8 anos de Proxecto Cárcere

Hoxe estamos de aniversario. Hai 8 anos que un grupo de xente diversa nos coñecéramos nas Xornadas de Novos Modelos de Xestión Cultural e decidiramos pouco despois constituirnos como Plataforma.

Vimos no Cárcere unha oportunidade para recuperar a nosa memoria e convertir un espazo outrora de represión nun de creatividade e liberdade.

Pensamos que tanta enerxía e vontade e sobretodo moito traballo altruísta sería valorado e non tardaríamos en ver a antiga prisión rehabilitada e chea de actividade cidadán.

Pero apesar de que en xuño de 2011 poidemos entrar e organizar as Xornadas de Portas Abertas,  que nos demostrou que non estabamos tolas e que era posibel materializar a nosa idea, tivemos que enfrentarnos a 7 anos de parálisis institucional vendo como o edificio se deterioraba.

Dende xuño deste ano estamos xa dentro dunha pequena parte do Cárcere, e dende agosto con actividade pública. Estes foron uns meses de moita ilusión e aprendizaxe, onde coñecemos a moitas persoas que dun xeito ou outro queren, como nós, que esta iniciativa avance.

Tamén houbo momentos dificiles e o futuro deste proxecto e deste espazo permanece a día de hoxe no ar.

Nós esperamos que toda a enerxía e cariño que se leva posto nestes 8 anos teña a súa merecida recompensa e que sexan por fin os intereses das persoas e a súa vontade de coidar e dar vida ao Cárcere, os que prevalezan.

Parabéns a todas por estes 8 anos de Proxecto Cárcere.