Comunicado cesamento actividade no Cárcere

Con moito pesar temos que anunciar o paro temporal de actividades públicas no antigo Cárcere da Coruña, un paro que esperamos sexa breve e con pronta resolución.

A razón que se nos expón por parte do  Concello para ese cesamento é que non se dan como válidas as comunicacións de parte das actividades realizadas durante estes meses ao non estar a seguir o procedemento administrativo adecuado.  O que non se nos di é cal é ese procedemento de comunicación, pois a día de hoxe, aínda non recibimos un protocolo claro, firme e coherente co contrato asinado en xuño de 2018.

A pesar de non ter esa información dende Proxecto Cárcere tentamos cumprir coa nosa parte e todas as actividades realizadas foron comunicadas por rexistro.

Sendo conscientes das dificultades e sen eludir o noso grao de responsabilidade na posta en marcha dunha colaboración pioneira na cidade entre institucións e movementos sociais apostamos pola paciencia, cautela e diálogo, polo que solicitamos varias veces reunións cos diferentes axentes implicados no proceso: departamento de Licenzas e Disciplina urbanística, concellerías de Rexeneración Urbana, Participación e Culturas, alcaldía e o comité de seguimento do contrato de cesión do Cárcere para a súa dinamización.

A única resposta que recibimos ata este mes foi do comité de seguimento, que non foi capaz de aclararnos o procedemento nin ofrecernos solucións concretas, deixándonos nun estado de confusión, incerteza e abandono tendo que tomar as nosas propias decisións en solitario.

Neste mes de decembro, a raíz de recibir unha nova comunicación relacionada coa deficiencia das comunicacións de actividade presentadas, fomos recibidas pola asesoría xurídica e o director da área de Rexeneración Urbana do Concello, que si nos indicaron verbalmente un protocolo máis concreto e razoábel.

Sentimos alivio e esperanza porque vimos como finalmente se re-abría unha vía de diálogo, vontade de colaboración e resolución de problemas por ambas partes. Se ben as dúbidas reaparecen cando ao querer aplicar este protocolo xorden novos requirimentos que contradín a información inicial, cando se paraliza unha actividade programada e comunicada sen nos avisar directamente, e para terminar de complicalo cando, na pasada semana ,  se nos comunica que a Xunta de Galicia considera que se están a incumprir a normativa autonómica neste proceso e se nos demanda por parte do Concello por escrito que presentemos nós un permiso emitido pola institución autonómica para poder continuar coas actividades.

Neste punto estamos con toda a boa vontade de colaborar na medida da nosa responsabilidade e capacidades, a pesar da evidente descoordinación entre as administracións local e autonómica que esperamos se clarifique para poder reanudar a actividade o antes posíbel.

Paralelamente imos iniciar un proceso de análise e avaliación destes 6 meses de experiencia dentro do Cárcere, a pesar das limitacións espaciais e de uso público, as dificultades administrativas e as presións políticas alleas a Proxecto Cárcere, que indubidabelmente prexudicaron a nosa tarefa de dinamización cidadá do espazo. Cos resultados deste traballo reflexivo elaboraremos unha serie de propostas de mellora que compartiremos publicamente coa firme intención de avanzar na rehabilitación do edificio e uso do mesmo por parte da cidadanía, obxectivos de Proxecto Cárcere dende hai 8 anos.

Queremos terminar agradecéndovos a todas as persoas, colectivos e organizacións que nos estades a mostrar apoio durante estes meses e incluso antes porque sodes a razón de que continuemos aquí, resistindo, e reafirmando o valor deste edificio e deste proxecto.

ASINA A CAMPAÑA –  O CÁRCERE: MÁIS E MELLOR!

 

 

This slideshow requires JavaScript.

 

Advertisements

8 anos de Proxecto Cárcere

Hoxe estamos de aniversario. Hai 8 anos que un grupo de xente diversa nos coñecéramos nas Xornadas de Novos Modelos de Xestión Cultural e decidiramos pouco despois constituirnos como Plataforma.

Vimos no Cárcere unha oportunidade para recuperar a nosa memoria e convertir un espazo outrora de represión nun de creatividade e liberdade.

Pensamos que tanta enerxía e vontade e sobretodo moito traballo altruísta sería valorado e non tardaríamos en ver a antiga prisión rehabilitada e chea de actividade cidadán.

