A próxima asamblea de Proxecto Cárcere vai ter lugar este venres 13 ás 20h no Centro Social Gomes Gaioso, na rúa Marconi, 9, e falaremos dos seguintes temas:
1. Avaliación Brigada Limpeza
Prós e contras, que conseguimos? que podiamos ter feito mellor?
Envio de nota de prensa e cartas ao Concello e SIEP. De momento un guarda na porta do cárcere día e noite.
2. Calendario de acción dos próximos meses
Brigada Limpeza – Actuable – Dossier – Apoios – Negociacións co concello/SIEP/outros axentes??
Como conseguimos apoio social? que apoio queremos/precisamos? artistas, políticxs, cidadanía….
Como nos sentimos nós en Proxecto Cárcere?
3. Dossier
Pontos fortes e pontos febles.
Coordinación do traballo feito/por fazer
Propostas de axuda/debate/traballo : mesas-de traballo con xente experta, afin, abertas ao público, sobre: autoxestión, financiamento, concienciación cidadá, construcción de grupo…relacións/negociación coas institucións, coa prensa, etc
4. Varios
As asambleas de Proxecto Cárcere son sempre abertas a todas as persoas e colectivos interesados sean ou non parte da Plataforma.
Concepción Arenal (Ferrol,1820- Vigo,1893) foi avogada, escritora e feminista e a primeira muller de Galicia e de todo o estado en ir à universidade, nunha época na que esta ainda estaba vedada para as mulleres. Tamén foi a primeira muller en ser nomeada visitadora de cárceres.
Concepción Arenal defendia unha humanización dos cárceres e o dereito das presas e presos a ser tratadas con dignidade. Cria que o acceso á educación de toda a sociedade era a mellor ferramenta para vaciar os cárceres de persoas. A este efecto realizou numerosos estudos que están recollidos en publicacións como “Carta aos delincuentes”, “Oda á escravitude”, “O delito colectivo” ou “A educación da muller”.
O antigo cárcere provincial da Coruña integrou algunhas das propostas de Concecpción Arenal na seu deseño como insta na placa da entrada. A nós enorgullécenos que se faga un filme da súa historia que é a nosa e esperamos podela ver pronto.
O filme, que será emitido na TVE, terá como protagonistas a Blanca Portillo, como Concepción Arenal, acompañada por Mabel Rivera no papel de Juana de Vega.
“A mediados do século XIX a avogada e escritora Concepción Arenal traballou como visitadora de cárceres na prisión de mulleres da Coruña, o que daría como fruto algunhas das súas obras chave. Os seus escritos servirían de base para a reforma do sistema penitenciario no Estado Español.”
O Proxecto Cárcere quere expoñer publicamente as súas reflexións sobre o acontecido o pasado 31 de marzo de 2012 na entrada da antiga prisión provincial da Coruña. Faino coa certeza de que a súa traxectoria como movemento cidadá dende o ano 2010 tradúcese como o mellor aval cara a amosar que as súas propostas son sempre para sumar e nunca para crear conflitos de ningún tipo.
Por iso, a mellor forma de transmitir ese espírito común que ateiga a nosa filosofía é comunicando dun xeito entendible o noso punto de vista. A falta de comunicación é quizais a grande teima que fai que as persoas non cheguen, como mínimo, a respectarse, puido ser o que tivo concorrido ese día. Que unhas persoas que teñen como obxectivo que un espazo público deixe de estar abandonado e chegue a desaparecer, sexan vistas como posibles perigos para a seguridade, algo que resulta cando menos sorprendente.
O colectivo Proxecto Cárcere quere e quería ese día “limpar” a antiga prisión provincial porque era unha necesidade cívica. Non se pode nin se debe deixar estragar un ben tan emblemático e permitir que se converta nun perigo físico cara ás persoas que por curiosidade poidan acceder libremente a el.
Con esta acción directa pretendíase chamar a atención das institucións que deben manter o bo estado do edificio, como mínimo, por salubridade. Incluso cara ás persoas que estaban a vivir no espazo, pretendíase mellorar as condicións do lugar. A mellor maneira de reivindicar algo é aportando algo e o mellor xeito de facelo neste caso era limpando, traballando polo ben común. Foi o que tentou o Proxecto Cárcere e non lle foi posible facelo. Lonxe diso, non houbo ningún tipo de referencia ou preocupación por parte das autoridades ó que pretendíamos facer alí ese día.
A xornada desenvolveuse pacificamente e rematou cun xantar ós pés da Torre conversando do acontecido e resolvendo estar moi sorprendidas todas as persoas que compoñemos o colectivo.
