Escola Café “Como funciona o Cárcere?”

escolacafe funcionamento

O próximo mércores 22 de agosto a partir das 18h30, nun ambiente relaxado, no pórtico do Cárcere, teremos unha conversa con café e algo de picar que podamos traer colaborativamente, sobre o funcionamento do Cárcere.

Como se pode participar? Como nos organizamos? Que é iso da Asemblea? Que se necesita para xestionar un proxecto autoxestionado? Por que o Cárcere?

Se andas coa idea de como poderías axudar ou simplemente tes curiosidade achégate a coñecernos.

A participación é aberta pero agradécese confirmar asistencia. Só tes de enviar un email a proxectocarcere@gmail.com ou comunicalo no Cárcere, deixand o teu nome e email ou número de teléfono.

Vémonos!

 

Xornada Comunitaria “Que sabes da Insumisa?”

Agradecemos o convite do CSO A insumisa á Xornada comunitaria que está a preparar para este Sábado 21 de Decembro.

 

Proxecto Cárcere participará na Mesa de Colectivos Galegos durante a tarde cunha mesa informativa e presentando o noso proxecto ás 20h30.

PROGRAMA

11:30 h. Leti Miranda -actividades pensadas pra nenas e nenos-.
Exterior/ Pz. Mari Carmen.
 
14:30 h. Xantar Popular Vegano.
 
16:30 h. Presentación do libro Civilización Capitalista, de Abdullah Öcalan -líder do PKK kurdo-, a cargo de Sivan Zerdesti, membro do Congreso Nacional do Kurdistán -con sede en Bruselas- e tradutor da colección de libros escritos por Öcalan dende o cárcere.
Pz. Mari Carmen/ Sala de Concertos.
 
(desde) 18 h. Mesas Abertas pra Colectivos Comunitarios.
Confirmados: Stop Desafiuzamentos, Proxecto Cárcere, CSA do Sar, Ergosfera, Ateneo Libertario Xosé Tarrío, CSOA Escárnio e Maldizer, A Comuna, CUAC FM.
Espazo Cafeta.
 
18 h. Exhibición de Break Dance. Ximnasio.
Obradoiro Aberto de Swing. Exterior/ Pz. Mari Carmen.
 
19:30 h. Obradoiro Aberto de Ioga. Ximnasio.
Mostra de Teatro. Espazo Cafeta.
 
20:30 h. Presentación dos Colectivos Comunitarios da Mesa e outros;
e Poxa Solidaria. Sala de Concertos.
 
21:30 h. Concertos de Bento Veloso, The Fulans, e Bonito Collar;
e Sesión Malala DJ. Sala de Concertos.

Esperámosvos!

Proxecto Cárcere nas Conversas das Culturas

O pasado martes 26 de abril, Proxecto Cárcere participou no ciclo de Conversas das Culturas* do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC que tivo lugar na cidade de Lugo. As conversas tiñan como eixo debatir ao redor da diversidade das culturas, así como reivindicar a aposta pola ecoloxía do saber.

O título que propuxo Proxecto Cárcere para a súa conversa foi “Afectos e coidados nos proxectos culturais”, onde se reflexionou sobre o proceso emocional das persoas que formaron e forman parte da plataforma ó longo dos 5 anos de percorrido nos que leva traballando, atendendo aos aspectos máis afectivos e emocionais.

Falouse do proceso, do grupo e da súa diversidade, das experiencias persoais, dos coidados internos e externos, dos conflitos e da vida dentro e fóra do colectivo entre outros temas.

* As Conversas das Culturas son coordinadas por Xosé Antonio Neira Cruz no marco de campUSCulturae, proxecto europeo cofinanciado pola Universidade de Santiago de Compostela e pola EACEA Culture Agency e organizadas por Fran Quiroga, coordinador do CulturaLab do Máster en Servicios Culturais da USC.

Deixamosvos a continuación o link da conversa.

Proxecto Cárcere con Manuel María

Manuel-María-Dia-do-Libro-669x272

O pasado 23 de Abril, con motivo do dia do libro, a Plataforma Proxecto Cárcere sumouse á iniciativa de homenaxe á figura de Manuel María. O acto desenvolveuse no Museo de Belas Artes de A Coruña, e máis de 300 persoas lemos poemas do autor, nun evento cheo de emotividade e amor pola nosa cultura. Por alí achegámonos Xosé Lado e Eva Piñeiro coa familia Nunes ao completo. O reto era grande. O noso poema, de Versos para un país de minifundios (1969), ben podemos decir, acaído:

Non creas o que din os xornais,
nin o que berran
as estaciós de radio,
nin os números xeados
que traen as estadísticas.
Non te fíes tampouco
no que se le nas guías
feitas para uso de turistas.
Non enchas o teu corazón
–tan canso e tan velliño-
coas canciós de moda.
Non lle dés creto ningún
á propaganda.
Non ergas na túa intimidade
–no lugar que algún día
ocuparon os deuses-
a imaxe dun ídolo
que pode ser un futbolista,
unha estrela de cine,
un charlatán,
cecais un falso amigo.
Recóllete en ti, ¡ouh
pobo meu!, medita,
chora longamente
os teus pecados.
E así que esteñas purificado
polas bágoas:
olla a realidade
na que vives
e abre, para sempre,
os teus ollos puros cara a luz.

