Boletín informativo – 18 de agosto 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, 18 de agosto 2018

photo_2018-08-17_20-42-31

A comunidade gatuna do Cárcere sabe como desfrutar do espazo. Levamos pouco tempo coñecéndonos e xa non poderíamos vivir sen elas.

Moi ben coidadas por Chus e o equipo de voluntarias.

Mentras tanto a Comisión de Proxectos reuniuse para avaliar as propostas que foron chegando.

De 11 pasaron os requerimentos 10, e a que non o fixo non foi porque non fora interesante pero porque era unha idea a desenvolver e aínda precisa concrección.

Gustaríanos moito que esas 10 propostas foran para adiante, pero o aforo limitado que temos de momento, vai facelo dificil para algunha delas. Esperamos que se vaia resolvendo este tema e que máis propostas poidan ter no Cárcere o seu espazo.

Precisamente estivemos tamén estes días recollendo información e facendo consultas para saber como ampliar o plan de evacuación que é a causa do limite de aforo. Clarificar que non ten nada a ver co bó ou mal estado do Cárcere, e en particular do Hall que estamos a ocupar. Todos os espazos de uso público teñen que cumprir uns requisitos de evacuación en caso de incendio. O Hall tal e como está os cumple pero implica un limite de aforo determinado. Pódese ampliar pero hai que ver a mellor maneira tendo en conta os usos e que é un edificio singular.

Daremos os pasos necesarios e iremos informando.

E que propostas de actividades se presentaron? Pois presentacións de libros, proxeccións de documentais, exposicións, encontros de meditación, grabacións, charla de divulgación de mulleres e deporte, cursos de formación…

De todas as actividades que se vaian materializando iremos dando detalles nas próximas semanas, pero como comentábamos algunhas delas pode que non se leven a cabo de momento.

Este traballo de revisar as propostas debe ser un dos máis bonitos do Cárcere. Moita ilusión e vontade de facer cousas fermosas e diversas.

Dixo unha compañeira que non eramos tan individualistas e que realmente había moita xente facendo cousas altruístamente, por pracer, porque lle peta. Nós entre elas, pero somos moitas e con esta experiencia no Cárcere vemos que se torna un espazo de encontro, un cruce de camiños onde nos coñecemos e aprendemos as unhas das outras.

Recordámonos de moitos dos proxectos e iniciativas que ficaron no camiño durante estes anos. Uns porque esperar 7 anos, pois fíxose tempo de mais. E outros por causa da reducción de espazo que inicialmente se podía utilizar aos 200 m2 actuais.

E incluso agora vemos como volven ficar fora propostas porque continua a haber limitacións de uso.

É unha pena que tendo tan próximo un edificio tan grande e con tantas posibilidades, e sen ser utilizado para nada durante tanto tempo, tantas iniciativas queden paralizadas ou teñan de desistir de materializarse.

Isto dános máis forza e argumentos para seguir demandando máis Cárcere  e mellor. Recorda asinar e divulgar a Campaña “O Cárcere: Máis e Mellor! .

Xa imos por 300 sinaturas!

Se queres levar follas de sinaturas ven recollelas ao Cárcere ou contáctanos e chas enviamos para que as imprimas – proxectocarcere@gmail.com

E este mércores 22 ás 18:30 teremos a Escola Café “Como funciona o Cárcere?”. Se queres asistir envíanos email para confirmar ou deixa o teu nome e teléfono no Cárcere.

escolacafe funcionamento

Para terminar queríamos recordar eses proxectos e ideas que ficaron no camiño. Porque son moitas e porque viñan de diferentes colectivos e persoas a nivel individual que soñaron e talvez aínda soñen que o Cárcere pode e debe ser da xente, pode e debe ser cedido á xente para ser e construír cultura e comunidade.

O noso obxectivo sempre foi e aínda é ese. O Cárcere para o pobo.

Proxectos que ficaron fora despois da reducción de espazo a 200 m2

  • Arquivo e biblioteca da Memoria Histórica
  • Escola de Música moderna
  • Taller de auto-reparación de bicicletas
  • Concertos e Festivais musicais
  • Espazos para artistas de xeito permanente

E como non recordar tamén aquelas propostas que foran chegando nos primeiros anos do Proxecto Cárcere, para ter claro que o espazo xa nos é pequeno e porque temos de seguir loitando.

