Comunicado en Denuncia da Campaña de Descredito do Partido Popular contra Proxecto Cárcere

Este comunicado vai dirixido a todas as cidadás e cidadáns da Coruña, que consideramos teñen o dereito de ser informadas con claridade e respecto sobre Proxecto Cárcere e a proposta presentada ao Concello para a xestión e dinamización da antiga prisión provincial de A Coruña.

Dende Proxecto Cárcere queremos comunicar a nosa indignación ante a campaña de descrédito que o Partido Popular está a facer sobre a nosa Asociación nos últimos meses. É unha irresponsabilidade que, na súa estratexia contra un partido político, o Partido Popular retorza a información e dane de xeito colateral o traballo dunha asociación cidadá. Especialmente deplorable é a elaboración dun folleto con acusacións  que consideramos moi graves, cunha imaxe sacada do noso blog acompañando o texto “El chiringuito de Xulio Ferreiro” e facendo alusións de “amiguismo” con Proxecto Cárcere. Nesta imaxe, ademais, aparecen persoas que nada teñen que ver co xogo político e, polo tanto, non deberían ser usadas deste xeito. Estes folletos foron distribuídos buzón a buzón e a través das redes sociais na pasada semana e a información incluída nel foi asumida como boa e veraz por algún medio de prensa.

As nosas intencións e obxectivos nos sete anos que levamos de traballo voluntario foron sempre claros: a recuperación e rehabilitación do vello cárcere da Coruña e a súa transformación dun centro de represión a un lugar de expresión e liberdade.

En todo este tempo, e dado que dende o inicio decidimos que sería a través do diálogo coas institucións como poderíamos alcanzar os nosos obxectivos, tivemos encontros con todos os partidos políticos da cidade, PSOE, BNG, PP, EU e Marea, nas que lles presentamos o noso proxecto e denunciamos o estado de abandono en que se encontraba o edificio.

Co goberno do Partido Popular do 2011 ao 2015 tivemos varias reunións nas que, se ben non levaron a corrixir a situación do cárcere, o trato foi sempre respectuoso.

Recoñecemos publicamente o seu acerto cando decretou a anulación do Convenio de 2005 en aras de conseguir a reversión gratuíta do edificio e pelexou nos Tribunais para que os terreos cedidos ao Ministerio de Interior foran devoltos á cidade ao deixar de ter usos carcerarios.

Co cambio de goberno municipal en 2015, Proxecto Cárcere, seguindo a mesma liña de independencia de organizacións políticas e de diálogo coas institucións que ten dende 2010, mantivo diversas reunións cos responsables municipais de Marea Atlántica.

Dende Proxecto Cárcere non imos comentar sobre as Bases de Convocatoria do concurso público e o proceso de adxudicación realizado polo Concello da Coruña porque loxicamente non temos coñecemento de como se elaboraron e porque entendemos que corresponderá no seu caso, se o Partido Popular finalmente o impugna, aos tribunais de xustiza valoralo, como xa fixo tamén a asesoría xurídica do Concello.

Proxecto Cárcere concurreu a unha convocatoria pública, que non inclúe  dotación económica para a xestión e dinamización do cárcere, como tamén o fixo outra Asociación, resultando a nosa proposta gañadora por decisión do comité avaliador.

As nosas propostas de xestión e usos, que compilan o traballo e achegas feitas por persoas e colectivos durante estes sete anos, son ben coñecidas por todas as forzas políticas, Partido Popular incluído, ás que lles entregamos estes documentos e coas que nos reunimos para comentalos e, no seu caso, melloralos. Foron tamén abertamente divulgados a través de xornadas de presentación pública e están dispoñibles no noso blog.

Por todo o aquí exposto, esiximos que o Partido Popular da Coruña rectifique a súa postura, absténdose de usar as nosas imaxes e información de xeito falaz e mostrando respecto a Proxecto Cárcere, os seus principios e valores e todas as persoas e colectivos que formaron parte, o fan agora, ou  poidan facelo no futuro.

Facendo ánimo de boa vontade, unha vez máis, ofrecemos ao Partido Popular e ao seu gabinete de comunicación ter un espazo para o diálogo de cara ao restablecemento das boas relacións entre ambas partes.

Do mesmo xeito, recordamos aos medios de comunicación que, se o precisan, poden poñerse en contacto con nós para ter información de primeira man e contrastada, non sen agradecer tamén os espazos que se nos deron ata agora.