Pero apesar de que en xuño de 2011 poidemos entrar e organizar as Xornadas de Portas Abertas,  que nos demostrou que non estabamos tolas e que era posibel materializar a nosa idea, tivemos que enfrentarnos a 7 anos de parálisis institucional vendo como o edificio se deterioraba.

Dende xuño deste ano estamos xa dentro dunha pequena parte do Cárcere, e dende agosto con actividade pública. Estes foron uns meses de moita ilusión e aprendizaxe, onde coñecemos a moitas persoas que dun xeito ou outro queren, como nós, que esta iniciativa avance.

Tamén houbo momentos dificiles e o futuro deste proxecto e deste espazo permanece a día de hoxe no ar.

Nós esperamos que toda a enerxía e cariño que se leva posto nestes 8 anos teña a súa merecida recompensa e que sexan por fin os intereses das persoas e a súa vontade de coidar e dar vida ao Cárcere, os que prevalezan.

Parabéns a todas por estes 8 anos de Proxecto Cárcere.

Boletín do Cárcere – Outubro 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, Outubro 2018

O cárcere quédase pequeno.

Dous meses despois da apertura dunha parte da antiga prisión provincial da Coruña o interés en visitar máis cárcere e facer máis actividades non fai máis que aumentar.

O uso do cárcere está moi limitado tendo que renunciar ao 80% das propostas de actividade que presentaramos para a dinamización do espazo en xullo de 2017. A falta de recursos para acondicionar máis espazo e con máis capacidade e diversidade de usos, fixo que este se reducira ao que na actualidade se pode utilizar.

CAMPANHA MAIS E MELLOR

Na campaña de sinaturas O Cárcere: máis e mellor, que termina este fin de mes de outubro, e que foi iniciada o mesmo día que entramos, xa puxemos de manifesto que este era só un primeiro paso e que era imprescindibel un compromiso político Concello – Cidadanía a medio e longo prazo.

Con este fin convidamos as diferentes organizacións políticas no goberno para que coñecesen o espazo e o traballo que se está a facer. Continuaremos con esta tarefa ampliando a outros axentes da cidade nas próximas semanas e logo comunicaremos resultados.

Para saber máis e asinar a Campaña fai click AQUI

Estamos a ver que as diferentes linguaxes e prioridades que podemos ter a acción cidadá e o sistema administrativo e político fan intrínseco un proceso que debería ser moito máis fluído e dialogado. Especialmente moito máis dialogado.

Supoñemos que con paciencia, vontade e a base de proba-erro iremos chegando a camiños de encontro que sexan eficaces e xustos para todas as partes.

Esta entrada, como xa manifestamos anteriormente, non é para nós a ideal, pero desde logo é mellor do que asistir impasibeis a un cárcere pechado e deteriorándose.

A nosa prioridade, agora como 8 anos atrás, é dar vida ao Cárcere a través da súa rehabilitación e uso sociocultural  por e para a cidadanía.

E nisto as cousas si están indo moi ben. Propostas de actividades moi diversas das que, nos enorgullece dicir, que todas durante este mes foron de xente allea ao Proxecto Cárcere. Persoas e colectivos que sinten este espazo como propio e que están dispostas a darlle unha outra vida.

Apesar de que o verán terminou continua a achegarse xente a preguntar e a saber si se podería visitar a parte interior, onde están as celas e panóptico, e a saber máis sobre que uso se lle quere dar. Oxalá pronto se poda dar tamén resposta a este desexo.

Unha visita que queremos mencionar especialmente foi a das Brigantias, que deron unha charla divulgativa sobre o Roller Derby. Este é un deporte de equipo en patíns autoxestionado polas xogadoras e de base feminista e inclusiva. Máis información AQUI

Elas, como nós presentaran a súa proposta para o Cárcere o ano pasado e desde hai tempo tiñamos moita vontade en coñecelas persoalmente.

Falaron do dificil que era acceder a pistas de entrenamento xa que na Coruña hai moitos clubes deportivos, o que é moi bo, pero insuficientes instalacións. Para o seu uso priorízase a clubes con maior número de participantes e máis consolidados, pero claro, para poder crecer hai que entrenar, e para entrenar hai que ter onde facelo. Vamos, a pescada que se morde a cola.

Podería ser o Cárcere unha posibilidade para dar resposta a esta necesidade cidadá? Os patios da parte de atrás chegan aos metros mínimos requeridos. De momento deixamos ese dado cima da mesa.

