Xornada de Apertura do Cárcere

photo_2018-07-30_17-45-08
Temos o pracer de convidarvos á Xornada de Apertura do antigo Cárcere da Coruña que terá lugar o sábado 4 de agosto de 11:30 a 23:30.
Con este evento queremos dar início á actividade pública dos primeiros 200 m2 deste emblemático edificio. Sabemos que é só abríndoo e dotándoo de vida que se poderá conseguir a súa rehabilitación total e uso para múltiples iniciativas da nosa cidade.
A nefasta política de feche e abandono do Cárcere durante os últimos 7 anos demostrou non ser a mellor das opcións para manter en boas condicións un inmoble protexido por patrimonio e de importancia arquitectónica e social para A Coruña.  Acollemos o reto de poñer a nosa enerxía e traballo para non deixar que iso siga a acontecer.
Por iso facemos un chamamento á asistencia a esta xornada así como a presentación de propostas e apoio aos fins deste proxecto para que o Cárcere sexa recuperado para todas nós.
O sábado comezaremos coa inauguración do Cárcere a cargo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, continuando coa entrada no espazo que se vai poder utilizar durante esta primeira fase de cesión de uso.
Dentro do edficio poderán verse as exposicións do “Jail Art” de arte postal, unha selección de Obxectos do Cárcere, e proxeccións e materiais dos 7 anos de loita da Asociación Proxecto Cárcere para rehabilitar e recuperar o Cárcere para a cidadanía.
Daremos logo paso ás actuacións e actividades coas que tan xenerosamente nos agasallan diversas artistas e colectivos da cidade que participan de forma totalmente altruísta.
Son d’Aqui, Cantareiras da Comuna, Micki y amigos, Samuel Galan, Antía Gómez Ortega, Alba Cotelo, Teatro Alfaiate, Gonçalo Guerreiro, Marcos Casás e Swing Coruña. Danza, música e teatro para non parar en todo o día.
Teremos un espazo para o xantar que se pode utilizar á vontade ou se se prefire traer a comida da casa ou utilizar os bares e restaurantes próximos.
Esperámosvos
Proxecto Cárcere Apertura programa2

Asemblea Xeral xullo 2018

banner_carcere.png
Mañá domingo 29 ás 19h no Cárcere, terá lugar a Asemblea Xeral de xullo.
As Asembleas do Cárcere son abertas a todas aquelas persoas afíns aos principios e valores de recuperación do antigo cárcere da Coruña como centro sociocultural autoxestionado.
ORDE DO DÍA:
  1. Organización Asemblea (5 min)
  2. Manual de Funcionamento (30 min)
  3. Información Xúridica (5 min)
  4. Relacións co Concello (20-30 min)
  5. Estratexias de Financiamento (Indagación) 30 minutos
  6. Ramplas auto-construccións (10 minutos)
  7. Apertura xestión de comunicación (10 minutos)
  8. Avaliación rolda de prensa 26 de xullo (5 minutos)
  9. Leitura acordos (5 minutos)
  10. Avaliación e feche (5 minutos)

Boletín Informativo – 24 de Xullo 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, 24 de Xullo 2018

xornadas fermosurailSen presa pero sen pausa imos sendo máis.

Esta semana continuamos cos traballos de limpeza e mantemento no Cárcere grazas ao labor e cariño incansable do voluntariado e do Grupo de Traballo de Loxística e Fermosura. Podes consultar datas no panel de entrada (foto) ou no noso blog Xornadas Abertas de Arranxo e merendola

O xardín da entrada está cada vez máis limpo e axeitado. A comunidade gatuna, que nos acompaña e que tan ben coidan Chus e cía, tamén parece agradecida e cada vez se achegan máis a nós.

Limpamos mobeis, imos adecuando as diferentes estancias, organizando o día a día do espazo e do proxecto.

E temos xa case finalizada a segunda rampla!

Moradoras e voluntarias coordinadas pola Comisión de Infraestruturas realizaron a do acceso da entrada.

Isto permitirá cumprir co noso obxectivo de que todas as persoas poidamos entrar no Cárcere para a Festa de Apertura.

