic de convivio para nos coñecer, falar e compartir ideas no cárcere ou arredores. Trae o teu bocata e bebida e unete a nós!

Convida a esta acción a todas as túas amigas e amigos. Cantas mais seamos mais poderemos facer, mais visibilizaremos que nós, a xente da Coruña, queremos e podemos tomar acción e parar a degradación dun edificio que é sen dúbida patrimonio arquitectónico e histórico da nosa cidade.

Esperámosvos!! 🙂

Estado alarmante de deterioro do antigo cárcere provincial da Coruña


O estado no que está o primeiro edificio do cárcere da Torre na actualidade é alarmante. A degradación do mesmo en menos de 5 meses, desde a última vez que o visitamos durante o Día Mundial de Arquitectura, é mais que evidente nestas imaxes.

Desde a Plataforma Proxecto Cárcere solicitamos fai uns meses tanto ao Concello da Coruña como ao SIEP, empresa pública xestionadora neste momento do Cárcere, para tomaren as medidas pertinentes e protexer o edificio e o se contorno da súa degradación paulatina.

Proxecto Cárcere reivindica a recuperación deste edificio, patrimonio histórico e arquitectónico da nosa cidade, como centro sociocultural e da memoria. Neste momento estamos a elaborar o Plan de Viabilidade que será presentado á cidadanía e ás institucións competentes nos próximos meses. Queremos coa nosa actividade darlle unha alternativa de vida a este lugar emblemático e parar o estado de continuo deterioramento e abandono no que na actualidade se encontra.

 

Pasado, Presente e Futuro do Antigo Cárcere Provincial

Este venres 16 de Marzo ás 19h30 no Centro Cívico de Montealto terá lugar unha mesa redonda organizada polo Instituto de Estudos Políticos e Socias na que se falará sobre o futuro do cárcere.

Nesta palestra participarán alén da Plataforma Proxecto Cárcere, a Asamblea Popular do Bairro de Montealto, o Colexio de Arquitectxs de Galicia, o escritor Manolo Rivas e o arquitecto Emilio Argiz.

O cárcere é sen dúbida un edificio que suscita interés entre diversos sectores da sociedade da Coruña e será esta unha moi boa oportunidade de compartir ideas e proxectos que respondan ás inquedanzas sociais e culturais para manter e darlle uso ao que é indiscutibelmente patrimonio da nosa cidade.

Vémonos entonces ás 19h30 este venres!

http://www.fundacionieps.org/