(Do apartado 7.5. PROPOSTAS CIDADÁS  do Plan de Viabilidade (2011)
A continuación, un resumo que recolle as propostas de uso para o cárcere recibidas de xeito voluntario por todas aquelas persoas que se interesaron pola recuperación do antigo cárcere provincial da Coruña e a súa reconversión nun centro sociocultural autoxestionado.
1. Espazos para artistas de xeito permanente (estudios con ou sen vivenda)
2. Punto de encontro e traballo para asociacións, por exemplo, espazo para a
cooperativa Zocamiñoca.
3. Cafetería/restaurante en réxime de concesión
4. Espazo para a creación colectiva
5. Espazos expositivos
6. Albergue integrado na Rede de Albergues (española e europea)
7. Espazos para artes escénicas
8. Salas para xuntanzas de todo tipo (polivalente)
9. Espazo para a recuperación da memoria histórica
10.Espazo para órganos de xestión
11. Zona para meditación, ximnasio e hammam.
12. Zona para obradoiros
13. Zona multimedia: Redacción para webs, blogs… Estudio de radio e TV para
gravar aos colectivos, artistas que nos visitan…
14. Cine ao aire libre.
15. Pista de xeo para patinar.
16. Celebración de campionatos deportivos.
17. Espazos para a investigación, reflexión, etc. sobre proxectos semellantes.
Posibilidades de intercambio de información e documentación.
18. Creación e soporte para pequenas empresas .
19. Centro de proxectos de circo e teatro social aberto a cidadanía.
20. Lugar lúdico para adolescentes con actividades que eles propoñan
21. Centro cívico e sociocultural interxeracional
22.Visitas guiadas
23. Contacontos para xordos.
24. Unha biblioteca de documentos e libros afíns ás filosofías dos diferentes
colectivos. Podería incorporar sala de lectura.
25. Unha biblioteca popular
26. Obradoiros de autoreparación de bicicletas
27. Laboratorio para os artistas. Encontros artísticos ou residencias temporais de
artistas co fin de encontros internacionais
28.Espazos que poñan en valor as profesións e o coñecemento dos habitantes da
cidade a través da súa participación en proxectos de formación.
29.Escola e gardería infantil como un servizo comunitario autoxestionado.
30. Traballar coa xente maior, inmigrantes ou persoas discapacitadas.
31. Un viveiro de creadores.
32. Un viveiro de empresas culturais e artísticas
33.Espazos de encontro que promovan o debate e a crítica aos plantexamentos
culturais oficiais. Que tivera moi en conta a acción pedagóxica
34.“Universidade pop” que organizara cursos tan variados que van desde a
gastronomía á filosofía, pasando pola arquitectura ou a música; organizan
obradoiros de artes plásticas, teñen un bar onde fan sesións con DJ’s…
35. Librería
36. Colectivización de recursos
37. Creación dunha cociña e comedor colectivo
38.Sala de ordenadores conectados a internet de uso libre.
39. Taller de reciclaxe.
40.Proxecto de roupa de segunda man.
41. Un centro de formación ou escola-obradoiro sobre alternativas de xestión,
organización, financiamento, relacións, resolución de conflitos, etc.
42. Creación dunha horta urbana
43.Promover a visibilización e participación das mulleres de todas as idades no
proxecto
44.Promoción do intercambio con outras entidades no campo da Igualdade de
Xénero
45.Seguimento informativo das políticas sociais e medidas que afecten aos
colectivos cos que traballamos.
46. Obradoiros de Educación Sexual
47. Continuidade da (S8) Mostra de Cinema Periférico cada ano no mes de xuño.
48. Taller de arte urbano e espazo skate: patios.
49.Acción e asistencia social
50. Centro de interpretación da Torre de Hércules
51. Museo sobre diferentes personaxes galegos
52. Obradoiro de tarefas tradicionais e manuais (costura, ferreiro, cerámica, cociña,
etc)
53.Stream-lab, con cámara, sensores e telepresencia
54. Radio comunitaria
55.Escola libertaria, centro de educación libre
56.Eco-Aula de sensibilización ambiental
57. Locais de ensaio
58.Estudos de música
59.Espazo de reinserción
60. Centro de acollemento de persoas sen teito
61. Zona de difusión dos movementos sociais da cidade

Continuamos informando…

 

Escola Café “Como funciona o Cárcere?”

escolacafe funcionamento

O próximo mércores 22 de agosto a partir das 18h30, nun ambiente relaxado, no pórtico do Cárcere, teremos unha conversa con café e algo de picar que podamos traer colaborativamente, sobre o funcionamento do Cárcere.

