Con catro días

“Nunca dubide que un pequeno grupo de persoas conscientes e unidas poda ser quen de mudar o mundo; de facto, sempre foi somente así que o mundo mudou”

Fritjof Capra


Con catro días foi que mudamos o noso pequeno mundo, ese pedaciño de terra que chamamos Coruña. Foron catro días de música, de teatro, de maxia, de debate, de expresión artística, de memoria e sobretodo de aprendizaxe colectiva. Confirmamos, despois de 6 meses de intenso traballo e conversas, que outras maneiras de facer son posibeis e sobretodo necesarias. Testemuñamos que esta idea dun grupo mais ou menos pequeno, é compartida por moita xente, coa asistencia ás Xornadas de Portas Abertas de  250 persoas de media en cada un dos catro dias, conseguíndose mais de 400 sinaturas de apoio ao Proxecto e uníndose á Plataforma mais de 100 persoas, chegando xa a aproximadamente 200 integrantes na mesma. E isto non é mais do que o início.

 

A Plataforma Proxecto Cárcere quere que o espazo da antiga prisión provincial da Coruña, con todo o que representa, sea posto ao dispor da cidadania sendo nós quen decidamos como queremos construir a nosa cultura, a nosa sociedade, e a nosa historia. Precisamos de espazos de encontro e de liberdade para expresarnos artisticamente, socialmente e recordar de onde vimos para podermos saber cara onde queremos ir como comunidade. Xa existen suficientes espazos institucionais e privados na Coruña onde as cidadás e cidadáns asisten como espectadores. Proxecto Cárcere non prentende que a cadea sea un contentor mais de cultura, senón un espazo vivo desde onde se constrúa cultura a partir de todas e cada unha das persoas que formamos a sociedade. Con ese fin continuaremos a nos reunir, debatir, traballar e construir unha proposta firme e sólida que contemple as visións da colectividade da Coruña.

 

Agradecemos a todas as persoas e colectivos que participaron nas xornadas dunha ou outra maneira por facer deste soño unha realidade…imparabel.

 

Para te unires e participar na Plataforma Proxecto Cárcere envia email a proxectocarcere@gmail.com e visita o nosso blog e WIKI.

Mañá Sábado 11 de Xuño terminan as Xornadas de Portas Abertas

Despois de días intensos onde nos encontramos, convivemos e creamos alianzas para os próximos meses do Proxecto Cárcere, mañá sábado 11 terminarán as Xornadas de Portas Abertas do Proxecto Cárcere. Será un día adicado á Memoria Histórica, onde participarán por volta de 15 presas e presos políticos na cadea da Coruña, nas actividades organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Iniciaranse os actos ás 11h30 cunha concentración, lectura de manifesto e colocación de placa conmemorativa, de carácter provisional, lembrando a prisión como lugar de represión franquista, e como homenaxe a todas as persoas que loitaron pola liberdade e democracia. Ás 17h30 terá lugar a charla “Represión Franquista e as vivenzas na cadea” coa participación de ex-presos políticos que estiveron no cárcere. A xornada rematará coa proxección do documental “O Segredo da Frouxeira”, que contará coa presenza do seu director Xosé Abad, tamén ex-preso da cadea.

“O Segredo da Frouxeira” de Xosé Abad

As actividades permanentes, exposición Liberdad.é, mural participativo de Proxecto Cárcere, Cuac FM, punto informativo, bar, mural feminista, etc continuarán abertos ata o feche das xornadas.

Agradecemos a todas e a todos a vosa participación nestas xornadas e esperamos poder contar convosco neste proxecto, xa de toda a cidadanía da Coruña, para conseguir que o cárcere da Torre, en total abandono, non caia nas máns expeculativas duns poucos, e pase a ser o espazo de encontro, debate, expresión, e coñecemento que tem demostrado ser nestes catro dias.

Para apoiar e formar parte da Plataforma Proxecto Cárcere podes enviar email a proxectocarcere@gmail.com

Saúdos e ata xá!

