O Plan de Viabilidade foi enviado ao Concello da Coruña e ao SIEP

Da Plataforma enviamos unha copia impresa do Plan de Viabilidade de Proxecto Cárcere ás institucións que neste momento teñen poder de decisión e acción sobre a antiga prisón provincial da Coruña: o Concello da Coruña e o SIEP (Sociedad Estatal de Infraestructuras y Equipamientos Penitenciarios) coa seguinte carta de presentación.

Dende a Plataforma cidadá Proxecto Cárcere temos o pracer de lle facer chegar o Plan de Viabilidade para a recuperación e uso público do antigo cárcere provincial de A Coruña.

Neste documento, no que temos traballado durante ano e medio, presentamos un exhaustivo estudo da planimetria, estado do cárcere e propostas de rehabilitación do inmoble en base a criterios de sustentabilidade e baixo custo, ao mesmo tempo que temos compilado as diversas propostas da cidadanía para convertir este espazo emblemático da nosa cidade nun espazo participativo e útil ás necesidades reais das coruñesas e coruñeses.

A nosa proposta de convertir o cárcere da Torre nun centro sociocultural e da memoria, a convivir con outros posibeis usos, basease nun proceso gradual de rehabilitación e utilización do espazo no que se comezaría polos edificios, patios e galerías en mellor estado, mais facilmente recuperabeis e que requirisen dun menor investimento económico.

Posteriormente se procedería á rehabilitación progresiva do resto do inmoble e atribución de espazos para diversos usos propostos pola cidadanía ata completar a súa total recuperación.

Consideramos que o uso do edificio é imprescindible para a súa conservación e para protexer ao mesmo do deterioro que se ten visto acelerado no período posterior a Xuño de 2011, última data na que foi utilizado.

Por este motivo consideramos que unha fluída comunicación e vontade de encontrar solucións factibeis tanto a corto como a longo prazo, entre o Concello da Coruña, o SIEP e a cidadanía son fundamentais.

Esperamos que esta comunicación e documento adxunto sean do seu interese e poder ter nun futuro próximo a oportunidade de falar en mais profundidade sobre as enormes posibilidades que se abren cara a recuperación dun edificio que é sen dúbida patrimonio histórico e sociocultural de todas e todos.

Se precisaren de calquera aclaración sobre o Plan de Viabilidade ou para concertar unha entrevista coa Plataforma poden utilizar o email e teléfono indicados no inicio desta carta.

Atentamente,  

Plataforma cidadá Proxecto Cárcere