Proxecto Cárcere

 

Contacto:  proxectocarcere@gmail.com -616603125  / 678381459

Que é Proxecto Cárcere? http://proxectocarcere.blogaliza.org/2017/09/10/que-e-proxecto-carcere/

Referencia á campaña do Partido Popular

http://www.pposrosales.com/2017/11/xulio-ferreiro-canta-como-georgie-dann.html

 

“Vis-a-Vis: Encontro de Centros Sociais Autoxestionados

Convidámosvos a todas ao “Vis-aVis: Encontro de Centros Sociais Autoxestionados” que estamos a organizar para o Sábado 2 de Decembro no IES Menéndez Pidal (Zalaeta) parte do programa Cultura de Barrio do Concello da Coruña.

Nesta xornada que comezará ás 10h30 da mañá e continuará ao longo de todo o día ata as 20h aproximadamente, contaremos coa presenza de tres centros socioculturais autoxestionados similares á proposta que Proxecto Cárcere ten para a antiga prisión provincial da Coruña, que será xestionada pola cidadanía a principios do 2018 e durante 1 ano.

Casa Grande del Pumarejo en Sevilla, Can Batlló en Barcelona e La Tabacalera de Madrid, falarannos sobre a súa experiencia de xestión cidadá dun espazo público.

PROGRAMA

 

Sábado 2 de Decembro

10:30 a 14:00: Presentación e diálogo “Da teoría á práxis” con representantes de Casa Grande del Pumarejo, Can Batlló e La Tabacalera.

14:00 a 16:30: Tempo libre para xantar

16:30 a 19:00: Conversa aberta “Ten futuro un espazo así (público e autoxestionado/xestionado pola cidadanía) na Coruña?” coa participación informal dos centros sociais activos na cidade e toda aquela persoa que queira compartir a súa experiencia.

Domingo 3 de Decembro

11:30: Visita Guiada a cargo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

+ información en: https://visaviscarcere.wixsite.com/2017

7º ANIVERSARIO DE PROXECTO CÁRCERE

O 20 de Novembro facemos 7 anos en Proxecto Cárcere e queremos convidarvos a unha pequena celebración o Domingo 19 ás 17h en frente do Cárcere da Torre.

Faremos unha acción, como é habitual, leitura de manifesto, e un brinde polos 7 anos. Todo amenizado con música do país.

Gostaríanos moito que vos unísedes a nós, especialmente neste momento en que estamos tan próximas de entrar no cárcere.

Un especial agradecimento a todas as persoas, colectivos e organizacións que durante este tempo estivestes dun xeito ou outro connosco.

“Nunca dubide que un pequeno grupo de persoas conscientes e unidas poda ser quen de mudar o mundo; de facto, sempre foi somente así que o mundo mudou”

Fritjof Capra

 

Hai 7 anos permitímonos soñar que un espazo que albergara dor e sufrimento podería tornarse nun lugar onde a creación e o pensamento libre invadiría as nosas vidas.

Emocionámonos coas historias que contaban as súas paredes, as persoas que narraran a súa vivencia desde dentro e desde fóra do cárcere da Torre.

Unha mestura de tristeza e curiosidade e crecente ilusión metéusenos no corazón e xa non nos abandonou máis nunca.

Foron moitas as persoas que compartimos este soño e con cada unha delas íase facendo máis e máis grande, e máis e máis forte.

Persoas a nivel individual e outras pertencentes a grupos de diversos ámbitos uníronse ao que deu en chamarse Proxecto Cárcere.

O camiño foi longo, máis longo do que pensabamos, e non libre de dificultades. Tivemos que ser testemuñas de como un edificio baleiro, sen uso, nin proxectos a corto ou longo prazo por parte das institucións responsabéis, ía deteriorándose sen poder nós facer nada. Non podíamos entender como as institucións non se alegraban pola mobilización da cidadanía para construír cultura desde abaixo, coas súas propias mans, simulando ás mans que antes das nosas, e das propias institucións, construíran esta cidade.

É só posíbel darlle vida a expresións sociais, musicais, educativas, artísticas… se estas xurden daquelas persoas que cada catro anos ocupan desde un partido político X a xestión da sociedade? Non é factíbel e tal vez máis sustentábel que haxa proxectos que sexan xerados polas propias cidadás procurando unha continuidade alén de mandatos con data de caducidade? Non sería máis adecuado que estes procesos de creación e participación puidesen adecuar os tempos ás súas necesidades, en vez de que sexan os tempos administrativos os que determinen o seu inicio e fin de vida?

Como se pode demandar unha sociedade madura e participativa se non se lle permite acceder á práctica, á experiencia física de experimentar, acertar e errar, como condición indispensábel para a súa propia aprendizaxe e desenvolvemento?

En Proxecto Cárcere apostamos polas persoas e pola creación de proxectos que podan sobrevivir dacordo aos seus propios ritmos e necesidades. Non esperamos que todos eles sexan gañadores de antemán, precisamente este pretende ser un lugar onde poder soñar e crecer sen corsés convencionalistas. Será precisamente ese lugar onde comezar a escribir a nosa historia e onde se nos permitirá borrar, facer tachóns, intentar e volver a comezar se for necesario.