Noutros lugares de España e de Europa o aproveitamento por parte da cidadanía en colaboración coas institucións dun espazo público evitando a súa ruína é considerado como acto social de primeiro orde, pois supón que calquera persoa que pase por estes lugares terá o respecto como un dos seus xeitos de convivir coas demais.
Estamos totalmente dispostos a amosar o noso proxecto a quen teña que escoitarnos e agardamos que haxa unha comunicación fluída pois os nosos intereses son os da cidadanía da Coruña.
6 de Abril de 2012
PROXECTO CÁRCERE
Grupo de activación e reivindicación do antigo cárcere da Coruña
As compañeiras Dinorah Batallán e Carme Cotelo participaron o pasado 27 de Marzo no programa “A Vida é outra Cousa” da Cuac FM.
Dinorah falou sobre a Plataforma e o seu proxecto de fin de carreira. Dinorah propón unha distribución espacial e temática dentro do cárcere baseada nas propostas de uso para o edificio que a cidadanía foi aportando a Proxecto Cárcere. http://www.ivoox.com/playerivoox_ee_1150463_1.html
Carme Cotelo explica o proceso colectivo de Proxecto Cárcere desde as primeiras choivas de ideas apaixonadas e ambiciosas e grandes xuntanzas de persoas e organizacións ata a realización das Xornadas de Portas Abertas e o lento camiño cara un traballo horizontal de obxectivos compartidos. http://www.ivoox.com/playerivoox_ee_1150465_1.html
Transformación social e arquitectura son posibeis!
O Sábado 31 de Marzo reunímonos un grupo de 25 persoas para limpar o cárcere e así crear conciencia social e institucional sobre a importancia do seu coidado e mantemento como patrimonio histórico e arquitectónico da nosa cidade.
Esta labor non poido ser realizada porque un despregue policial enviado polo Concello da Coruña formado por 5 coches da policia nacional se presentou no mesmo para nos impedir o acceso ao recinto. Despois dalgún malentendido inicial, debido á incorrecta información que lles fora fornecida, xa que pensaban que se ía tratar dunha ocupación e non dunha limpeza de 2 horas, recibimos as desculpas oportunas e colocámonos na parte externa do cárcere.
Permanecemos ali ata as 13h aproximadamente nas que fomos atendida/os pola prensa interesada en saber cales eran as nosas demandas e un tanto sorprendidas pola resposta institucional. Nós pedimos que as autoridades competentes, o SIEP (Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios) actual xestora do Cárcere e o Concello da Coruña protexan o cárcere dos ataques vandálicos e deterioro causado polo desuso e abandono no que na actualidade se encontra. Tamén nos preocupa como o mal estado do cárcere poda afectar ao nomeamento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, xa que o cárcere está dentro do contorno da Torre.
Durante o tempo que permanecimos ali, o noso compañeiro Tono poido grabar algunhas declaracións de persoas que aprobeitando o bon tempo paseaban polo paseo maritimo. Nas súas aportacións predominaba un pensamento comun: a mala imaxe que dá o abandono do cárcere tanto para turistas como para locais, o risco que supón por cuestións de salubridade e seguridade para as crianzas e a mocidade que acostuman a xogar nas imediacións, e o apoio a unha iniciativa de rehabilitación do cárcere para uso público das coruñesas e coruñeses.
No picnic de convivio que celebramos próximo a praia da Lapa falamos dos seguintes pasos a seguir coa clara intención de continuar as relacións coas institucións e compartir a nosa iniciativa coas persoas e colectivos da cidade para que aporten a súa visión e así o proxecto gañe en diversidade e consenso social.
A pesar de que o noso ideal sería que o cárcere estivese aberto para o uso e desfrute de toda a xente da Coruña e visitantes vemos como urxencia inmediata a súa proteccion e por tanto instamos ás autoridades competentes a pechar as vías de acceso ao edificio de maneira efectiva e enviar unha patrulla policial de forma regular ao cárcere e inmediacións para cerciorarse de que non se producen mais estragos.
Pola nosa banda nas próximas semanas completaremos o Plan de Viabilidade no que exporemos á cidadanía, institucións, organizacións políticas e medios de comunicación a nosa proposta de uso, xestión, mantemento e financiamento para a antiga prisón provincial da Coruña.
Agradecemos a todas e todos polo seu apoio e divulgación da iniciativa e esperamos ver en breve o cárcere da Torre protexido e en boas condicións.