Boletín do Cárcere – Outubro 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, Outubro 2018

O cárcere quédase pequeno.

Dous meses despois da apertura dunha parte da antiga prisión provincial da Coruña o interés en visitar máis cárcere e facer máis actividades non fai máis que aumentar.

O uso do cárcere está moi limitado tendo que renunciar ao 80% das propostas de actividade que presentaramos para a dinamización do espazo en xullo de 2017. A falta de recursos para acondicionar máis espazo e con máis capacidade e diversidade de usos, fixo que este se reducira ao que na actualidade se pode utilizar.

CAMPANHA MAIS E MELLOR

Na campaña de sinaturas O Cárcere: máis e mellor, que termina este fin de mes de outubro, e que foi iniciada o mesmo día que entramos, xa puxemos de manifesto que este era só un primeiro paso e que era imprescindibel un compromiso político Concello – Cidadanía a medio e longo prazo.

Con este fin convidamos as diferentes organizacións políticas no goberno para que coñecesen o espazo e o traballo que se está a facer. Continuaremos con esta tarefa ampliando a outros axentes da cidade nas próximas semanas e logo comunicaremos resultados.

Para saber máis e asinar a Campaña fai click AQUI

Estamos a ver que as diferentes linguaxes e prioridades que podemos ter a acción cidadá e o sistema administrativo e político fan intrínseco un proceso que debería ser moito máis fluído e dialogado. Especialmente moito máis dialogado.

Supoñemos que con paciencia, vontade e a base de proba-erro iremos chegando a camiños de encontro que sexan eficaces e xustos para todas as partes.

Esta entrada, como xa manifestamos anteriormente, non é para nós a ideal, pero desde logo é mellor do que asistir impasibeis a un cárcere pechado e deteriorándose.

A nosa prioridade, agora como 8 anos atrás, é dar vida ao Cárcere a través da súa rehabilitación e uso sociocultural  por e para a cidadanía.

E nisto as cousas si están indo moi ben. Propostas de actividades moi diversas das que, nos enorgullece dicir, que todas durante este mes foron de xente allea ao Proxecto Cárcere. Persoas e colectivos que sinten este espazo como propio e que están dispostas a darlle unha outra vida.

Apesar de que o verán terminou continua a achegarse xente a preguntar e a saber si se podería visitar a parte interior, onde están as celas e panóptico, e a saber máis sobre que uso se lle quere dar. Oxalá pronto se poda dar tamén resposta a este desexo.

Unha visita que queremos mencionar especialmente foi a das Brigantias, que deron unha charla divulgativa sobre o Roller Derby. Este é un deporte de equipo en patíns autoxestionado polas xogadoras e de base feminista e inclusiva. Máis información AQUI

Elas, como nós presentaran a súa proposta para o Cárcere o ano pasado e desde hai tempo tiñamos moita vontade en coñecelas persoalmente.

Falaron do dificil que era acceder a pistas de entrenamento xa que na Coruña hai moitos clubes deportivos, o que é moi bo, pero insuficientes instalacións. Para o seu uso priorízase a clubes con maior número de participantes e máis consolidados, pero claro, para poder crecer hai que entrenar, e para entrenar hai que ter onde facelo. Vamos, a pescada que se morde a cola.

Podería ser o Cárcere unha posibilidade para dar resposta a esta necesidade cidadá? Os patios da parte de atrás chegan aos metros mínimos requeridos. De momento deixamos ese dado cima da mesa.

E xa continuando coa actividade de Outubro que vai xurdindo extraordinariamente. Este xoves 18 de outubro ás 19:00 teremos ao arquitecto social Santiago Cirugeda no Cárcere para falarnos de “O dereito á ilegalidade”.

Cirugeda propiciou que se fixeran as rampas de accesso ao Cárcere. Estas son estructuras mobiles feitas con materiais reciclabeis que fixeron posibel que desde o minuto 1 todas poidesemos entrar no cárcere.

Promete ser moi interesante, non faltes.

Máis información AQUI

E nós pois a facer moito traballo. As que vedes por ali limpando, ou falando coa xente, as que suben información ás redes, as que dan paso ás propostas e axudan nas actividades, as que descifran formularios, as que os presentan e as que atenden á prensa, somos todas persoas voluntarias.

Máis ben somos persoas namoradas do Cárcere, porque fai falta moito amor para dedicarlle tantos anos e tanto esforzo a un edificio, a un proxecto e á memoria que representa.

cartaz recollida memoria oral

As historias que nos están contando diversas persoas que se achegan ao Cárcere son un ben común que consideramos forman parte do patrimonio inmaterial da antiga prisión. Estamos a formar un grupo de “recolledoras de memorias” e tamén pedimos a quen queira que nos comparta a súa experiencia directa ou indirecta coa prisión.

Se estás interesada podes enviarnos email a proxectocarcere@gmail.com ou achegarte ao cárcere os días de mantemento.

Mércores, Venres e Sábados de 17:00 a 20:00 estamos no Cárcere.

Esperámoste.