Clausura do Jail Art no Bar Villatuerto

Este venres 28 de Febreiro ás 21:00 o Jail Art dirá adeus ao Bar Villatuerto ao que agradecemos a acollida e o cariño que mostraron por esta convocatoria de arte postal que chegou a nosa cidade de todos os cantos do mundo e tamén de Proxecto Cárcere e o traballo que levamos feito nos últimos anos.
Para nos despedir falaremos de como está a situación do cárcere da Torre, dos diferentes ámbitos nos que estivemos a actuar e sobre todo dos pasos que imos dar nos próximos meses.
Tamén se proxectarán as imaxes de todas as obras recibidas na convocatoria do Jail Art e de diferentes momentos da traxectoria de Proxecto Cárcere.
Esta é unha moi boa oportunidade para te achegar ao Villatuerto, desfrutar deste espazo e da súa xente, e coñecer o Jail Arte e a Proxecto Cárcere.
Esperámosvos no Bar Villatuerto, na rúa Millán Astray, 3, baixo.

 

 

 

 

Cal é o destino do cárcere da Torre?

http://www.flickr.com/apps/slideshow/show.swf?v=104087

A primeira vez que nos reunimos no cárcere para falar sobre a posibilidade de recuperar este espazo público para a cidadanía da Coruña, pouco nos podíamos imaxinar o que lle tiña deparado o destino a este vello edificio.

Nós pensamos na imensidade do edificio, na versatilidade de espazos e na historia sobrecolledora que amparaban esas paredes. Pensamos na enerxía da cidade, da nosa cidade que adoecía por explotar en mil cores e debuxar soños en cada un dos cantos do vello cárcere.

Crímos que a vontade de mulleres e homes por tornar un lugar de confinamento físico e ideolóxico nun de creatividade e liberdade sería a mellor tarxeta de visita para ser recibidas/os  polas institucións responsábeis que non só nos escoitarían senon que apoiarían sen reticencias as nosas propostas de recuperación do patrimonio e acción cidadá.

Pero non foi así, na mesma medida en que o grupo ía concretando o estudo arquitectónico do cárcere e organizaba as iniciativas individuais e colectivas recibidas para o uso do mesmo, os muros de entendimento coas administracións ían crecendo en altura e espesura.

De pouco serviu ter organizado 4 días de xornadas abertas no cárcere contando coa participación totalmente altruísta de 20 artístas plásticas e a achega de mais de 70 propostas de actividades , cun balance moi positivo onde unha media de 200 persoas por  día da nosa cidade confluíron no cárcere para participar do espazo, da arte e do burbullo social que se xerou durante eses días.

De pouco serviu a elaboración dun Plan de Viabilidade onde se propuxeron as liñas xerais de recuperación paulatina e sustentábel do imóbel , das actividades a ser acollidas nel e da xestión e viabilidade económica para o cárcere tornarse  no Centro Sociocultural e da Memoria que todas e todos desexabamos.

De pouco serviu a denuncia continuada da deterioración do cárcere resultado do abandono e desleixo por parte do SIEP e do Concello da Coruña que non moveron nin un só dedo ata que un grupo de 15-20 persoas decidimos entrar no cárcere armadas de luvas e vasoiras. Nese momento si enviaron unha brigada desproporcionada da policia nacional, tapiaron as entradas principais e contrataron os servizos de seguridade privada 24 horas ao día.

De pouco serviron as continuas visitas de Proxecto Cárcere ás concellerías de Cultura de Ana Fernández, Servizos Sociais de Miguel Lorenzo, a tentativa infructuosa de nos encontrar co responsabel de urbanismo Fernández Prado, as comunicacións enviadas ao alcalde da Coruña Carlos Negreira e ao presidente do SIEP Andreu Roca Bassas, expoñendo o caso e sempre prestes a negociar con urxencia a reparación e mantemento das cobertas e a médio e longo prazo o destino do cárcere.

De pouco serviron as campañas de recollida de sinaturas na que mais de 2500 persoas e colectivos, artistas, escritoras e escritores, persoas públicas, lanzamos un SOS ao Concello da Coruña e ao SIEP responsábeis polo estado do cárcere e acción imediata para a súa conservación.

A día de hoxe recibimos noticias confusas a través da prensa sobre o proceso de devolución ao Concello da Coruña do solar e por tanto da antiga prisión xa tristemente en ruinas. No que parece mais unha carreira de lebres do que unha negociación entre institucións xeridas por representantes da cidadanía desta cidade e deste Estado, Proxecto Cárcere non ten mais opcions que a de acción directa na rúa á marxe de institucións incapaces de asumir a súa responsabilidade de servizo á cidadanía.

Próximas accións neste marco serán anunciadas nos próximos días.

Asemblea Febreiro – Martes 18 ás 20h30 na Casa da Fariña

anúnciase a convocatoria aberta para a Asemblea de Febreiro da Plataforma cidadá Proxecto Cárcere que terá lugar o martes 18 ás 20h30 na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga).

A orde do día proposta é:

Toma de decisións e información breve

1. Jail Art Febreiro – Marzo

2. Propostas de financiamento

3. Xornada “Espazos públicos e participación cidadá”

4. Encontro Rede Transibérica en Maio.

5. Grupo artístico PC
6. Convocatoria fotográfica
7. Varios

Debate aberto

Por determinar

A asemblea terminará ás 22h30/22h45