Crónica primeiro día de Xornadas – Mércores 8 Xuño 2011

A noite máxica do primeiro dia das xornadas evidencia a capacidade de transformación que temos a xente, a cidadania, en poñer a andar un soño cando traballamos colectivamente. Houbo unha grande participación, e non só asistencia, das preto de 300 persoas que entramos no cárcere neste día. Iniciamos as xornadas entre música e cereixas movéndonos por espazos de expresión coas palabras e as obras de mais de 20 artistas plásticos na exposición Liberdad.é. Xogamos ao “parchís” avanzando postos coas nosas aportacións ao que queremos que sea o cárcere: un espazo de encontro e liberdade. Xentes de todas as idades ilusionámonos co circo como se fose a primeira vez. Falamos de todas as posibilidades e alternativas de producción e xestión da cultura, unha cultura que non nace en despachos nen ministerios, senon desde cada unha de nós. Sen dúbida hoxe no cárcere os contidos primaron sobre o contedor resignificando un espazo noutrora de represión nun espazo de liberdade e expresión.

Moitas grazas a todas e todos porque sen vós isto non sería posibel.

Programación Xornadas Proxecto Cárcere

PROGRAMACIÓN XORNADAS DA PLATAFORMA PROXECTO CÁRCERE DA CORUÑA

Mércores 8 de Xuño

19:00               Inauguración Xornadas:

Lectura manifesto Plataforma Proxecto Cárcere e presentación participantes nas Xornadas

19:15               Inauguración Exposición “Liberdad.é”

Presentación da exposición e artistas colaboradores                             (E4)

Actividade continua   :

Mural Plataforma Proxecto Cárcere  “Cultura – Sociedade – Memoria”

Aberto á participación da cidadanía

20:00               “Producción e xestión cultural”

Debate sobre alternativas aplicabeis a Proxecto Cárcere de xestión e producción cultural.

CSO Atochas, Culture Workers, Manicómicos…                                       (E5)

21:30               “Achegamento ao mundo do circo”

Obradoiro a cargo de Fredi Muíños do colectivo Manicómicos               (E2)

22:00               “Concerto musical de Manu Clavijo”                     (E7)

Xoves 9 de Xuño

19:00               “Cidade e movementos sociais”

Debate aberto en torno aos conceptos de cidade e cidadanía convencionais versus alternativos

Rede de Dereitos Sociais,  Asociación sen Papeis, Movemento 15-N… (E5)

20:30           Visita guiada pola cárcere

Gracia Arias González, abogada de prisións e traballadora do antigo cárcere provincial da Torre leváranos a través do tempo no día a dia do cárcere e das persoas que o habitaban.

21:30               Concerto de Álvaro Murás

Música funk fusion                                                                                         (E7)

22:30               “Cabaret As3”

Carmen Cotelo, Noemi Miranda e Alba Fernández                                  (E7)

Venres 10

Actividades contínuas

“Da horta á mesa! Consumo consciente e responsabel”

Elaboración de petiscos de producción local e eco-lóxica seguindo princípios de consumo consciente e responsabel

Cooperativa de Consumo Responsabel Zocamiñoca.                                              (E3)

Mural Feminista

Colectivo feminista Nomepisesofreghao

Feira de troco

Feira de troco de obxectos onde o diñeiro está de mais. O “Troco” consiste en trocar cousas que aínda están en boas condicións pero que xa non utilizamos por outras das que precisamos, promovendo desta maneira un consumo mais razoabel e lóxico. A Rede Troco estará no cárcere durante a tarde e o Troco terá lugar ás 20h.

Rede Troco Coruña

17:00               “Embarazo, maternidade e porteo respetuoso”

Serdoulas                                                                                                        (E2)

18:00                 Café Feminista sobre a lei da família

Coloquio-café relaxado sobre feminismo. O café, té, pasteis…son compartidos á vontade entre todas/os participantes.

Cafés Feministas                                                                                            (E3)

19:00                “O Futuro do cárcere”

Asamblea aberta sobre a recuperación do cárcere como centro sociocultural e da memoria                                                                                                                          (E5)

20:30               Presentación mundial do grupo surrealista galego                     (E2)

20:30               “Xénero Escea. Área de descanso ”

Compañía Gayo-Pinheiro                                                                             (E6)

21:30               “Fados de Lisboa”

Gonçalo Guerreiro                                                                                         (E7)

22:00               “Bótoche unha mán?”

Compañía Catro no Metro                                                                            (E7)

Sábado 11

11:30               Concentración da Comisión da Recuperacion da Memoria Historicia coa presenza de persoas que por motivos políticos pasaron por esta prisión. Lectura do manifesto “Nós tamén estamos indignados” e colocación dunha placa p conmemorativa lembrando a prisión como lugar de represión franquista, e como homenaxe a todas as persoas que loitaron pola liberdade e democracia

17:30              “Represión Franquista e as vivenzas na cadea”

Charla a cargo da Comisión da Recuperación da Memoria Histórica coa participación de ex-presos políticos que estiveron no cárcere da Coruña    (E5)

18:30              Proxección de  “O segredo da Frouxeira”

Contará entre outras persoas coa presenza do seu director Xosé Abad, que tamén estivo no cárcere da Coruña

(E5)

FECHE XORNADAS

Actividades Permanentes.

