Quenda de limpeza e Asemblea Xeral

Este domingo temos Quenda de Limpeza de 17h a 19h. Ponte en contacto connosco se podes votar unha mán – proxectocarcere@gmail.com
E ás 19h…
ASEMBLEA XERAL DE XUÑO
As Asembleas de Proxecto Cárcere son abertas a todas as persoas e colectivos interesadas e afíns ao proxecto.

ORDE DO DÍA

  1. ORGANIZACIÓN ASEMBLEA (5 minutos)

  1. PRESENTACIÓN NOVOS PROXECTOS. (15 minutos)

  1. PROPOSTA: CREACIÓN COMISIÓN BUROCRÁTICA (Carmen – 20 minutos)

  1. PROPOSTA: ABRIR A XESTIÓN DE EMAIL  (Comunicación – 10 minutos)

  1. ACORDOS MANUAL DE FUNCIONAMENTO (Xestión – 15 minutos)

  1. ESPAZO INDAGACIÓN SOBRE FINANCIAMENTO (Xestión – Inés – 30-40  minutos)

  2. LEITURA DE ACORDOS (5 minutos)

  3. AVALIACIÓN E FECHE DE REUNION (5 minutos)

    PRÓXIMA ASEMBLEA XERAL DOMINGO 29 DE XULLO ÁS 19H NO CÁRCERE

Brigada Limpeza 2

Brigada de Limpeza… hai uns anos 🙂

Boletín informativo – 26 de Xuño 2018

BOLETIN_PC_2

26 de Xuño 2018, A Coruña

O pasado venres encontrámonos cos proxectos que levaban pacientemente esperando durante meses a apertura do cárcere. Co espazo disponibel minguado e un uso máis restricto algunhas iniciativas non poderán realizarse nesta primeira fase de entrada.

Asociación culturais, aprender a tocar a gaita, conectar as mulleres do barrio coa historia e futuro do cárcere, así como actividades sobre a mobilidade en bicicleta, son algunhas das ideas que se achegaron e que esperamos podan comezar a súa actividade en breve.

Agora toca dar paso a novas propostas e é aqui onde precisamos da túa colaboración, tanto considerando facer unha proposta ti ou o teu colectivo como divulgar entre xente que poida estar interesada.

Actividades e proxectos non é a única maneira de entrar no cárcere. No noso blog creamos un apartado especial onde explicamos que se pode facer e como. Seguro que encontras algo con xeito para ti.

ENTRA NO CÁRCERE!

Aos poucos iremos actualizando a información desta sección e adecuando outros apartados para este momento en que pasamos da teoria e do soño á práxis.

Ficade atentas.

proxectos 1

Reunión cos Proxectos

Boletín Informativo – 18 de Xuño 2018

BOLETIN_PC_2Luns, 18 de Xuño 2018

R0010377

Actualidade de Proxecto Cárcere

O pasado xoves 7 de xuño de 2018 asinamos xunto co Concello da Coruña a formalización do documento para a dinamización sociocomunitaria do Cárcere, onde a memoria histórica teña un papel relevante.

Nesta primeira fase farémonos cargo da nave de entrada, de aproximadamente 200 m2. Gradualmente iranse abrindo outros espazos para o uso, así que se vaian realizando as obras de rehabilitación e acondicionamento necesarias.

A pesar de que as dimensións do espazo e condicións de uso variaron con respecto ás estipuladas na convocatoria de concurso do ano 2017, e a demora na entrega do espazo foi considerábel, en Proxecto Cárcere decidimos continuar co proceso por unha cuestión de coherencia cos nosos valores e obxectivos fundacionais: o coidado e apertura do cárcere por e para a cidadanía.

Estamos por tanto nun momento ilusionante onde despois de 7 anos de reinvindicacións, moito traballo e con moita xente aportando ao ideario que hoxe en día conforma Proxecto Cárcere, podemos comezar a poñer en práctica un soño común aberto a todas.

