Xornada de Traballo para comezar o 2017

Desde Proxecto Cárcere en transición imos facer unha xornada de traballo co obxectivo principal de redactar a proposta de uso sociocomunitario do antigo cárcere da Torre que imos presentar ao Concello da Coruña.

A xornada terá lugar ao longo do luns 9 de Xaneiro. Se estás interesada en participar contáctanos en proxectocarcere@gmail.com para máis información.

Feliz Ano Novo!

 

En Xaneiro, pon o alleiro.

EN XANEIRO, PON O ALLEIRO. 🙂

Xa temos data e hora para a posta en marcha do grupo de Hortas. Luns 9 de Xaneiro ás 16h encontro nas propias hortas se non chove e se chove no Centro Cívico de Montealto. Para participar achégate ata ali ou envía email a proxectocarcere@gmail.com

A SACHAR!!

Xa temos as chaves das Hortas!

O vindeiro martes 27 ás 17:00h no parque Carlos Casares na contorna do cárcere vanse entregar as chaves das hortas urbanas ás asociacións AVV Atochas Monte Alto, Ecos do Sur e Proxecto Cárcere.
Comezaremos a traballar de seguido, se queres participar só tes que contactarnos ou achegarte por ali. Email : proxectocarcere@gmail.com

Podedes ver máis información desta proposta neste post que publicamos anteriormente Hortas no cárcere. Sementando e creando en Comunidade

A revolución comeza hoxe!

Este xoves 22 de decembro, tivemos a última asembleia do ano. Asistiron caras novas xunto coas habituais coas que compartimos proxectos, ideas, motivacións e decidimos novos pasos para este ano que chega.

Proxecto Cárcere entra así nun proceso de transición no que irá desaparecendo como tal para transformarse nun outro grupo de acción cara a dar vida ás propostas e soños de tantas persoas que pasaron por esta iniciativa.

Esta é unha fase que concordamos as persoas ali presentes, de traballo e acción, onde podemos utilizar o traballo teórico e a filosofía compartida de Proxecto Cárcere, como base para crear propostas concretas para os diferentes pasos que se nos presentan.

Con este motivo acordamos establecer unha Xornada de Traballo para o luns 9 de Xaneiro.

Se queres participar na mesma ou obter máis información ponte en contacto connosco enviando email a proxectocarcere@gmail.com

BÓ NADAL!

 

Reunión co Concello antes de Nadal

Este xoves 22 de Decembro pola mañá reunirémonos no Concello da Coruña con Xiao Varela da concellería de Urbanismo, Infraestructuras e Equipamento e Claudia Delso da concellería de Participación e Innovación Democrática, para falarmos das propostas de Proxecto Cárcere para o antigo cárcere da Torre no contexto que presenta a eminente cesión de usos socioculturais do SIEP ao Concello.

Convidamos a todas as persoas interesadas á asemblea que teremos na mesma tarde do xoves às 20:30 no CSO A Insumisa.

Nesta Asemblea imos informar sobre o proceso deste último ano en que Proxecto Cárcere solicitou por rexistro o uso do edificio e estivo a reunirse co Concello. Presentaremos a nosa proposta de xestión e uso público desde a cidadanía para este espazo abandoado, en preocupante estado de deterioro e sen ningún uso nos últimos 6 anos. E abriremos un espazo de debate para concluir cos pasos a seguir daqui pra diante.

Os obxectivos principais de Proxecto Cárcere son:

  • Rehabilitación e mantemento do edificio para evitar o seu progresivo deterioro en base a principios de sustentabilidade, manter a estrutura orixinal do edificio, respecto co medio ambiente e compromiso coa economia local e social
  • Uso público e enfocado nas necesidades da cidadanía do total do edificio.
  • Gradual acondicionamento dos diferentes espazos do cárcere dacordo aos usos reais que vaian xurdindo tendo en conta os principios de adaptabilidade, bioconstrucción, participación e baixo custo.
  • Xestión cidadá do espazo considerando as dinámicas naturais da participación colectiva en que se prioricen as persoas sobre os resultados, se valorice e potencie as iniciativas xurdidas desde as cidadás e cidadáns e onde a experimentación e o erro formen parte dunha aprendizaxe sólida e para toda a vida.
  • Creación aberta dun espazo sociocultural e da memoria con visión no medio e longo prazo, de beneficio para a cidadanía e que transcenda o marco de 4 anos de lexislaturas de un outro partido político.

Seguiremos informando.

Podes contactarnos enviando email a proxectocarcere@gmail.com e participar nas nosas asembleas.

Asemblea de Decembro: “O cárcere pro pobo”

Con esta frase “O cárcere pro pobo” iniciámos 6 anos atrás un camiño apaixonante onde os soños non tiñan límites e a creación e colaboración colectiva foron as nosas ferramentas de  traballo.

Hoxe, coa nova da cesión por parte do SIEP (Ministerio de Interior) de usos socioculturais ao Concello da Coruña, ábrese unha porta que ata agora parecía fechada.

Desde Proxecto Cárcere queremos nesta última asemblea do ano compartir o que foi o proceso para nós, como se encontra o grupo neste momento e  que propostas temos para materializar un uso e xestión cidadán para o cárcere.

Abrimos pois o espazo para o debate pois entendemos que é o momento de escoitar as voces que sempre estiveron nesta aventura, desde a perspectiva do tempo, así como coñecer novas enerxías e visións deste momento do aqui e agora. Sabemos por experiencia que abrir as portas non fai mais do que darlle vida a esta filosofía que entre todas construímos nesta cidade a través humildemente do Proxecto Cárcere.

Esperámosvos o xoves 22 de Decembro ás 20h30 no CSO A Insumisa.

ASEMBLEA DE DECEMBRO

Día: Xoves 22 de Decembro 2016

Hora: 20:30

Lugar: CSO A Insumisa (avenida do metrosidero, fronto o acuartelamiento de Atocha) – Sala de Video

Orden do día:

  1. Presentación asistentes. (5 minutos)
  2. Avaliación da actividade dos Proxectos Fin de Carreira da Faculdade de Arquitectura  na Fundación Luis Seoane (10 minutos)
  3. Como está a cesión SIEP – Concello. Como foi o proceso e como se posiciona Proxecto Cárcere. (30 minutos)
  4. Presentación propostas para a entrada da cidadanía no Cárcere (20 minutos)
    • Vías de negociación PC-Concello para cumprir cos obxectivos:
      1. Rehabilitación e mantemento do edificio
      2. Espazo aberto xestionado por e para a cidadanía
    • Presente e futuro de Proxecto Cárcere.
    • Transformar o Plan de Viabilidade en Plan de Entrada – fase 1
  5. Ideas e debates (40 minutos)
  6. Pasos a seguir (20 minutos)

Pódese consultar o Plan de Viabilidade de Proxecto Cárcere AQUI