Por fin nos encontraremos para expoñer o traballo feito pola Plataforma Proxecto Cárcere durante ano e medio. Neste Plan de Viabilidade tentáronse integrar todas as propostas de usos e de conservación do edificio do cárcere que foron chegando das cidadás e cidadáns da nosa cidade
Para celebralo convidámosvos á charla de presentación do proxecto e actividade lúdica que terá lugar o xoves 28 de Xuño a partir das 19h no Colexio Curros Enriquez e Campo de Marte.
Ás 20h farase unha presentación do Proxecto Cárcere á que vos animamos a participar coas vosas opinións, perspectivas e suxerencias.
Despois poderanse ver proxeccións e exposicións dos diferentes procesos da plataforma e dos traballos feitos para poder completar o Plan de Viabilidade.
Tamén teremos actuacións e outras actividades. Temos confirmado ao grupo “Escuchando Elefantes”, o fadista “Gonçalo Guerreiro”, um amigo saxofonista, uma monologuista, un espectáculo de cariocas de fogo, degustación de produtos ecolóxicos… e haberá algunha sorpresiña mais.
Esperámosvos!!
PROXECTO CÁRCERE, UN CÁRCERE PARA A CIDADANÍA
Por qué Proxecto Cárcere?
Proxecto Cárcere é unha plataforma cidadá onde os colectivos e as persoas a nivel individual contribuímos de igual maneira á construcción dunha proposta de uso público para o cárcere.
Consideramos que a antiga prisón debería ser recuperada do seu actual estado de abandono e rehabilitada como un espazo de participación cidadá dacordo cos criterios e propostas da propia cidadanía da Coruña.
Esta concepción de demanda social xurde da necesidade das coruñesas e coruñeses de contar con un espazo onde o contido cobre mais valor do que o contentor, e onde os principios de participación, sustentabilidade e creatividade sean as bases sobre as que construir a nosa propia cultura, sociedade e historia.
A Plataforma Proxecto Cárcere traballa desde novembro de 2010 e está apoiada por mais de 140 persoas e colectivos.
Qué é o Plan de Viabilidade?
O Plan de Viabilidade é o traballo de moitas persoas que en diferentes momentos aportaron a súa experiencia, visión, tempo e enerxías para lle dar forma a un proxecto colectivo para o cárcere da Torre.
Foron recollidas numerosas propostas de cidadás e cidadáns da Coruña e contorno que quiseron dar a súa opinión e presentar iniciativas para a prisión. Estas foron compiladas no Plan de Viabilidade que inclúe os seguintes apartados:
- Proxecto Cárcere como unha ferramenta de articulación das necesidades e propostas da cidadanía da Coruña para o edificio do antigo cárcere da Torre, na actualidade en desuso. Explícanse os diferentes momentos do proceso, o carácter reivindicativo e de participación cidadá desta iniciativa, a relación coas administracións e as sinerxias creadas con outros proxectos similares galegos e de fora da Galiza.
- Propostas de rehabilitación e usos axeitados dos espazos dacordo coa súa morfoloxía, onde se inclúe un estudo exhaustivo e profesional do estado do cárcere a nivel arquitectónico, patrimonial e urbanístico no contexto da cidade da Coruña. Apóstase por manter a estrutura orixinal do edificio e iniciar un proceso gradual de restauración e mantemento do mesmo baseado en principios de adaptabilidade, sustentabilidade, participación e baixo custo.
- O Cárcere como un espazo de encontro, coñecimento e participación cidadá, con propostas sociais, artísticas, culturais e turísticas, como poden ser hortas urbás, pistas deportivas, viveiro das artes, formación cidadá en cultura participativa, bioconstrucción, feminismo…garderías e escolas infantís, cafés e mercadiños, biblioteca de libros libres, locais para actividades puntuais (ensaio, obradoiros, concertos, reunións…), Albergue xuvenil, centro interpretación da Torre de Hércules, vivendas sociais e/ou observatorio arquitectónico do cárcere.
- Explóranse diferentes modelos de Xestión e Financiamento, tomando como referencia outros espazos públicos noutras partes do mundo rehabilitados como centros socioculturais, o que nos fixo considerar “ecosistemas” de xestión, viabilidade a medio e longo prazo, sistemas de organización participativa e un financiamento sostible e sustentabel, considerando diferentes fontes de ingresos.
O Plan de Viabilidade é un documento vivo, aberto a debate e á entrada de novas propostas e a negociacións que faciliten a recuperación do cárcere e o seu uso por parte da cidadanía coruñesa.
Podes descargar o documento completo do Plan de Viabilidade Proxecto Cárcere aqui