Gustaríanos poder abrir xa o espazo con liberdade e sen restricións pero nos encontramos no medio dunha das últimas obras que consideramos imprescindíbeis para abrir realmente para todas. Estase a finalizar a adaptación dos baños para facelos accesíbeis, así como a colocación dunha rampla que salve as escaleiras de entrada.

Estas obras levarán aproximadamente unhas tres semanas en ser completadas. Un tempo que aproveitaremos para limpar e acondicionar o espazo e preparar os protocolos de funcionamento e xestión para facilitar a entrada de persoas e colectivos á vida do Cárcere.

Estado do Cárcere

O estado do cárcere, como xa informáramos hai meses, é complicado. Esta foi a razón principal que nos levou a aceptar a dinamización coa merma de condicións. Pensamos que vai ser só habitando o espazo, aínda que sexa unha pequena porción, o que vai enfocar a atención sobre o edificio, sobre o seu potencial e valor e o que facilitará as accións de recuperación do mesmo.

Un dos factores esenciais tanto para nós como para o Concello da Coruña é garantir a total seguridade das persoas que imos utilizar o cárcere. Isto cúmprese nos espazos a ocupar durante a primeira fase de entrada, tanto a nivel físico e estrutural como a nivel de permisos e seguros necesarios para o desenvolvemento de actividade pública.

Nas partes que se irán abrindo gradualmente ao público, e parte da convocatoria de cesión inicial, fican por completar as obras de accesibilidade, evacuación e rehabilitación. Durante o verán faranse parte delas coa posibilidade de estar finalizadas nos últimos meses do ano.

É evidente que o abandono absoluto do total do edificio durante 7 anos, nos que en multitude de ocasións apelamos ao sentido común e responsabilidade das autoridades competentes para tomar as medidas mínimas de mantemento, ten causado un deterioro que nós consideramos inaceptábel.

Por suposto, o cárcere aínda está a tempo de ser salvado. E este continúa a ser un dos nosos obxectivos e onde imos continuar a poñer enerxías. Volver a entrar estes días e revisitar a prisión tennos só confirmado da grande perda que sería para a cidade un espazo destas dimensións e características onde tantos e tan diversos proxectos cidadás poderían convivir, existir e crear cultura e comunidade.

Estado da nave de entrada

A nave de entrada, o espazo dispoñíbel nesta primeira fase de entrada, duns 200 m2, é pequeno, si, especialmente tendo en conta as dimensións do cárcere. E o estado en que nolo encontramos, a pesar de cumprir coas mínimas condicións de habitabilidade, era mellorábel, en particular no que se refire ao fin de obra, tendo nós que facer un traballo que tal vez non nos correspondería.

Porén, nós preferimos enfocarnos no positivo e aprender desta experiencia de negociación coas diferentes institucións e gobernos ao longo destes anos. Para poder non só avanzar con este proxecto pero tamén axudar a que outras posíbeis iniciativas surxidas da cidadanía podan facer uso do patrimonio público para fins comúns e socioculturais.

Se volvemos ás nosas orixes, aló polo ano 2010, unha das razóns polas que apostamos por unha xestión cidadá do espazo era por encontrarnos con varios exemplos de investimentos multimillonarios en “contedores” de cultura que ficaban baleiros de contido. Estes eran construídos sen ter en conta as necesidades reais das persoas, e a pesar de ser espazos de nova construción, con todas as facilidades e impecables en termos de deseño e limpeza, non conseguían atraer a xente, tendo que investir novamente na xeración de contidos desde arriba.

No cárcere queremos que suceda exactamente o contrario. Queremos que sexa a xente a que se apropie do espazo e sexa ela a protagonista da xeración de contidos que contribúan á cultura e expresión libre. Queremos que sexa ela quen decida que facer cos seguintes espazos que se irán abrindo e que a diversidade de ideas e sentires encontren un lugar onde poidan existir, experimentar e desenvolverse.

