Boletín Informativo – 27 de Maio 2018

BOLETIN-PC_1

Domingo 27 de Maio 2018

 

Onte a media-mañá recibimos o esbozo de contrato entre o Concello e Proxecto Cárcere para efectivizar o concurso de dinamización do antigo cárcere da Coruña e que foi adxudicado á nosa asociación.

Na Asemblea desta tarde trataremos o seu conteúdo e decidiremos sobre a súa aprobación. No caso afirmativo procederíamos coa contratación do Seguro de Responsabilidade Civil e unha vez obtido asinaríamos o contrato.

Unha vez asinado teremos acceso ao imobel e por tanto poderemos comezar coa actividade.

Tamén fomos emprazadas como interesados/as no recurso contencioso administrativo presentado polo Partido Popular contra a resolución de adxudicación da cesión de uso dos espazos do antigo Cárcere Provincial da Coruña para o desenvolvemento de proxectos de dinamización cultural e sociocultural.

Solicitamos acceso ao expediente administrativo para poder tomar unha decisión informada sobre a relevancia da nosa comparecencia no xulgado. Estamos pendentes de recibir resposta a esta petición.

Unha boa nova é que finalmente poidemos visitar o almacén onde o Concello garda mobeis en desuso. Algún deste material podería ser utilizado, en cesión, dándolle unha nova vida e uso público.

Continuaremos traballando e informando.

 

Asemblea de Maio 2018

Asemblea de Maio de Proxecto Cárcere terá lugar o domingo 27 ás 19h no local do CSA A Comuna (Rúa do Polvorín, 35).
 
ORDE DO DÍA

1. ORGANIZACIÓN ASEMBLEA (5 minutos)

2. RELACIÓNS CONCELLO (30 minutos) – GdT Relacións co Concello e Grupo Coordinador

3. COTAS E ACTUALIZACIÓN SOCIAS (10 minutos) – GdT Comunicación

4. MANUAL DE FUNCIONAMENTO (20 minutos) – GdT Xestión e Xurídico

5. PROPOSTA CONXUNTA CAS OUTRAS ASOCIACIÓNS DE AMPLIACIÓN PARCELAS DA TORRE (5 minutos) – GdT Hortas – Tono

6. ACLARACIÓN CAMBIOS NA DIRECTIVA DA AC PROXECTO CÁRCERE (10 minutos) – Tono

7. LEITURA DE ACORDOS DA ASEMBLEA E FECHE (5 minutos)

 

As Asembleas de Proxecto Cárcere son abertas a todas aquelas persoas e colectivos interesados e afíns aos seus principios e obxectivos.

*Grazas ao CSA A Comuna por cedernos o seu espazo.

 

 

Solidariedade coa Insumisa

1-3

Desde Proxecto Cárcere queremos manifestar a nosa solidariedade coas persoas que forman parte do espazo autoxestionado da Insumisa da Coruña.

Esta mañá procedeuse ao seu desaloxo por orde do Concello da Coruña no cal, dacordo a información na prensa e nas redes sociais, en enfrentamentos coa policia resultaron feridas varias persoas.

Como xa manifestamos anteriormente non consideramos acertado desaloxar un proxecto xurdido de forma autónoma e orgánica dende a propia cidade e positivo para a mesma

En canto ás formas Proxecto Cárcere rexeita absolutamente as prácticas totalitarias e violentas mostradas no día de hoxe. Cremos que cando o diálogo é dificil, ten de continuarse a dialogar, saber dar pasos atrás e volver a abrir camiños e posibilidades de entendimento.

O que nunca pode ser unha opción válida desde o poder e forzas do Estado que nos queren representar é o uso da violencia.

Certo que non é o noso un proxecto que contemple a okupación como estratexia política, pero dacordo aos nosos valores e principios non podemos máis que apoiar a proxectos que coidan e dan vida vida fóra das loxicas da especulación a edificios abandonados e en desuso.

Por tanto pedimos, que como o resto de iniciativas sociais da cidade sexan tratadas con respecto e consideración e en ningún caso se poña en risco a seguridade física das persoas que o conforman.

Sen dúbida, unha perda moi grande, a CSO A Insumisa, para a cidade e para todas nós.

 

Información actualizada en facebook CSO A Insumisa

 

Boletín Informativo de Proxecto Cárcere – 14 de Maio de 2018

Na pasada semana recibimos o informe técnico do antigo cárcere provincial onde se constata a información que xa era coñecida por todas.

Estamos aínda pendentes de que se nos envíe o esbozo do contrato de dinamización do cárcere a asinar entre Proxecto Cárcere e o Concello para así poder comezar a actividade o antes posibel.

Nesta semana se cumpriría un mes desde a última reunión co equipo técnico do Concello que foi a data que nos foi dada por elas e eles para resolver o proceso administrativo.

Poñerémonos en contacto co Concello nestes días para asegurarnos de que non haxa máis demoras.

Estamos agora a traballar na adaptación do noso sistema organizativo, financieiro e de usos para as condicións en que finalmente poderemos utilizar o cárcere e esperamos poder re-abrir o proceso de participación para aquelas persoas e colectivos interesados.

Agradecemos inmensamente a vosa paciencia e apoio.

Seguimos informando.

Proxecto Cárcere,  14 de Maio de 2018

2017-07-17-23.51.42-574x1024

Imaxe do día en que entregamos a proposta de dinamización do antigo cárcere no Concello da Coruña. Verán 2017

 

Boletín informativo de Proxecto Cárcere – 1 de Maio 2018

Este domingo 29 tivemos a Asemblea de Abril onde avanzamos nos pedidos do Concello da Coruña para efectivizar a entrada no cárcere.

Aprobamos a contratación do Seguro de Responsabilidade Civil e a reformulación de proxectos que se adapten ao espazo que finalmente poderemos ocupar.

Estamos á espera do borrador do contrato para ser aprobado en asemblea e asinado por Proxecto Cárcere. Esperamos que nesta semana teñamos este documento para poder por fin materializar a entrada do proxecto, e por tanto da cidadanía a este emblemático edificio da Coruña.

En palabras das persoas técnicas todo este proceso non levaría máis dun mes desde a última reunión que mantivemos con elas. Polo que sería como moi tarde o 17 de Maio. Desexamos que se cumpra desta vez a data dada e non haxa máis demora.

Após 7 meses de paciencia e comprensión, toca agora que as palabras tornen feitos.

Nestes días estiveron a rodar escenas dun filme dentro do cárcere.

Alégranos que se estexa a dar acceso ao edificio pois alén de ser o adecuado denota vontade e capacidade de facilitar o seu desfrute e uso inmediato.

Queremos tamén agradecer aos colectivos e persoas que nos estades a enviar solicitudes de uso pola vosa paciencia e esperamos poder dar resposta positiva en breve.

Por outro lado informar de que estamos agora a utilizar un novo blog en wordpress xa que blogaliza deixou de funcionar nas pasadas semanas. Estamos a terminar de organizar todos os conteúdos pero xa podedes visitarnos neste enderezo www.proxectocarcerecorunha.wordpress.com

carcere

imaxe do espazo que se utilizará inicialmente