Dinamizou e apresentou o evento Xurxo Souto, cariñoso, incisivo e comprometido coa terra. A viuva de Manuel María, Saleta, estaba entre o público, feito que aportou máis solemnidade aínda a lectura. Facía sol, e o espazo do Museo non fixo máis que ser a envolvente perfecta para unha mañá entre libros. Acelebramos a cultura, acelebramos os libros, e acelebramos a memoria.

Bicicletada contra a Lei Gallardón!!!

O próximo xoves 31 de xullo, bicicletada pola Coruña ante a iminente aprobación da lei Gallardón, o grupo de feminista autónomas da Coruña, 8 de marzo non é un día, é toda unha vida,  convoca a cidadanía coas súas bicicletas  ás 20 h na Praza da Palloza e chegada a María Pita ás 21h.

Se non tedes bicicletas ou queres tunear a túa, quedada o mércores 30 ás 19 h no Taller de Reciclos en Propolis (Rúa Barcelona).

Se levarán cartaces reivindicativas e adornos lilás nós ou as nosas bicicletas para deixar ben claro ao goberno do PP tanto a nivel do Estado como da cidade da Coruña que as mulleres non aceitaremos baixo ningun conceito esta lei, da que xa nos declaramos insumisas.

Vémonos coas bicicletas!!

Bicilcetada feminista Coruña

 

Proxecto Cárcere nas xornadas “Ens Toca! Recuperem l’espai públic”

O compañeiro Patxi Sánchez irá en representación de Proxecto Cárcere ás xornadas “Ens Toca! Recuperem l’espai públic” organizadas polo Ateneu Santboiá, coa colaboración de Nau Ivanow e Antic Teatre, e que terán lugar en Barcelona os días 13, 14 e 15 de xuño.

Coñecemos destas xornadas no pasado encontro en Bilbao da Rede Transibérica de Espazos Culturais Independentes e desde o primeiro momento non tivemos dúbida de que serían de grande interese para a nosa plataforma.

Estamos agradecidas/os a toda a xente de Barcelona polo seu convite e axuda loxística na cidade, así como tamén ao noso compañeiro Patxi que ofreceu o seu tempo e enerxías para traernos un pedaciño do que ali aprenda á Coruña.

‘Ens Toca! Recuperemos o espazo público a través da cultural”” é unha reflexión colectiva sobre cómo a cidadanía podemos apropopiarnos e recuperar o espazo público como ben común e cómo a cultura pode dotarnos de ferramentas e ideas que apoien este proceso.

Ens toca! é unha oportunidade para reflectir sobre cómo podemos organizarnos  para a xestión independente da cultura e o espazo público. Ateneu Santboià e a súa traxectoria ofreceranse como caso de estudo e espazo de experimentación para imaxinar diferentes ferramentas – intelectuais, emocionais, materiais, tecnolóxicas, políticas, etc – que podan contribuir a nos achegar a ese obxectivo.

As xornadas articularanse por volta de tres eixos temáticos

1) Espazos culturais independentes e modelos culturais alternativos

2) Traballo en rede a nivel local, nacional e internacional

3) O dereito á cidade e á construcción colectiva do territorio

Para mais información e inscripcións podes visitar a súa site Ens Toca!

MANIFESTACIÓN-MAREA HUMANA 23f

Dende Proxecto Cárcere queremos apoiar a convocatoria de protesta prevista na cidade para este vindeiro sábado.

Como plataforma cidadá comprometida coa realidade que nos rodea, que promove unha participación activa da sociedade nas cuestións que nos afectan a todas e todos, e que especificamente fai unha defensa do público cunha perspectiva de corresponsabilidade e implicación por parte da veciñanza, non podemos deixar de amosar a nosa desconformidade co panorama político, social e económico que estamos a sufrir, e polo tanto, apoiar esta resposta cidadá.

A continuación recóllese integramente o texto da convocatoria:

 

MANIFESTACIÓN-MAREA HUMANA 23f
Sábado 23, as 12:30 Obelisco, A Coruña

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Desde diversos colectivos cívicos e movementos sociais da cidade decidimos convocar, o sábado 23F, unha mobilización que quere convertirse nunha ‘marea cidadá’ de indignación e protesta contra os recortes, a corrupción e o expolio programado do público.

