Comunicado cesamento actividade no Cárcere

Con moito pesar temos que anunciar o paro temporal de actividades públicas no antigo Cárcere da Coruña, un paro que esperamos sexa breve e con pronta resolución.

A razón que se nos expón por parte do  Concello para ese cesamento é que non se dan como válidas as comunicacións de parte das actividades realizadas durante estes meses ao non estar a seguir o procedemento administrativo adecuado.  O que non se nos di é cal é ese procedemento de comunicación, pois a día de hoxe, aínda non recibimos un protocolo claro, firme e coherente co contrato asinado en xuño de 2018.

A pesar de non ter esa información dende Proxecto Cárcere tentamos cumprir coa nosa parte e todas as actividades realizadas foron comunicadas por rexistro.

Sendo conscientes das dificultades e sen eludir o noso grao de responsabilidade na posta en marcha dunha colaboración pioneira na cidade entre institucións e movementos sociais apostamos pola paciencia, cautela e diálogo, polo que solicitamos varias veces reunións cos diferentes axentes implicados no proceso: departamento de Licenzas e Disciplina urbanística, concellerías de Rexeneración Urbana, Participación e Culturas, alcaldía e o comité de seguimento do contrato de cesión do Cárcere para a súa dinamización.

A única resposta que recibimos ata este mes foi do comité de seguimento, que non foi capaz de aclararnos o procedemento nin ofrecernos solucións concretas, deixándonos nun estado de confusión, incerteza e abandono tendo que tomar as nosas propias decisións en solitario.

Neste mes de decembro, a raíz de recibir unha nova comunicación relacionada coa deficiencia das comunicacións de actividade presentadas, fomos recibidas pola asesoría xurídica e o director da área de Rexeneración Urbana do Concello, que si nos indicaron verbalmente un protocolo máis concreto e razoábel.

Sentimos alivio e esperanza porque vimos como finalmente se re-abría unha vía de diálogo, vontade de colaboración e resolución de problemas por ambas partes. Se ben as dúbidas reaparecen cando ao querer aplicar este protocolo xorden novos requirimentos que contradín a información inicial, cando se paraliza unha actividade programada e comunicada sen nos avisar directamente, e para terminar de complicalo cando, na pasada semana ,  se nos comunica que a Xunta de Galicia considera que se están a incumprir a normativa autonómica neste proceso e se nos demanda por parte do Concello por escrito que presentemos nós un permiso emitido pola institución autonómica para poder continuar coas actividades.

Neste punto estamos con toda a boa vontade de colaborar na medida da nosa responsabilidade e capacidades, a pesar da evidente descoordinación entre as administracións local e autonómica que esperamos se clarifique para poder reanudar a actividade o antes posíbel.

Paralelamente imos iniciar un proceso de análise e avaliación destes 6 meses de experiencia dentro do Cárcere, a pesar das limitacións espaciais e de uso público, as dificultades administrativas e as presións políticas alleas a Proxecto Cárcere, que indubidabelmente prexudicaron a nosa tarefa de dinamización cidadá do espazo. Cos resultados deste traballo reflexivo elaboraremos unha serie de propostas de mellora que compartiremos publicamente coa firme intención de avanzar na rehabilitación do edificio e uso do mesmo por parte da cidadanía, obxectivos de Proxecto Cárcere dende hai 8 anos.

Queremos terminar agradecéndovos a todas as persoas, colectivos e organizacións que nos estades a mostrar apoio durante estes meses e incluso antes porque sodes a razón de que continuemos aquí, resistindo, e reafirmando o valor deste edificio e deste proxecto.

ASINA A CAMPAÑA –  O CÁRCERE: MÁIS E MELLOR!

 

 

This slideshow requires JavaScript.

 

Advertisements