Este foi un ano de grandes logros pois finalmente e despois de 7 anos de revindicacións conseguimos que o cárcere da Torre estexa moi próximo a ser aberto para o uso da cidadanía da Coruña.
A elaboración da proposta para a convocatoria na que participaron persoas novas no proxecto foi sen dúbida crucial para podermos dar ese paso final que precisábamos neste longo camiño.
As actividades e proxectos que se iniciaron este ano como as Hortas Comunitarias, O Paseo de Jane, A Escola, o encontro Vis a Vis ou a celebración do VII Aniversario conectáronnos coa importancia de compartir e celebrar experiencias e saberes.
Coñecemos ás que xa son as nosas amigas de Pumarejo, Can Batlló e La Tabacalera, coas que esperamos poder contar para baixar á terra este soño dunha Casa Aberta con Fume que desexamos sexa o cárcere.
Tamén tivemos procesos internos de aprendizaxe, ilusión, encontros e desencontros que se ben non sempre foron faciles sen dúbida foron esenciais para o proceso de pasar da teoría á práctica, na que aínda estamos.
Fechamos o ano ollando para atrás coa intención de aprender e ollando para adiante coa ilusión dunhas portas abertas para tornar un lugar de represión nun de cultura e liberdade.
Esperámosvos

Foto de familia no Vis a Vis. Encontro de Espazos Autoxestionados (Decembro 2017)