´En Europa o cárcere sería unha potencialidade e non unha carga´

Este domingo 28 de Abril saiu un especial de 3 páxinas sobre o Cárcere da Torre no xornal “La Opinión”.

Aqui a entrevista que fixeron a Proxecto Cárcere.

 

Portavoz de Proxecto Cárcere

Mariola Mourelo: ´En Europa o cárcere sería unha potencialidade e non unha carga´

“Hai moita opacidade por parte de Concello e Ministerio do Interior” – “Se non se para o deterioro da prisión vai ser moito máis custoso recuperala”E “Ter isto neste estado desluce á Torre”

28.04.2013 | 02:46

Mariola Mourelo (segunda pola esquerda), ante a prisión con outros membros de Proxecto Cárcere. / juan varela

Mariola Mourelo (segunda pola esquerda), ante a prisión con outros membros de Proxecto Cárcere. / juan varela

Hai dous anos que o colectivo Proxecto Cárcere comezou a chamar a atención da Administración sobre o estado de abandono en que se atopa a vella prisión provincial. Desde hai varios anos, a única actividade que se rexistra é a da empresa de seguridade costeada polo Ministerio de Interior para evitar a entrada ao interior das instalacións. Mentres tanto, o manto de vexetación e humidade dos tellados medra imparable ante a inacción dunhas autoridades que tampouco se aclaran á hora de asumir competencias e responsabilidades

MIGUEL RODRÍGUEZ A CORUÑA -Que hai que facer coa vella prisión provincial da Torre?

-O urxente é que o Concello ou Interior limpen as cubertas e fagan uns traballos mínimos de mantemento, porque os teitos están moi deteriorados. Agora mesmo está entrando auga e se o deterioro segue por dentro vai ser moito máis complicado e custoso recuperar o cárcere. Iso para o curto prazo. No longo prazo habería que definir definitivamente quen é o propietario, se o Concello ou o Ministerio, e aceptar propostas da cidadanía sobre que facer con ese edificio que é de todos.

-Está en risco a estrutura do edificio?

-En Proxecto Cárcere temos un grupo de arquitectos que fixeron un traballo de análise. As estruturas son moi fortes pero tal e como están os tellados, se non se fai nada, cremos que non vai pasar moito tempo até que ceda. No momento no que entre moito a auga comezará a empeorar o estado do interior. Hai un risco moi grande e cun mantemento anual mínimo poderíase garantir a súa conservación até que se decida que facer.

-O edificio é propiedade de Interior pero o Goberno central fai responsable ao Concello, que di que “se está negociando”. Por que non se logra tramitar a cesión ao Concello?

-O único que sabemos é que non está claro. Supostamente o Concello ten que pagar unha cantidade a Interior pero, tendo en conta que o edificio está abandonado, non entendemos que é o que falta por pagar. Nós preguntámolo pero ninguén nós soubo dicir que pasa realmente. Hai moita opacidade tanto por parte do Concello como por parte do Ministerio de Interior, que se desentende de todo.

-Como é o diálogo co Concello?

-Agora non hai comunicación sobre o tema practicamente. De nós a eles sempre houbo comunicación. Do novo Goberno local falamos con Cultura, Servizos Sociais e até Urbanismo. Expoñíamos a nosa proposta para a prisión e sempre valoraban o noso traballo. Non nos dicían un non, pero tampouco un si, nin nos explicaban a súa visión.

-Quizais porque hoxe en día haxa que destinar os cartos a outras prioridades.

-Eu creo que é unha cuestión política e non económica. O de que non abordan o edificio por falta de cartos cáese polo seu propio peso cando nós lles facemos unhas propostas de limpeza e mantemento moi económicas e nos din que tampouco lles vale. Nós falabamos de comezar a restuarar o primeiro edificio, no que hai xente disposta a a traballar de modo máis ou menos altruista e pouco a pouco ir ocupando outros espazos do cárcere dacordo cos cartos e a capacidade humana que teñamos. Nós fixeramos unhas estimacións e podería facerse todo isto sen un gran desembolso.

-A canto ascendería?

-Aínda están sen concretar uns orzamentos definitivos pero estimamos que as reparacións suporían un 10% do que custa el plan Coruña Futura.

-Hai arquitectos que propoñen derrubalo e ampliar o parque para uso cidadán…

-Iso é unha barbaridade. É unha prisión panóptica en cruz de inicios do século XX, moi singular e co engadido de ser unha das primeiras cadeas feitas en base aos estudos de Concepción Arenal de mellora dos presos. Ademais ten un valor inmaterial moi importante para esta cidade. Foi un cárcere de presos políticos republicáns na posguerra e hai xente que ten unha vinculación emocional moi especial. Non se pode botar a perder.

-Propúxose convertilo en Museo do Automóbil, parador, centro de interpretación da Torre… Cal é a proposta de Proxecto Cárcere?

-É un cárcere de 13.000 metros cadrados e dá para un uso moi diverso. Cremos que ten que ter carácter público na súa totalidade e que pode recoller varias ideas, como un centro de interpretación da Torre de Hércules, un albergue xuvenil, un centro sociocultural e da memoria e espazos para os colectivos sociais da cidade. Tamén podería haber espazos para a convivencia, con proxectos de hosteleríade xente da cidade. Podería ser un xeral de traballo e dinamizador da economía local. Ademais, telo neste estado desluce á Torre de Hércules.

-A súa plataforma está en contacto con outras iniciativas semellantes de España e Europa. Que opinan no exterior ao coñecer a situación da prisión?

-En Holanda, Alemaña ou Francia isto non pasaría. Alí houbo edificios coma este que non supuxeron unha carga para os Concellos senón unha potencialidade. Deron valor á cidade e cambiaron moitos barrios. En Barcelona acontece cos antigos barrios textís. A xente que coñece o cárcere ve un potencial social e económico importantísimo.

