MANIFESTACIÓN-MAREA HUMANA 23f

Dende Proxecto Cárcere queremos apoiar a convocatoria de protesta prevista na cidade para este vindeiro sábado.

Como plataforma cidadá comprometida coa realidade que nos rodea, que promove unha participación activa da sociedade nas cuestións que nos afectan a todas e todos, e que especificamente fai unha defensa do público cunha perspectiva de corresponsabilidade e implicación por parte da veciñanza, non podemos deixar de amosar a nosa desconformidade co panorama político, social e económico que estamos a sufrir, e polo tanto, apoiar esta resposta cidadá.

A continuación recóllese integramente o texto da convocatoria:

 

MANIFESTACIÓN-MAREA HUMANA 23f
Sábado 23, as 12:30 Obelisco, A Coruña

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Desde diversos colectivos cívicos e movementos sociais da cidade decidimos convocar, o sábado 23F, unha mobilización que quere convertirse nunha ‘marea cidadá’ de indignación e protesta contra os recortes, a corrupción e o expolio programado do público.

A connivencia dos poderes políticos coas élites financeiras que deseñan e marcan as presións dos mercados, a galopante corrupción que inunda os partidos do Réxime(PPSOE), a débeda ilexítima criada polo propio sistema financiero especulativo ou as brutais políticas de austeridade dirixidas contra as maiorias sociais, son consecuencias dun violento sistema de organización económica e política, o neoliberalismo. Un orde dominante en forma de Troika que, ainda falto de lexitimidade popular, nos goberna e nos golpea secuestrando os poderes públicos que deberían representarnos, defendernos das agresións de intereses privados e punir aos culpábeis de atacar o ben común.

Baixo este mandato neoliberal non elexido pola cidadanía, o intento de desmantelamento do público, coa ofensiva contra a Sanidade a Defensa universal ou a Educación, os ataques constantes ó medio ambiente, os dereitos laborais e sociais ou o desemprego son xa elementos cotidianos na nosa cidade.
Poren, tamén o son as respostas cidadás. Loitas dignas como as das traballadoras e traballadores do CHUAC defendendo unha sanidade pública e universal, a defensa do mantemento do COF, que cubre a área da sanidade mais vinculada á saude e á liberdade sexual e reproductiva das mulleres e que queren desmantelar, a resistencia de Aurelia e outra veciñanza da cidade en demanda do direito a vivenda e contra a inxustiza salvaxe dos desafuizamentos, a rebeldía do estudantado da UDC en loita que se opón as reformas educativas da LOMCE elitistas e centralizadoras, a oposición veciñal contra a especulación urbanística (Monte Alto, Agra, Durmideiras, Someso, Castro Elviña, Palavea..), a demanda polo mantemento da Biblioteca Veciñal de Monte Alto, os centenares de persoas aforradoras estafadas polas Preferentes que demandan simplemente que lles devolvan o roubado polas entidades financeiras ou a mobilización de miles de traballadores e traballadora da cidade e da comarca que loitan contra despedimentos arbitrarios e ERES inxustos. Todas estas exixencias cidadás debuxan un mapa de resistencias ante as poĺiticas austericidas da dereita cleptócrata hoxe no poder no estado, no pais e na cidade. Un mapa de resistencias que creemos preciso facer confluir nunha expresión colectiva de protesto.

Chamamos pois a construir na cidade movementos e mobilizacións de caracter profundamente plural. Chamamos a confluencia de aqueles colectivos e persoas que nos vemos violentamente afectadas polas políticas de recortes e polo saqueo do público que se está a exercer desde o poder político institucional. E chamamos, en definitiva, a tomar as rúas este 23F: Contra a corrupción, por unha saída social a crise, contra a débeda ilexítima, as políticas neoliberais, os recortes e, ao cabo, pola construcción dunha cidade e unha sociedade baseadas na igualdade e na xustiza social.

En defensa da democracia, a liberdade e os direitos sociais.
Paremos o réxime corrupto.
Non ao golpe de estado financeiro: non debemos, non pagamos!

I Xornada de convivencia de Proxecto Cárcere

Após dous anos de actividade grupal pensamos que é o momento de regalarmonos un espazo e un tempo para nos coñecer  e recoñecer de maneira individual e colectiva a través dunha xornada de dia completo de convivencia e debates.

Nesta xornada queremos abordar temas específicos dunha maneira mais extendida do que habitualmente é posibel nas reunións de asemblea ou grupos de traballo, que xeralmente teñen un carácter mais ben organizativo.

A biodanza será a encargada de prepararnos para esta I Xornada de convivencia que terá como temas a tratar:

  • Comunicación interna
  • Obxectivos
  • Autoxestión e financiamento
  • Procesos grupais
  • Iniciativas alén do cárcere

Este encontro con xantar comunitario terá lugar o Domingo 17 de Febreiro de 2013.

Para mais información podes contactarnos en proxectocarcere@gmail.com

CPD (Comunicación para o desenvolvemento)

JailArt Proxecto Cárcere!!

Jailart, unha iniciativa de arte postal de Proxecto Cárcere en colaboración con Carlos Botana, fai un chamamento á comunidade artística internacional para que o antigo cárcere provincial da Coruña se convirta en Centro Sociocultural e da Memoria autoxestionado.

As obras formarán parte dunha exposición que terá lugar no 2013 ben dentro ou fora da prisión actualmente abandonada e en desuso.

De técnica e formato libre toda a xente que desexe participar ten ata o 1 de Xuño para enviar as súas obras a Carlos Botana, Avda General San Jurjo, 62, 2º, 15006 A Coruña

Podes dar unha ollada aos traballos presentados ata o momento no icone “Jailart” na marxe dereita deste blogue ou premendo aqui JailArt Proxecto Cárcere!!

Asemblea de Febreiro, o mércores 6 às 20h no Café da Guiné

O mércores 6 de febreiro teremos a primeira asemblea do 2013 ás 20h-20h15 no Café da Guiné na rúa San Xosé da Coruña.

Falaremos de:

– Novidades nos grupos de traballo:

  • Comunicación e divulgación (posibeis xornadas temáticas, divulgativas-autoformativas)
  • Financiamento
  • Investigación de Proxectos
  • Radio “Ondas no Cárcere”

– Organización xornada de convivencia de Proxecto Cárcere (temas, loxística, etc)

– Convocatoria do Jail Art

– Varios

Se tedes algunha suxestión enviádenola a proxectocarcere@gmail.com

Vémonos!!