Será isto posíbel ou só un soño? Nós, cun pé dentro faremos todo o posíbel para que suceda. Por intentalo non vai quedar.

Grazas a todas as persoas, colectivos, organizacións, partidos políticos e medios de comunicación que durante este tempo compartistes con nós, en parte ou totalmente, o desexo de que outro xeito de facer cultura e sociedade é posíbel, e que unha xestión cidadá dos espazos públicos non era só necesaria senón imprescindíbel.

 

Agora, temos ante nós o fermoso reto de transformalo en realidade.

R0010367

Para saber máis escríbenos a proxectocarcere@gmail.com

 

Boletín Informativo – 11 de Xuño 2018

BOLETIN_PC_2

11 de Xuño 2018, A Coruña

photo_2018-06-11_09-19-46

Ola a todas,

Abrimos o boletín desta semana con esta imaxe tan descriptiva. Si, o cárcere está aberto para a cidadanía!

Despois de 7 longos anos por fin podemos entrar e traballar colectivamente para transformar este espazo noutrora de represión nun de expresión e liberdade.

O estado do edificio, como xa informáramos, é delicado e nos 100 m2 que se van poder utilizar hai moito traballo que facer, especialmente de limpeza.

Tamén estamos traballando na parte máis burocrática para poder dar resposta aos requerimentos legais do Concello para o uso do espazo, sen mermar, na medida do posibel, os direitos das persoas e colectivos a utilizalo como merecen.

Estamos pois na Primeira Fase de Entrada: Limpeza e Acondicionamento e Manual de Funcionamento e Uso do espazo e precisamos a vosa axuda.

Como sabedes Proxecto Cárcere somos unha Asociación Sociocultural sen ámino de lucro e na cesión do cárcere non hai ningunha partida económica incluída. Por iso o xeito no que estamos a facer as cousas é coas nosas máns e recursos.

Se podes e queres vir a limpar ou tes alguns dos seguintes materiais, para doazón ou préstamo, ou sabes onde os podemos conseguir por favor escríbenos a proxectocarcere@gmail.com

  • escada
  • maquina para limpar o chan
  • acuchidora e/ou barnizadora
  • desbrozadora
  • lixas
  • pintura branca
  • ferramentas varias…..

Este mércores faremos unha Asemblea Extraordinaria para recolocarnos con esta nova étapa as persoas que estivemos nestes meses máis activas e poder dar xa entrada a a todas as demais moradoras desta Casa Aberta con Fume.

Agradecemos a vosa paciencia e sempre o voso apoio.

Seguiremos informando.

 

Boletín Informativo – 3 de Xuño 2018

BOLETIN_PC_2

3 de Xuño 2018, A Coruña

 

Na pasada Asemblea do Domingo 27 de Maio aprobramos a aceptación do contrato enviado polo Concello da Coruña para a dinamización e uso do antigo cárcere provincial.

Contratamos o Seguro de Responsabilidade Civil que enviaremos por rexistro á Concellaría de Participación este luns 4.

Desde a Concellaría comunicóusenos que unha vez recibido non habería demora en arranxar unha data para a sinatura do contrato e entrega das chaves do cárcere.

Após 7 anos e medio de loita parece que finalmente estamos máis próximas a materializar esta demanda de rehabilitar o espazo e darlle uso sociocultural e da Memoria por e para a cidadanía.

Precisamente nos días do 8 ao 10 de Xuño de 2011 realizáranse as Xornadas de Portas Abertas, será que 7 anos despois estaremos novamente alí dentro?

 

“Nunca dubide que un pequeno grupo de persoas conscientes e unidas poida ser quen de mudar o mundo; de facto, sempre foi somente así que o mundo mudou”

Margaret Meadxornadas portas abertas

 

CRÓNICA XORNADAS PORTAS ABERTAS XUÑO 2011