Asemblea de Proxecto Cárcere – 25 de Abril

A asemblea de Proxecto Cárcere do mes de abril terá lugar este xoves 25 ás 19h30 no Café Universal (rúa San Andrés)
Proposta de orde do día:
1. Grupos de traballo. Transibérica, radio, comunicación e xestión e financiamento.
2. Manifesto PC.
3. Convite da Asociación Galega de Xestores Culturais
4. Casa Tomada
5. actividades de xuño
6. Varios
Recorda que as asembleas de Proxecto Cárcere son abertas à participación de todas aquelas persoas interesadas.
Revolução dos Cravos , 25 de abril 1974

Día Internacional dos Monumentos e Sitios da Unesco

O xoves 18 de abril é o Día Internacional dos Monumentos e Sitios da Unesco.

O Concello da Coruña ten actividades programadas por volta da Torre de Hércules durante todo o día.
Con respecto ao estado do antigo cárcere, que está no contorno da Torre e por tanto podería afectar ao nomeamento da mesma como Patrimonio da Humanidade, o concello permanece en silencio.

As cidadás e cidadáns da Coruña si temos propostas e plans de acción para a rehabilitación deste edificio (Plan de Viabilidade de Proxecto Cárcere) e demandamos políticas reais de defensa do noso patrimonio histórico, social e cultural nas que prime a nosa visión común de construcción de sociedade sobre intereses económicos alleos á nosa cultura e necesidades cidadás.

Para os 13.286 m2 do antigo cárcere da Coruña a plataforma cidadá propomos un uso público na totalidade do edificio incluíndo un Centro sociocultural e da memoria que albergaria espazos de creación artística, intercambio de coñecimentos e intereses socioculturais e onde a nosa memoria colectiva tería un espazo primordial.

    

Para os 13.286 m2 deste mesmo edificio o Concello da Coruña e o SEIP teñen proposto ata o momento o seu feche absoluto a calquera tipo de iniciativa cidadá e un abandono e deterioro paulatino do que cada día será mais dificil e costoso recuperar.

 

Axúdanos a mudar o destino do cárcere da Torre asinando o manifesto S.O.S Cárcere da Torre facendo click na imaxe.


 

SOS Cárcere da Torre!!

ESTE É UN S.O.S. DENDE O NOROESTE ATLÁNTICO DE GALICIA

A antiga Prisión Provincial de A Coruña, un edificio de gran valor patrimonial, arquitectónico e histórico, construción integrada como referente memorial no senlleiro espazo do faro de Hércules, declarado patrimonio da Humanidade pola Unesco, está nunha situación de perigo de ruína por causa do abandono institucional en que se encontra.

Entre outros elementos da construción, os tellados e cubertas ameazan derrube se non se fai unha intervención de urxencia. Este abandono ostensíbel non só pode acelerar o deterioro dun ben público de gran valor histórico e simbólico, con grave dano para a imaxe da cidade, senón que condicionaría de xeito pesaroso a súa recuperación para o uso da comunidade.

O vello cárcere de A Coruña ten que ser conservado polo seu grande interese arquitectónico e polo que representa como lugar de excepción na memoria da cidade e de todo o país galego, mais tamén debe ser rehabilitado e transformado nun espazo de liberdade creativa, coa participación cidadá, onde primen os usos sociais, culturais, educativos de carácter independente e, dada a significación do propio edificio, onde a memoria histórica do mesmo estea sempre presente.

Cada día, cada mes, cada ano de abandono é un tempo precioso que se perde. As persoas que asinan este manifesto esiximos das institucións, e en particular do Concello de A Coruña, Xunta de Galicia e Goberno de España, unha actuación inmediata para pór fin ao proceso de deterioro e ruína do edificio da antiga Prisión Provincial de A Coruña e a apertura dun proceso de recuperación para o seu uso cívico e cultural.

A 10 de abril de 2013

FAI CLICK AQUI OU NA IMAXE DO CÁRCERE PARA ASINAR O MANIFESTO

Este fin de semana 3º Encontro da Rede Transibérica

Este xoves, 4 de Abril saen as compañeiras Laura Sánchez e Mariola Mourelo camiño de Bilbao para participar no 3º Encontro da Rede Transibérica de Espazos Culturais Independentes do 5 ao 7 de Abril no ZAWP.

Con iniciativas vindas de todo o Estado e Portugal será unha fin de semana na que teremos a oportunidade de trocar experiencias e aprender sobre o uso socio cultural de espazos públicos e privados e onde crear interesantes sinerxias.

No venres 5 de Abril farase unha introducción á historia dos espazos culturais independentes, como se desenvolveron e a súa influencia nas comunidades nas que se encontran. O sábado 6 de Abril centrarase nas experiencias e propostas de xestión, financiamento e sostenibilidade imprescindibel para continuar a producir e compartir cultura na sociedade de hoxe en día.

O encontro terá lugar na ZAWP de Bilbao (Zorrotzaurre Art Work in Progress), un proxecto que nace no 2008 da Asociación Cultural hACERIA arteak (1997) mentras se desenvolvia o proxecto urbanístico do “Plan Zorrotzaurre”, pretendendo ser a ollada artística, innovadora e creativa deste proceso de transformación urbá. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“Se un día isto foi porto, onde entraban e saían as mercadorías, hoxe debe ser porto de coñecimento, de troca, de arte, de cultura, de innovación tecnolóxica e social.”

De Proxecto Cárcere non temos dúvida que unha vez mais imos regresar a casa coas maletas cheas de ideas, enerxía, e boas amizades para continuar a crear oportunidades de participación cidadá e transformación do espazo público na nosa cidade.

Vémonos na volta!