Como se pode participar? Como nos organizamos? Que é iso da Asemblea? Que se necesita para xestionar un proxecto autoxestionado? Por que o Cárcere?

Se andas coa idea de como poderías axudar ou simplemente tes curiosidade achégate a coñecernos.

A participación é aberta pero agradécese confirmar asistencia. Só tes de enviar un email a proxectocarcere@gmail.com ou comunicalo no Cárcere, deixand o teu nome e email ou número de teléfono.

Vémonos!

 

Boletín Informativo – 10 agosto 2018

BOLETIN_PC_2A Coruña, 10 de agosto 2018

photo_2018-08-04_17-51-29

Esta é unha das imaxes que máis nos emocionaron na Xornada de Apertura do Cárcere. Unha demanda que tivemos desde o inicio para poder abrir para toda a xente estes primeiros 200 m2: a accesibilidade.

Unha das dúas ramplas foi feita con materiais reciclados baixo o asesoramento de Santiago Cirugeda, no seu paso pola Fundación Luis Seoane. Na súa construcción participou o seu alunado e moradoras e amigas do Cárcere. A segunda, á da entrada externa xa foi realizada por nós co asesoramento da Comisión de Infraestructuras.

E o que parecía que ía ser un beneficio só para unhas persoas, terminou séndoo para todas. A rampla da entrada foi moito máis utilizada que as escadas, por comodidade e adecuidade.  Fai máis doado levar cargas, carriños de crianzas, camiñar ao lado das persoas con cadeiras de rodas ou darlles outros usos segundo se precisaba. O que é bó para unhas o é para todas.

Dos dous aseos que hai no interior, un deles tamém é accesibel.

photo_2018-08-04_19-16-52

O sábado 4 de agosto foi unha data inesquecibel no que pasaron polo Cárcere por volta de 600 persoas ao longo do día. Con 12 artistas, 3 exposicións e espazo de entretemento e crianzas. Moitas visitantes ficaron da mañá ata a hora de feche, asistindo aos espectáculos, entrando varias veces no Hall e contándonos historias delas propias ou doutras persoas que estiveran dentro nalgún momento da súa historia.

Vendo as memorias que traen algunhas delas decidimos recollelas en formato audio e/ou video como documentación e porque realmente merecen a pena ser escoitadas. Se ti es unha desas persoas que quere contar a súa historia ou coñeces a alguén por favor achégate os días abertos ao público e cóntanos.

David Jiménez 31

A comunicación inesperada de que só se permitía 25 persoas nun espazo de 200 m2 por cuestións de metros de distancia á principal saída de evacuación, fixo que tiveramos que tirar da imaxinación e creatividade e colocar un sistema de pedriñas para controlar o aforo estipulado.

Non estamos dacordo con esa decisión, tanto por interpretación da normativa como pola evidente sensación de seguridade que nos dá un espazo de 200 m2 cunha saída directa á rúa, con suficiente amplitude e completa accesibilidade.

Porén, imos consultar como se está a aplicar noutros espazos públicos, ver casos precedentes e procurar alternativas que faciliten que o aforo do Hall poda ser máis acorde co uso e capacidade que ten.

As dificultades que estamos a ter a nivel administrativo semellan unha carreira de obstáculos, con máis dunha pedra no camiño, pero non nos imos rendir.

38490850_10212823061427518_325401166319976448_oA frustración que nós sentimos cando volvemos entrar no Cárcere despois de 7 anos de peche e abandono por parte das administracións responsabeis, foi compartido polas persoas que o visitaron neste día.

O uso limitado ao Hall sen poder acceder ao resto do Cárcere que todas as persoas desexaban ver foi para moitas unha decepción. Como para nós, que iniciamos xa melloras e coidados neste primeiro espazo e que desexamos se continúe a avanzar para poder facer o mesmo noutras partes como o panóptico, patio e resto do edificio.