Exposición Liberdad.é     –     Retransmisión en directo de CuacFM      –     Mural de Proxecto Cárcere       –       Mural Feminista       –          Bar        –       Punto de información



O Proxecto Cárcere por Xoán Abeleira

O Proxecto Cárcere dá moito que falar. Levamos xa moitos meses camiñando, e como non, agradecemos que persoas como Xoán Abeleira nos regalen unha crónica tan ben escrita deste percorrido. Moitas grazas Xoán:

En decembro do 2010, no salón de actos d’A Maestranza, reuniuse un cento de persoas de distintos ámbitos da sociedade e con distintas ideoloxías pra artellar e encher de contidos un proxecto que xa levaba meses madurecendo: converter o antigo Cárcere d’A Cruña, símbolo da opresión e da represión franquista, nun espazo cultural e museístico aberto a toda a cidadanía, quer xestionado polo Concello da vila (previa cesión ou venda por parte do Estado), quer autoxestionado por unha comisión creada a tal fin (co beneplácito do Concello e do Estado). Un “lugar de convivencia e encontro”, xa que logo, semellante a outros que xa están a funcionar, como a antiga prisión de Torrero, en Zaragoza, ou, mellor aínda, o Centro Social La Tabacalera, en Madrid –cuxo modelo se asemella máis o que se desexa implantar eiquí–.

A partir daquela reunión, unha presada de compañeiros e compañeiras conformaron ó doután unha plataforma composta por varios grupos de traballo e un “órgano soberano”, a Asemblea Comunitaria (aberta, á súa vez, a calquera persoa ou calquera colectivo que desexe aportar ideas á iniciativa). Plataforma que arestora, seis meses despois, deveu no chamado Proxecto Cárcere, o cal conta xa cunha páxina web http://proxectocarcere.saramaganta.info/…) e un blog http://proxectocarcere.blogaliza.org/) nos que se explica o funcionamento do mesmo e os obxectivos inmediatos que as súas e os seus integrantes arelan atinxir:

“A Plataforma (…) recolle as inquedanzas dos veciños do barrio e da cidade en xeral en torno á idea exposta, e tenta crear un movemento cívico de concienciación do dereito a acadar eses fins.

A independencia na xestión do futuro edificio é outro dos nosos obxectivos. As fórmulas participativas que se establezan deberán conceder especial protagonismo á capacidade de decisión das asociacións culturais, sociais, veciñais ou educativas que formen parte do proxecto.

Fuximos de investimentos millonarios e apostamos por modelos sustentables e de aproveitamento dos recursos existentes. Dentro dos modelos de financiamento que se podan establecer, e tentando reducir na maneira do posible a dependencia económica. A autoxestión preséntasenos, daquela, como o medio idóneo pra acadarmos os obxectivos marcados.”

E como o movemento se demostra andando, a Asemblea do Proxecto Cárcere decidiu principiar a súa andaina demostrando o que é quen de facer. E así, esta semana, os días 8, 9 e 10, celebraranse unhas “Xornadas de Portas Abertas” nas que haberá de todo o bo: teatro, música, artes plásticas, cine, poesía… Tres mañás, tardes e noites nas que intervirán, a nivel persoal ou colectivo, e, abofé, de balde, unha chea de creadoras e de creadores, co único e inestimable fin de apoiaren a iniciativa.

Secasí, o futuro dise inmoble cuxo horrendo pasado podemos e debemos, entre todas e todos, transformar nun fermoso presente, esclarecido pola luz do Faro, aínda pende dun fío. Mellor dito, de dous. Mormente de nós, do grao de implicación que as cruñesas e os cruñeses, en particular, e as galegas e os galegos, en xeral, asumamos respecto a iste proxecto pensado por e pra nós. Mais tamén dos novos responsables do goberno municipal, sen cuxa axuda, xaora, non daremos esconxurado xamais os inimaxinables pesadelos que sufriron tantísimas e tantísimos compatriotas nosos en aras da liberdade da que agora gozamos.

Fonte orixinal da nova: http://xoanabeleira.blogaliza.org/2011/06/06/o-proxecto-carcere/