As ramplas están construídas con materiais reciclables como estructuras mobeis temporais, respondendo a procesos orgánicos e espontáneos, onde prima cubrir en cada momento as necesidades do espazo e as persoas que o utilizan.

Grazas a todas!

rampla 2

Cada vez máis xente se aproxima ao Cárcere para preguntar sobre el e especialmente para falarnos del. Hai moita xente con historias moi interesantes de familiares ou delas propias que alí estiveron.

Hai tristeza, emoción… e sobre todo moito apoio por ter o espazo aberto, porque a xente poida entrar e recordar, e falar do pasado.

É bastante xeralizado o desagrado de que as autoridades responsabeis deixaran deteriorar o espazo deste xeito, sen facer nada para o rehabilitar ou darlle un novo uso. Din que é unha vergoña, nós tamén o pensamos.

Dá moito ánimo saber que non somos as únicas que temos o desexo de que se poida ir accedendo ao resto do edificio e que sexa para uso da xente, de todas nós.

Con este fin, seguimos alén do traballo físico coas nosas comisións de Comunicación, Xestión, Proxectos, Infraestructuras, coa Horta… a tope para facilitar a participación e comunicar o que se quere facer e como.

A Festa de Apertura vai collendo forma con artistas xa veteranas nas actividades de Proxecto Cárcere e outras novas que estamos desexando coñecer. todas elas de forma altruísta. E teremos información do que foron estes 7 anos de loita para poder entrar, limpar e darlle unha nova vida.

Se queres participar con algunha actividade fainos saber o antes posibel envíando email a proxectocarcere@gmail.com

Hoxe tivemos a primeira reunión da Comisión de Seguimento co Concello da Coruña. Nesta comisión participan 3 representantes do Cárcere  e 3 representantes do Concello. Ten como obxectivo establecer unha canle de diálogo de igual a igual, coordinada e fluída, e respectuosa coas necesidades e ritmos das diferentes partes.

De momento o volume de papeleo é considerábel e observamos que os procesos burocráticos van algo desaxustados coa actividade máis orgánica da acción social.

Somos conscientes de que esta é unha experiencia nova na cidade e que precisa dunha aprendizaxe mutua, capacidade de diálogo e tempo e paciencia. O que pensamos non falta a ningunha das partes.

Tamén nesta semana recibiremos aos medios de comunicación para informar sobre como está a ser este momento de entrada física no Cárcere e próximos eventos como a Festa de Apertura o sábado 4 de Agosto.

Seguimos informando

Xornadas Abertas de Arranxo e merendola no Cárcere

Vinde atusar e poñer fermoso o Cárcere!!
 
Convidámosos ás vindeiras tres Xornadas Abertas de Arranxo e merendola no Cárcere:
  • O sábado 21 de xullo, de 12h a 14h e de 17h a 21h.
  • mércores 25 de xullo de 17h a 21h.
  • sábado 28 de xullo de 17h a 21h.
O Cárcere xa loce moito máis fermoso e agradable gracias ás á toda a xente que veu colaborar nas dúdas primeiras Xornadas Abertas de Limpeza. Conseguimos rematar as tarefas gordas de limpeza! Viva!  Nesta semana propoñémonos meternos xa en fariña con pequenas obras e labores de envelecemento. Se vos apetece facer masa, arranxar o xardín, lixar, pintar, crear un xardín colgante, crear unha sala de reunións, construir rampas-moble…e en xeral, traballar coas mans, vindevos ao Cárcere! Non se precisa experiencia.
limpeza
SummerSale (1)
Xa sabedes que se vos animades vos convidámosvos a merendar conosco e o sábado, tamén ao vermú.  Podedes contribuir tamén vós con algo para compartir na merendola. O que si, traede roupa de trote, que o Cárcere segue deixando pegada!
photo_2018-07-14_18-29-11

Se vos morredes por coñecer o Cárcere ou reencontrarvos con ela e tedes un oco nas vosas axendas, esperámosvos!
Un saúdo,
Equipo de Loxística e Fermosura do Cárcere

Boletín Informativo – 16 de Xullo 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, 16 xullo 2018

E xa comezamos a abrir o Cárcere.