Pensamos que a rehabilitación do Cárcere e a súa xestión cidadá debe ser abordada colectivamente e de inmediato. Non chega coa boa vontade dun goberno determinado, teñen de ser todas as organizacións políticas, institucións, e a cidadanía que asumamos a responsabilidade de recuperar o antigo Cárcere

Con este fin iniciamos a campaña de sinaturas “O Cárcere: Máis e Mellor” da que xa temos máis de 200 apoios e convidamos a todos os partidos no goberno a coñecer o espazo e falar sobre o presente e futuro do Cárcere para o mes de setembro.

Non queremos que non facer nada sexa a única resposta ao estado do Cárcere.

Por favor asina facendo click na imaxe e axúdanos a divulgar a campaña

CAMPANHA MAIS E MELLOR

Podes ver máis imaxes no facebook e no Video-foto da Apertura do Cárcere de David Jiménez

E a vida do Cárcere continúa, e nós continuaremos a informar

 

Campaña de sinaturas “O Cárcere: máis e mellor”

Asina en apoio facendo click na imaxe.

CAMPANHA MAIS E MELLOR

Unha vez aberto o Cárcere é necesario continuar coa súa rehabilitación e apoio á xestión cidadá.

Os 200 m2 do recinto de entrada son un primeiro paso que custou 7 anos dar. Agora é o momento de darlle vida a través da actividade. Demostrar a importancia de ter modelos de uso e organización diversos na nosa cidade dos que todas as persoas poidamos aprender e desfrutar.

Para isto é imprescindíbel un compromiso real das institucións, un diálogo aberto e de igual a igual onde se escoiten as diferentes perspectivas e onde, sobre todo, haxa vontade de cambio.

O obxectivo de Proxecto Cárcere nunca foi que se puidesen empregar 200 m2 e quedarse aí, especialmente coas carencias e limitacións que implica a xestión cidadá dun espazo destas características e con estas condicións de uso, pero sabiamos que se non entrabamos poderían pasar outros 7 anos sen que se fixese nada, o que suporía a condena definitiva para o Cárcere.

Estamos a solicitar reunións cos diferentes partidos políticos no goberno da cidade para o mes de setembro, para que coñezan o espazo e falar sobre o presente e futuro do Cárcere.

Por todo isto demandamos:

  • que se realicen as obras inicialmente previstas para o verán, que consisten, entre outras cousas, na mellora do teito do hall e que afectan directamente a actividade e benestar das moradoras e visitantes durante os meses de outono e inverno.
  • que se valoren conxuntamente e se aproben en consenso propostas realizadas polas moradoras do Cárcere, as persoas que lle damos vida e coidamos o espazo, para o avance na adaptación e/ou rehabilitación doutros espazos do Cárcere: O panóptico, o patio da marxe dereita e estancias ou outros.
  • que haxa un compromiso colectivo político, cidadá e institucional para a rehabilitación total do Cárcere, que non facer nada non sexa a única resposta á deterioración do edificio, así como doutros edificios en abandono e/ou desuso da cidade.
  • que se abra un diálogo e se chegue a acordos comúns entre os diferentes axentes sociais, políticos e institucionais sobre diferentes formas de xestión na cidade, incluíndo a xestión cidadá e mancomunada.
  • que se faciliten as tarefas e responsabilidades administrativas de xestión do Cárcere a través dunha boa coordinación, información e colaboración entre administracións, institucións e movementos sociais.

Por favor asina e divulga esta campaña. Axúdanos a recuperar o antigo Cárcere da Coruña para a xente.

Días abertos ao público

photo_2018-08-04_16-37-58

Días Abertos ao Público

Luns, Mércores e Venres a partir das 17:00

A apertura do Cárcere depende da actividade. Podes consultar regularmente no blog as propostas que vaian chegando e tamén no panel de información no Cárcere.

Continuará durante todo o mes a exposición “Jail Art” de arte postal e Obxectos do Cárcere e 7 anos de Proxecto Cárcere.

Seguiremos coas tarefas de limpeza e mantemento “Xornadas de Limpeza e Fermosura” que ser irán tamén comunicando semanalmente.

E as asembleas operativas, onde organizamos o traballo e decisións da semana os xoves 9 e 23 e mércores 16 e 30 de agosto ás 20h.

