Sobre o Cárcere

10563066_724542744293954_6063010491297303660_n

A prisión provincial de A Coruña foi inaugurada no ano 1927. Obra do arquitecto Celestino Aranguren Alonso, substituíu ao antigo cárcere situado no paseo do Parrote e das Galeras para as mulleres e supuxo un cambio importante nas condicións de vida das persoas reclusas.

Os estudos penitenciarios de Concepción Arenal (Ferrol, 1820-1893), visitadora de cárceres, escritora e activista feminista galega, nos que demandaba condicións humanitarias para as presas e presos nos cárceres, foron influíntes no deseño deste edificio como consta na placa da entrada do mesmo.

arenal

Concepción Arenal (Ferrol, 1820-1893)

O lugar escollido para o que chamaron “Novo Cárcere” foi o da antiga estrada de
circunvalación (hoxe paseo marítimo) próximo á Torre de Hércules e moi preto do antigo polvorín das Lagoas.

O cárcere na primeira metade do século XX

Entre os seus muros estiveron encadeados desde membros locais da Falanxe nos seus inicios para mais tarde, despois do alzamento nacional, ser destino de presas e presos políticos, entre eles o guerrilleiro anarquista Foucellas, ou o secretario do PCE de Galiza, Gomes Gaioso ( ámbolos dous mortos a garrote vil).

Cesou á súa actividade ordinaria de cárcere no ano 1999, pasando a funcionar como
centro de inserción social ata o ano 2009, no que pechou definitivamente as súas portas.
Os usos que se lle pretendían dar ás instalacións, segundo os medios informativos da
cidade, ían dende un parador turístico, unha Casa da Tecnoloxía, ou un centro de interpretación da Torre de Hércules. Ningún destes proxectos chegou a concretarse ata xuño 2018 en que por fin se abriu á cidadanía.

Hai que subliñar que dende o ano 2010, celebráronse na prisión esporádicos e diferentes actos culturais, p.ex. o festival de cine periférico S8, a exposición de Isabel Coixet “From I to J”, as Xornadas de proxecto Cárcere, a inauguración do Día Internacional da arquitectura, organizada polo COAG (Colexio Oficial Arquitectura de Galicia), abrindo ao público un espazo ata o de agora descoñecido para moitos. Grazas a estas iniciativas comprobáronse as grandes potencialidades do edificio como lugar multidisciplinar e versátil.

5337145e9aed3-carcere

Descrición arquitectónica

Trátase dunha arquitectura ecléctica que responde a unha tipoloxía penitenciaria  derivada das formas panópticas, nas que se permitiría vixiar aos presidiarios sen ser vistos e optimizando así os recursos, posto que reduce o número de vixiantes considerablemente.

Segundo a súa planimetría orixinaria, que se atopa no Arquivo Histórico de A Coruña, o edificio da prisión atoparíase distribuído en torno a un altar central baixo a bóveda central dende a que ramifican os brazos. A entrada faríase a través do edificio da fachada principal que sería dunha soa altura. Unha vez atravesado o patio perimetral
adentraríamonos no cárcere que tería unha estrutura similar ao actual, pero con varios cambios substanciais, coma por exemplo, as intervencións posteriores nas que se incrementou unha altura ao módulo nordeste e noroeste (nos planos constan dunha soa altura) ou os cambios do patio nordeste, que se divide e se constrúen dúas novas edificacións que serven para dar continuidade ao módulo de mulleres e coma almacén respectivamente.

Organización espacial e superficies
Consiste nun gran espazo rectangular rodeado por un muro de cerramento perimetral con catro garitas nas esquinas. As galerías das celas posúen unha estrutura radial. O centro, cuberto por unha cúpula, alberga os servizos centrais (cafetería, biblioteca, economato…), e del parten os catro brazos en forma de cruz. En tres destes brazos están situadas as celas e galerías. O cuarto brazo adícase á entrada.

Illadas dentro do patio están as unidades destinadas a mulleres e mozos. Os servizos
administrativos están fora dos muros e teñen un dobre acceso, dende o exterior e dende a porta blindada de entrada que cerra o recinto. A súa fachada oculta unha das cruxías do muro do cerramento, intentando ofrecer un aspecto amable cara o visitante.

planos

Valor patrimonial
Arquitectonicamente trátase dunhas das poucas construcións carcerarias de interese singular en Galicia, un edificio de estilo ecléctico que responde a una tipoloxía penitenciaria derivada das formas panópticas.

Dende un punto de vista histórico, o cárcere da Torre xoga un papel destacado no relato social da Coruña e mesmo de Galicia do século pasado, constituíndo a día de hoxe un claro referente dentro do imaxinario colectivo da cidadanía.

A conxunción destes valores converten o edificio nunha peza cun alto interese patrimonial, calidade que non só deberá ser protexida senón potenciada, atendendo aos novos usos e á nova relación coa cidade que sexamos capaces de implementar.

Grupo de Traballo de Infraestructuras Proxecto Cárcere from MrEIDANPELIS on Vimeo.