Todas as posibilidades do mundo….nunha camisola de Proxecto Cárcere

 

Podes escoller o modelo orixinal ou tuneala no teu propio estilo. Aqui iniciamos o proceso dun dos posibeis tuneados. Xa iremos vendo como queda.

Se queres contribuir con Proxecto Cárcere e darlle renda solta á túa imaxinación consiguen unha das nosas camisolas. Só 5€!!!
Están á venda na Cooperativa de Consumo Responsabel Zocamiñoca e no CS Gomes Gaioso, ou venda directa enviando email a proxectocarcere@gmail.com

Terceiro Encontro da Red Transibérica do 5 ao 7 de Abril

“Na actualidade estamos a asistir á imposición hexemónica e unilateral dun modelo economicista que entende a cultura exclusivamente como entretimento e consumo. Se nas últimas décadas, os sucesivos gobernos empeñáronse en, esquecendo o auténtico tecido cultural, infestar a nosa xeografía de contentores culturais que, hoxe mais do que nunca, se revelan insostíbeis económica, social e culturalmente, o presente só permite constatar que o enfoque, en esencia, non está a mudar o mais mínimo.

A Red Transibérica celebra o seu Terceiro Encontro co obxectivo de se consolidar como unha alternativa ao enfoque cultural imperante que reuna aqueles espazos culturais que aposten con determinación por continuar a súa labor de forma realmente independente e mantendo os seus valores. Mais do que nunca, é o momento de actuar conxuntamente!”
Desde a Plataforma cidadá Proxecto Cárcere escribimos para vos convidar e informar do 3º Encontro da Red Transibérica de Espazos Culturais Independentes que terá lugar en Bilbao do 5 ao 7 de Abril do 2013.

En Proxecto Cárcere levamos participando desde os comezos nesta iniciativa apesar de non poder contar aínda con espazo para levar a cabo a proposta de participación cidadá de recuperación e uso público do antigo cárcere da Coruña como Centro Sociocultural e da Memoria.

A participación na Red Transibérica estanos a axudar enormemente a enteder e profundizar nos diversos aspectos que afectan á xestión cultural de espazos independentes poñéndonos en contacto con proxectos doutras partes do Estado con anos de experiencia e de moi diversa natureza.

É por iso que nos parece imprescindibel expandir esta iniciativa entre os colectivos, organizacións e proxectos da Coruña e resto da Galiza, e animarvos a participar neste 3º Encontro e formar parte da Rede Transibérica.

Un grupo de persoas de Proxecto Cárcere imos asistir ao encontro en Bilbao e ofrecemos información e posibel coordinación para nos transladar ali. Se non podedes asistir pero tedes interese na Rede e no Encontro poderíamos elaborar estratexias conxuntas para nos apoiar mutuamente.

Podédenos contactar escribindo a proxectocarcere@gmail.com ou telefonando ao 678 381 459

Información sobre a Red Transibérica e o 3º Encontro de Bilbao

A Red Transibérica é unha plataforma de cooperación coa misión de favorecer o desenvolvemento e fortalecemento dos espazos culturais independentes do Estado Español e achegar a súa colaboración cos espazos de Portugal.

Os obxectivos da Rede son:

  • Fomentar e facilitar a cooperación entre espazos culturais independentes
  • Promover a troca de coñecimentos, investigación e capacitación profesional
  • Funcionar como representante colectivo perante a administración pública
  • Apoiar iniciativas de nova creación artística e cidadá
  • Establecer colaboración con outras plataformas, organización e redes internacionais

A Red ten traballado nos últimos anos na súa constitución e definición de obxectivos e valores e quere agora neste 3ª Encontro afianzar as relacións entre as e os seus membros, abrir a colaboración a outros espazos e iniciativas interesadas e iniciar as accións e proxectos comúns cara a delinear as estratexias da Rede para os próximos dous anos.

Para mais información e inscripcións visitar a site da Red Transibérica e consultar programa adxunto.

Para información sobre Proxecto Cárcere visita a noso blogue Proxecto Cárcere ou contáctanos en proxectocarcere@gmail.com

Asemblea de Marzo 2013

A próxima Asemblea terá lugar o luns 11 de marzo ás 20h no CUR (antiga Empresariais en frente da Casa da Auga)

Xa sabedes que as Asembleas son sempre abertas a todas as persoas interesadas en Proxecto Cárcere.

Proposta de orde do día:

1. Coñecendo iniciativas na Coruña:  proxectos cidadáns a utilizar espazos da ADIF (40 minutos)

2. Posta en común da I  xornada de convivencia: Biodanza – Obxectivos – alén do cárcere (Angel – feito) – comunicación interna (Alberto) – procesos grupais (Patxi) (8 minutos)

3. Wikimariscada: Conteudo, lugar e hora (5 minutos)

4. Viaxe ao 3º Encontro da Red Transibérica en Bilbo (10 minutos)

5. Grupos de Traballo: Sensibilización e comunicación, Economia, Proxectos similares, e radio. (30 minutos)

Varios (10 minutos)

Manifestación en Petrogrado no 8 de marzo “Día Internacional das Mulleres” de 1917 onde as mulleres marcharon baixo o lema “Pan e Paz”. Esta marcha é considerada o inicio das mobilizacións da  chamada Revolución de Febreiro.  Nos días que se seguiran, a axitación continuou a aumentar, recebendo a adesión das tropas encargadas de manter a orde pública, que se recusavan a atacar as manifestantes.