Podes utilizar o xardín externo e pórtico calquera día da semana. Simplemente respeta os acordos de uso para todas as persoas e actividade no Cárcere:

  • Promover e respectar os dereitos humanos fundamentais: non machismo, non racismo, non homofobia/transfobia, non xenofobia…)
  • Non realizar actividades de apoio e/ou divulgación de partidos políticos
  • Deixar o espazo como se econtra ou melloralo, se for posibel.

 

🙂

 

 

 

 

Boletín Informativo – 2 de agosto 2018

BOLETIN_PC_2

A Coruña, 2 de agosto 2018

 

documentaçom festa apertura mod

Con esta imaxe comezamos o boletín desta semana.

Si, a burocracia é abrumadora. Porén, xa está feita, clarificado o proceso para responder ás demandas administrativas de inicio de actividade pública no Cárcere  e con a documentación presentada.

Hai que salientar que fomos capaces de elaborar todos estes formularios, documentos e planos, porque no grupo hai persoas arquitectas, persoas con capacidades administrativas e persoas con paciencia inmensa para dar os pasos adiante e atrás que require esta relación cidadanía-institución.

Moitas delas engadindo este traballo ao que fan no día a día nas súas casas ou remuneradamente. Un grande bravo por elas.

entrega papeis festa apertura

Alén da pila de formularios para a Festa de Apertura, que despois dos que entregamos para a actividade inicial será menos voluminosa, tamén terminamos de concretar o Manual de Funcionamento.

Este irase adaptando aos diferentes momentos do proceso, tanto pragmaticamente como emocionalmente, pero agora dá un marco máis estable para saber como movernos e especialmente para dar entrada a novas participantes e soster a vida do Cárcere.

panel casa aberta

E como non, a preparación da festa que dá como resultado unha programación moi interesante, grazas ás propostas de colectivos e artistas individuais da cidade de xeito altruísta e que son fundamentais para mostrar como este lugar noutrora de represión e confinamento pode e debe tornarse nun de expresión creativa e liberdade.

Son d’Aqui, Cantareiras da Comuna, Micki y amigos, Samuel Galan, Antía Gómez Ortega, Alba Cotelo, Teatro Alfaiate, Gonçalo Guerreiro, Marcos Casás, Swing Coruña e o Colectivo Loairas . Son as artistas coas que poderemos disfrutar durante o día.

A Comisión da Recuperación da Memoria Histórica, parte de Proxecto Cárcere desde o seu inicio, será a encargada de abrir a xornada.

Unha vez dentro faremos unha presentación de como vai funcionar a antiga prisión, como se vai poder participar e contribuir á vida do proxecto, dende e para a cidadanía.

Haberá exposicións: “Jail Art”, arte postal, “Obxectos do Cárcere”, “Trampas para una mujer pájaro” de Berta Nalúa do colectivo Loairas, unha selección de paneis da “Historia da Torre de Hércules” e proxeccións e materiais dos 7 anos de loita de Proxecto Cárcere.

Actividades para crianzas ás 16:00 e durante todo o día o Colectivo Loairas facilitará a creación do espazo de creación colectiva “A luz non ten barrotes. Mans escribindo LIBERDADE”.

Impresionante, verdade? 🙂 ❤

Información completa sobre a Festa de Apertura AQUI

 

Para completar a semana envíamos convite a todos os partidos políticos no goberno da Coruña para un encontro no Cárcere con cada un deles no mes de setembro.

O fin deste convite é que coñezan formalmente o espazo e podermos falar sobre o presente e futuro do Cárcere e da súa xestión cidadá.

Cremos que é a través do compromiso colectivo tanto da cidadanía como das intitucións gobernantes que se conseguirá terminar coa nefasta política de abandono e deterioro en que o Cárcere foi sometido durante os 7 últimos anos.

Tamén foron convidadas a asistir a nivel persoal á Xornada de Apertura o sábado 4 de agosto.

Na reunión coa Comisión de Seguimento da pasada semana comunicáronnos que non se van realizar máis obras ata a renovación da cesión do SIEP ao Concello da Coruña en Xaneiro de 2019.

A Asemblea do Cárcere non está dacordo con esta decisión e require que se continúen cos traballos de rehabilitación do edificio despois do verán como estaba previsto.  En base a isto elaborará unha serie de propostas coas prioridades estructurais e de acondicionamento que o edificio precisa para frear a súa degradación e facelo accesibel á cidadanía da Coruña.

Seguiremos informando