Esta semana tivemos dúas xornadas de limpeza con merendola. Veu xentiña a nos axudar e a interesarse polo proxecto. Veciñas do barrio, Espiga, Oasis, voluntarias individuais, xente nova e turistas que tamén se achegaron a coñecer sobre o Cárcere.

Foi un gusto ver por fin este espazo cheo de xente.

Tivemos tempo de traballar, de comer e de cantar, grazas ás pandereteiras da querida Comuna que sempre están aí para o que faga falta.

Tamén coñecimos ao colectivo Recetas Urbanas que ofreceron o seu saber facer e poidemos completar unha das rampas que precisa o Cárcere. Moitísimas grazas!

E xa temos data para a Festa de Apertura, será o sábado 4 de agosto durante todo o día. Haberá actuacións, exposicións e máis sorpresiñas e sobretodo será un momento para que todas as persoas interesadas vos acheguedes a coñecer o espazo e saber como funciona.

Daí para adiante o Cárcere estará aberto para todas.

Semana a semana, seguiremos informando.

 

Animádesvos a vir poñer o Cárcere fermoso?

Convidámosos a dúas Xornadas Abertas de Limpeza e merendola no Cárcere:
  • O mércores 11 de xullo, de 17h a 21h.
  • O sábado 14 de xullo de 17h a 21h.
As moradoras do Cárcere estamos a traballar en poñela bonita e sacarlle lustre de cara a súa presentación en sociedade nas vindeiras semanas. Queremos convidarvos a colaborar connosco nestas tarefas e limpeza e pequenas obras de mellora. Temos moitas tarefas na nosa lista! Seguro que algunha vos ha prestar!
photo5913588956757339587.jpg
Ás que vos animades a vir botarnos unha man, convidámosvos a merendar conosco: café, te, zume, pastas, froita e boa compaña. O que si, vide con roupa de trote, que o Cárcere deixa pegada!
photo5859703111650749821.jpg

​Se vos morredes por coñecer o Cárcere ou reencontrarvos con ela e tedes un oco algunhas desas tardes, aquí vos esperamos!

Un saúdo,
Equipo de Loxística e Fermosura do Cárcere
Proxecto Cárcere

Boletín Informativo – 8 de Xullo 2018

BOLETIN_PC_2A Coruña, 8 de Xullo 2018

E como van as cousas no Cárcere?

Pois as obras interiores do espazo co que imos abrir xa están rematadas. Temos o baño adaptado terminado e xa temos algúns mobles cos que comezar a funcionar. E café e wifi!

photo_2018-07-01_22-10-31

Habitat social e Espiga vannos axudar cos traballos de acondicionamento. Moitísimas grazas!

Fáltannos as rampas de acceso. Xa comentamos que para nós é fundamental que todas poidamos entrar no Cárcere. Comunicámonos co Concello para que nos deran información ao respecto.

E case rematando o Manual de Funcionamento, do que xa podedes ver cada vez máis información no noso blog.

No Cárcere podemos participar todas, tanto asistindo a eventos ou achegándonos a coñecer o espazo, como presentando actividades puntuais ou proxectos de medio-longo prazo.

E tamén, e o que diferencia este proxecto doutros, é que ti podes ser parte do traballo común de facer que todo isto sexa posíbel. Podes participar na organización ou simplemente axudar con algunha das tarefas que se van presentando.

photo_2018-06-15_19-40-46

A cidadanía collendo a responsabilidade e capacidade de toma de decisións sobre os espazos públicos, sobre os seus usos e priorizando as súas necesidades sobre outros intereses, é un dereito e unha oportunidade que nos ofrece o Cárcere hoxe.

Se queres saber máis contáctanos en proxectocarcere@gmail.com

E por último, pero non menos importante, avisárvos de que andamos xa a preparar unha nova Xornada de Benvida, para aquelas que queirades participar no Cárcere, e unha Festa de Apertura á que estades todas convidadas das que daremos datas en próximos boletíns.

Unha aperta forte