Para que isto fose posibel tivemos que resistir durante 7 anos e foi sen ningunha dúbida grazas ao apoio e respecto de todas vós. Por iso, agora, no ano 2017, no que conseguimos que o cárcere da Torre pase a mans da cidadanía da Coruña, sentímonos moi orgullosas pero principalmente moi agradecidas a todas aquelas persoas, grupos e organizacións que durante todo este tempo formaron dunha maneira ou outra parte de Proxecto Cárcere.

Grazas á Concellería de Cultura do bipartito BNG-PSOE do 2010 por organizar os Encontros sobre novos modelos participativos de xestión cultural. Foi neles onde se plantou a semente da que xurdiría Proxecto Cárcere.

Grazas a todas as persoas e colectivos que a pesar das dificultades e de ter o Nadal próximo se reuniron durante os primeiros meses para darlle forma ao que sería a plataforma cidadá.

Grazas a todas as que estando activas ou non no día a día da plataforma quixestes mantervos informadas, colaborar puntualmente ou asistir aos eventos que se organizaron e seguir sendo parte da lista de participantes de Proxecto Cárcere.

Grazas a todas as artistas e colectivos que lanzastes propostas en tempo récord para montar as Xornadas de Portas Abertas do 2011. Grazas a todas as que asististes durante eses 4 días onde vimos o noso soño facerse, brevemente realidade. Xa nunca o puidemos esquecer.

Grazas a Rede Transibérica de Espazos Culturais Independentes, que nos acolleron como unha máis desde o inicio a pesar de nós non ter espazo físico. Grazas polo recoñecemento que sempre nos destes e especialmente grazas por decidir organizar o IV encontro na nosa cidade no ano 2015 e falar coas institucións daquel momento para mostrarlles a viabilidade deste proxecto a través da vosa experiencia.

Grazas a Cuac FM por darnos como premio “Oscuac 2011”, ao mellor colectivo da cidade, unha hora de emisión de radio durante 3 meses. Gustounos tanto que resultou nun programa “Ondas do Cárcere” fundamental na nosa historia desde 2012 .

Grazas ao COAG (Colexio Oficial de Arquitectxs de Galicia) e á ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) polo seu apoio, convites, colaboración en diferentes ocasións ao longo destes 7 anos. Especialmente grazas ao estudantado polos seus proxectos de Fin de Carreira sobre o cárcere.

Grazas a todas as que enviastes propostas para o cárcere na campaña “E ti que farías aqui?”. Foi coa vosa xenerosidade e boas ideas que poidemos elaborar o Plan de Viabilidade, documento fundamental deste proxecto que hoxe continúa a ser de referencia para nós e para todas as que o queiran utilizar.

Grazas a todas as que participastes nas diferentes accións de divulgación do proxecto e denuncia do estado do cárcere, a Brigada de Limpeza, o Jail Art, SOS Cárcere da Torre, no Coruña Baleira, Jail Vermús, Tempo de Cereixas, Aniversarios, etc.

Grazas por convidarnos a diferentes eventos, congresos, xornadas para presentar o noso proxecto de recuperación dun cárcere en desuso en centro sociocultural e da memoria.

Grazas as persoas artistas e músicas por regalarnos a vosa creatividade en cada ocasión que volo pedimos, e esas outras en que nola ofrecestes vós directamente.

Grazas a todos os colectivos, establecementos e particulares que nos cedestes o voso espazo para poder facer reunións e asembleas semana si e semana tamén. Sen vós a nosa vida tería sido moito máis complicada.

Grazas aos diferentes partidos políticos que nos recibistes e especialmente aos que crestes nesta proposta, estiverades no goberno ou non, e que o seguides a facer.

Grazas aos medios de comunicación, prensa, radio, televisión, que ao longo deste tempo atendestes as nosas notas de prensa, cubristes os nosos eventos, aínda que estes foran humildes, e quixestes informarvos e informar a cidade con veracidade e profesionalidade.

Grazas a todas as persoas e colectivos que estades a presentar proxectos en firme para a próxima apertura do cárcere.

E grazas a todas e cada unha das persoas coas que compartimos tardes, noites, ilusións e desacougos desde o día 1 ata hoxe. Grazas á Asemblea de Proxecto Cárcere, grazas ao grupo coordinador, grazas aos grupos de traballo de Infraestruturas, Comunicación, Financiamento, Xestión, Proxectos, Hortas, Memoria, Radio e Escola.

Sen todas vós isto non tería sido posibel.

En 2018 as portas do cárcere volven estar abertas para ti