Resumo da reunión entre Proxecto Cárcere e a Concellería de Cultura da Coruña

O pasado 15 de Maio, Proxecto Cárcere reuniuse coa Concelleira de Cultura da Coruña.

Esta reunión foi convocada pola propia concelleira en resposta á comunicación que lle enviamos sobre a Acción Brigada de Limpeza do mes de Abril, no que un grupo de 20 persoas nos presentamos no cárcere para limpalo e 5 brigadas de policia e un coche da policia secreta nos impediron o paso.

A Concelleira manifestou que toda acción feita no cárcere debía ser responsabilidade do SIEP, actual administrador do edificio.

Tendo confirmado que si é responsabilidade do SIEP o entapiado das xanelas, non queda ainda claro quen está a pagar os gastos de contratación dun garda 24h diante do cárcere. A información que continuamos a ter con respecto a quen enviou as 5 patrullas de policia ao cárcere o dia da acción de Brigada de Limpeza é a que no seu día nos deu a propia policia, que afirmou que foran avisados polo concello dunha tentativa de ocupación. Isto non foi nin confirmado nen desmentido polo Concello, nen abordado pola Concelleira de Cultura nesta reunión.

Por outro lado, a concelleira mostrou interese en facer un proxecto no espazo, comunicando que o cárcere estaría incluído no plan “Coruña Futura”, ainda que non nos especificou qué tipo de iniciativa se levaría a cabo neste espazo, nen se neste plan se contempla unha consulta pública na que a cidadanía e iniciativas socioculturais da cidade poidan ter un papel relevante.

En calquera caso, o cárcere non é de momento unha prioridade para o actual equipo de goberno, posto que a  súa cesión por parte do SIEP implica un desembolso monetario que o Concello non se pode permitir a día de hoxe.

Perante a presentación dixital de Proxecto Cárcere, elaborada por Dinorah e Martiño, as representantes do Concello manifestaron os seus parabens polo traballo feito pola Plataforma, e a concelleira de cultura propuxo unha xuntanza coa concellería de urbanismo e infraestruturas para falar polo miúdo do estado do cárcere e posibeis solucións.

Nesta semana contactaremos outra vez co Concello para establecer unha data para a reunión con urbanismo.

De parte do SIEP non temos recibido ninguha comunicación en resposta á carta que enviamos hai unhas semanas e que se pode ver aqui.

Está nos nosos pláns continuar a solicitar unha reunión con esta entidade e demandar unha respota ás nosas comunicacións.

Seguiremos informando deste tema a través deste blogue.

O Contorno da Torre tense de protexer para conservar o título de Patrimonio da Humanidade

O presidente do Instituto da Torre de Hércules, Segundo Pardo, o arquitecto Fernando Agrasar e o vicepresidente da APIT (Asociación Profesional de Informadores Turísticos) aconsellan reflexión e creatividade para deseñar un plan director que poda salientar o monumento e o seu contorno, no que se inclúe o antigo cárcere provincial.

“…E outra mais: xa forma parte do debate cidadán o futuro do edificio do cárcere, que se está a destruir, e tratámolo como algo independente do valor arquitectónico da Torre e do seu contorno, cando é unha peza chave.”

“Temos de poñernos as pillas co edificio do cárcere. Se ese edificio continúa a pertencer a Institucións Penitenciarias, o que se ten de facer é negociar ou saír á rúa, se fai falta. É grande, si, pero está cair.”

“Non ter que ser todo para o museo da Torre, pero hai moita cantidade de aparellos, de cuestións relativas á Torre que están espalladas por toda España. E se poden facer tamén outras cousas, cultural, social…”

Para ler o artigo completo preme aqui

Reunión coa Concellería de Cultura mañá 15 de Maio

Como resposta á Brigada de Limpeza que a Proxecto Cárcere realizou o pasado mes de Marzo, e á carta enviada ao alcalde da Coruña, fomos convidadas/os para unha reunión coa Concellería de Cultura. Esta reunión terá lugar mañá, 15 de Maio e nela presentaremos as nosas propostas para parar o deterioro do cárcere e posibeis usos públicos do mesmo.

Informaremos do acontecido nesta reunión proximamente.

 

Asamblea de Maio de Proxecto Cárcere

A próxima asamblea terá lugar o venres 25 de Maio no CS Gomes Gaioso às 20h.

 

 

 

 

 

Proposta de orde do día (enviade as vosas aportacións)

1. Informe reunión coa Concellería de Cultura

2. Plan de Viabilidade (complexión e divulgación)

3. Datas e organización das próximas Xornadas

3. Financiamento Plataforma

4. Grupos de Traballo

5. Relevo do Grupo Coordinador

6. Varios:

  • Encontro Rede Transibérica – 29,30 de Xulio e 1 de Xuño
  • Divulgación traballo Dinorah