E xa continuando coa actividade de Outubro que vai xurdindo extraordinariamente. Este xoves 18 de outubro ás 19:00 teremos ao arquitecto social Santiago Cirugeda no Cárcere para falarnos de “O dereito á ilegalidade”.

Cirugeda propiciou que se fixeran as rampas de accesso ao Cárcere. Estas son estructuras mobiles feitas con materiais reciclabeis que fixeron posibel que desde o minuto 1 todas poidesemos entrar no cárcere.

Promete ser moi interesante, non faltes.

Máis información AQUI

E nós pois a facer moito traballo. As que vedes por ali limpando, ou falando coa xente, as que suben información ás redes, as que dan paso ás propostas e axudan nas actividades, as que descifran formularios, as que os presentan e as que atenden á prensa, somos todas persoas voluntarias.

Máis ben somos persoas namoradas do Cárcere, porque fai falta moito amor para dedicarlle tantos anos e tanto esforzo a un edificio, a un proxecto e á memoria que representa.

cartaz recollida memoria oral

As historias que nos están contando diversas persoas que se achegan ao Cárcere son un ben común que consideramos forman parte do patrimonio inmaterial da antiga prisión. Estamos a formar un grupo de “recolledoras de memorias” e tamén pedimos a quen queira que nos comparta a súa experiencia directa ou indirecta coa prisión.

Se estás interesada podes enviarnos email a proxectocarcere@gmail.com ou achegarte ao cárcere os días de mantemento.

Mércores, Venres e Sábados de 17:00 a 20:00 estamos no Cárcere.

Esperámoste.

Recollida da Memoria Oral do Cárcere

cartaz recollida memoria oral

Nestes primeiros meses de actividade no Cárcere tense achegado moitas persoas que dun xeito ou outro tiveron relación coa antiga prisión da Coruña.

Presas e presos, familiares que viñan a visitalas/os, traballadores e traballadoras do Cárcere, veciños e veciñas…

Cada historia convertiuse nun pequeno tesouro que nos facía coñecer máis este lugar que tanto quixemos reabrir.

Coa ilusión de compartir esta memoria xurdiu o proxecto que vos presentamos agora e do que nos gustaría participárades “Recollida da Memoria Oral do Cárcere”.

Será un proxecto en dúas fases iniciándose a primeira na próxima semana e durante todo o mes de outubro.

Logo farase unha formación para as persoas que vaian participar na segunda fase que terá lugar a partir de novembro e onde faremos o traballo máis sistemático de recollida de memoria oral.

Para poder realizar este proxecto precisamos persoas voluntarias con disponibilidade os mércores, venres e/ou sábados de 17:00 a 20:00 para ter conversas e toma de contacto coas persoas que se aproximen a contar as súas historias.

Se este proxecto che interesa e podes comprometerte polo menos un día por semana achégate o próximo martes 25 de setembro ás 20:00 ao Cárcere e/ou escribe a proxectocarcere@gmail.com

Esperámoste!

 

O “Novo Cárcere” 91 anos despois

cartaz 91 anos cárcere copy

O 20 de setembro do 1927 inagurábase este cárcere, como consta na placa da entrada na que se menciona a mellora que supuxo para as condicións das persoas presas, e na que se fai referencia ao traballo incansable da visitadora de prisións Concepción Arenal.

O xoves 20 de setembro de 2018 ás 20:00 faremos xunto coa CRMH (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica) unha pequena celebración recordando esta data 91 anos despois e as persoas que lá estiveron.

Celsa Díaz Cabanela, presa por motivos políticos durante o franquismo, será a encargada de colocar unha placa en homenaxe ás persoas presas no Cárcere.

Despois do acto haberá petiscos.

This slideshow requires JavaScript.

La Coruña sentía el oprobio de tener por Cárcel un inmundo caserón que el Poder renovados del Directorio Militar acordó derruir sustituyéndola por este amplio y soleado edificio en que los delincuentes podrán cumplir de modo más humano la prisión a que sean sometidos por imperio de la Ley en consonancia con el espíritu que inspiró el apostolado social de la insigne pensadora gallega Concepción Arenal.

Los esclarecidos coruñeses adoptivos Don José Calvo Sotelo y Don Mario Muslera Planes cooperaron eficazmente a la realización de esta obra.

El Ayuntamiento de La Coruña al dar en este mármol forma perpetua a su gratitud desea que la hagan suya las generaciones venideras”

El Alcalde, Manuel Casas, 20 de Septiembre de 1927

 

Podes ver máis información sobre o Cárcere no apartado de Historia do Cárcere deste blog Historia do Cárcere

 

Boletín Informativo – Setembro 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, Setembro 2018

Aqui está o noso boletín que agora será mensal mais non por iso menos interesante.