A connivencia dos poderes políticos coas élites financeiras que deseñan e marcan as presións dos mercados, a galopante corrupción que inunda os partidos do Réxime(PPSOE), a débeda ilexítima criada polo propio sistema financiero especulativo ou as brutais políticas de austeridade dirixidas contra as maiorias sociais, son consecuencias dun violento sistema de organización económica e política, o neoliberalismo. Un orde dominante en forma de Troika que, ainda falto de lexitimidade popular, nos goberna e nos golpea secuestrando os poderes públicos que deberían representarnos, defendernos das agresións de intereses privados e punir aos culpábeis de atacar o ben común.

Baixo este mandato neoliberal non elexido pola cidadanía, o intento de desmantelamento do público, coa ofensiva contra a Sanidade a Defensa universal ou a Educación, os ataques constantes ó medio ambiente, os dereitos laborais e sociais ou o desemprego son xa elementos cotidianos na nosa cidade.
Poren, tamén o son as respostas cidadás. Loitas dignas como as das traballadoras e traballadores do CHUAC defendendo unha sanidade pública e universal, a defensa do mantemento do COF, que cubre a área da sanidade mais vinculada á saude e á liberdade sexual e reproductiva das mulleres e que queren desmantelar, a resistencia de Aurelia e outra veciñanza da cidade en demanda do direito a vivenda e contra a inxustiza salvaxe dos desafuizamentos, a rebeldía do estudantado da UDC en loita que se opón as reformas educativas da LOMCE elitistas e centralizadoras, a oposición veciñal contra a especulación urbanística (Monte Alto, Agra, Durmideiras, Someso, Castro Elviña, Palavea..), a demanda polo mantemento da Biblioteca Veciñal de Monte Alto, os centenares de persoas aforradoras estafadas polas Preferentes que demandan simplemente que lles devolvan o roubado polas entidades financeiras ou a mobilización de miles de traballadores e traballadora da cidade e da comarca que loitan contra despedimentos arbitrarios e ERES inxustos. Todas estas exixencias cidadás debuxan un mapa de resistencias ante as poĺiticas austericidas da dereita cleptócrata hoxe no poder no estado, no pais e na cidade. Un mapa de resistencias que creemos preciso facer confluir nunha expresión colectiva de protesto.

Chamamos pois a construir na cidade movementos e mobilizacións de caracter profundamente plural. Chamamos a confluencia de aqueles colectivos e persoas que nos vemos violentamente afectadas polas políticas de recortes e polo saqueo do público que se está a exercer desde o poder político institucional. E chamamos, en definitiva, a tomar as rúas este 23F: Contra a corrupción, por unha saída social a crise, contra a débeda ilexítima, as políticas neoliberais, os recortes e, ao cabo, pola construcción dunha cidade e unha sociedade baseadas na igualdade e na xustiza social.

En defensa da democracia, a liberdade e os direitos sociais.
Paremos o réxime corrupto.
Non ao golpe de estado financeiro: non debemos, non pagamos!

Pasado, Presente e Futuro do Antigo Cárcere Provincial

Este venres 16 de Marzo ás 19h30 no Centro Cívico de Montealto terá lugar unha mesa redonda organizada polo Instituto de Estudos Políticos e Socias na que se falará sobre o futuro do cárcere.

Nesta palestra participarán alén da Plataforma Proxecto Cárcere, a Asamblea Popular do Bairro de Montealto, o Colexio de Arquitectxs de Galicia, o escritor Manolo Rivas e o arquitecto Emilio Argiz.

O cárcere é sen dúbida un edificio que suscita interés entre diversos sectores da sociedade da Coruña e será esta unha moi boa oportunidade de compartir ideas e proxectos que respondan ás inquedanzas sociais e culturais para manter e darlle uso ao que é indiscutibelmente patrimonio da nosa cidade.

Vémonos entonces ás 19h30 este venres!

http://www.fundacionieps.org/

Comunicado da Asamblea Amárika de Álava

A Asamblea Amárika denuncia as políticas culturais do actual goberno de Álava que poñen en perigo a existencia de proxectos culturais independentes e co-xestionadosde como o que levan realizando nos últimos catro anos.

Asamblea Amárika é un colectivo de artistas, creadorxs, persoas relacionadas social e/ou laboralmente coa arte e a cultura, aberto e plural no que poden participar os axentes locais vinculados ás prácticas culturais contemporáneas. .                                                                                                                                                                    

Podes leer o comunicado de Amárika en http://www.amarika.org/