
A Coruña, 24 de Xullo 2018
Sen presa pero sen pausa imos sendo máis.
Esta semana continuamos cos traballos de limpeza e mantemento no Cárcere grazas ao labor e cariño incansable do voluntariado e do Grupo de Traballo de Loxística e Fermosura. Podes consultar datas no panel de entrada (foto) ou no noso blog Xornadas Abertas de Arranxo e merendola
O xardín da entrada está cada vez máis limpo e axeitado. A comunidade gatuna, que nos acompaña e que tan ben coidan Chus e cía, tamén parece agradecida e cada vez se achegan máis a nós.
Limpamos mobeis, imos adecuando as diferentes estancias, organizando o día a día do espazo e do proxecto.
E temos xa case finalizada a segunda rampla!
Moradoras e voluntarias coordinadas pola Comisión de Infraestruturas realizaron a do acceso da entrada.
Isto permitirá cumprir co noso obxectivo de que todas as persoas poidamos entrar no Cárcere para a Festa de Apertura.
As ramplas están construídas con materiais reciclables como estructuras mobeis temporais, respondendo a procesos orgánicos e espontáneos, onde prima cubrir en cada momento as necesidades do espazo e as persoas que o utilizan.
Grazas a todas!

Cada vez máis xente se aproxima ao Cárcere para preguntar sobre el e especialmente para falarnos del. Hai moita xente con historias moi interesantes de familiares ou delas propias que alí estiveron.
Hai tristeza, emoción… e sobre todo moito apoio por ter o espazo aberto, porque a xente poida entrar e recordar, e falar do pasado.
É bastante xeralizado o desagrado de que as autoridades responsabeis deixaran deteriorar o espazo deste xeito, sen facer nada para o rehabilitar ou darlle un novo uso. Din que é unha vergoña, nós tamén o pensamos.
Dá moito ánimo saber que non somos as únicas que temos o desexo de que se poida ir accedendo ao resto do edificio e que sexa para uso da xente, de todas nós.
Con este fin, seguimos alén do traballo físico coas nosas comisións de Comunicación, Xestión, Proxectos, Infraestructuras, coa Horta… a tope para facilitar a participación e comunicar o que se quere facer e como.
A Festa de Apertura vai collendo forma con artistas xa veteranas nas actividades de Proxecto Cárcere e outras novas que estamos desexando coñecer. todas elas de forma altruísta. E teremos información do que foron estes 7 anos de loita para poder entrar, limpar e darlle unha nova vida.
Se queres participar con algunha actividade fainos saber o antes posibel envíando email a proxectocarcere@gmail.com
Hoxe tivemos a primeira reunión da Comisión de Seguimento co Concello da Coruña. Nesta comisión participan 3 representantes do Cárcere e 3 representantes do Concello. Ten como obxectivo establecer unha canle de diálogo de igual a igual, coordinada e fluída, e respectuosa coas necesidades e ritmos das diferentes partes.
De momento o volume de papeleo é considerábel e observamos que os procesos burocráticos van algo desaxustados coa actividade máis orgánica da acción social.
Somos conscientes de que esta é unha experiencia nova na cidade e que precisa dunha aprendizaxe mutua, capacidade de diálogo e tempo e paciencia. O que pensamos non falta a ningunha das partes.
Tamén nesta semana recibiremos aos medios de comunicación para informar sobre como está a ser este momento de entrada física no Cárcere e próximos eventos como a Festa de Apertura o sábado 4 de Agosto.
Seguimos informando