Durante estas semanas estivéronse realizando diversas actividades no Cárcere e recibimos moitas visitas de viciñas, persoas que por diferentes razóns estiveron dentro destes muros ou teñen familiares que aqui esitveron. Tamén viñeron turistas que visitavan a nosa cidade, a Torre de Hércules, as praias e este edificio non lles pasou desapercibido.

 


Todas estas persoas nos regalaron momentos moi especiais e nos mostraron o seu apoio para a rehabilitación do edificio e deste proxecto cidadá.

Agora co inicio do curso as propostas de actividade multiplícanse e a xestión do espazo comeza a asentarse. Podedes ver información actualizada no noso blog PROGRAMACIÓN

E como vai esta relación entre Concello e as xentes do Cárcere? Pois aos poucos imos entendendo, non sen dificultades, cal é a responsabilidade da cada unha. Esperamos que finalmente o entremado burocrático se clarifique e sexa xusto e equitativo para todas.

Este mes comezamos tamén as reunións cos diferentes partidos políticos no goberno. Todos eles foron convidados e esperamos que todos podan vir a coñecer o Cárcere e se involucren nos obxectivos principais da campaña de sinaturas “O Cárcere: máis e mellor”:

  1. Continuar coa rehabilitación do Cárcere. Incluíndo a realización inmediata das obras previstas para o verán.
  2. Facilitar a xestión cidadá do inmoble. Promover e defender a capacidade da cidadanía para crear e organizar acción social e cultural.

Para isto é imprescindíbel un compromiso real das institucións, un diálogo aberto e de igual a igual onde se escoiten as diferentes perspectivas e onde, sobre todo, haxa vontade de cambio.

Unha vez terminados os encontros faremos un informe cos resultados e pasos a seguir.

Untitled-1 copy

Colocación da primeira pedra do “Novo Cárcere” en 1925

O 20 de setembro do 1927 inagurábase este cárcere, como consta na placa da entrada na que se menciona a mellora que supuxo para as condicións das persoas presas, e na que se fai referencia ao traballo incansable da visitadora de prisións Concepción Arenal.

Nesta semana faremos xunto coa CRMH (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica) unha pequena celebración recordando esta data 91 anos despois e as persoas que lá estiveron.

E continúamos…

 

La Coruña sentía el oprobio de tener por Cárcel un inmundo caserón que el Poder renovados del Directorio Militar acordó derruir sustituyéndola por este amplio y soleado edificio en que los delincuentes podrán cumplir de modo más humano la prisión a que sean sometidos por imperio de la Ley en consonancia con el espíritu que inspiró el apostolado social de la insigne pensadora gallega Concepción Arenal.

Los esclarecidos coruñeses adoptivos Don José Calvo Sotelo y Don Mario Muslera Planes cooperaron eficazmente a la realización de esta obra.

El Ayuntamiento de La Coruña al dar en este mármol forma perpetua a su gratitud desea que la hagan suya las generaciones venideras”

El Alcalde, Manuel Casas, 20 de Septiembre de 1927

Días abertos ao público

photo_2018-08-04_16-37-58

Días Abertos ao Público

Luns, Mércores e Venres a partir das 17:00

A apertura do Cárcere depende da actividade. Podes consultar regularmente no blog as propostas que vaian chegando e tamén no panel de información no Cárcere.

Continuará durante todo o mes a exposición “Jail Art” de arte postal e Obxectos do Cárcere e 7 anos de Proxecto Cárcere.

Seguiremos coas tarefas de limpeza e mantemento “Xornadas de Limpeza e Fermosura” que ser irán tamén comunicando semanalmente.

E as asembleas operativas, onde organizamos o traballo e decisións da semana os xoves 9 e 23 e mércores 16 e 30 de agosto ás 20h.

Podes utilizar o xardín externo e pórtico calquera día da semana. Simplemente respeta os acordos de uso para todas as persoas e actividade no Cárcere:

  • Promover e respectar os dereitos humanos fundamentais: non machismo, non racismo, non homofobia/transfobia, non xenofobia…)
  • Non realizar actividades de apoio e/ou divulgación de partidos políticos
  • Deixar o espazo como se econtra ou melloralo, se for posibel.

 

🙂