

A Coruña, 16 xullo 2018
E xa comezamos a abrir o Cárcere.
Esta semana tivemos dúas xornadas de limpeza con merendola. Veu xentiña a nos axudar e a interesarse polo proxecto. Veciñas do barrio, Espiga, Oasis, voluntarias individuais, xente nova e turistas que tamén se achegaron a coñecer sobre o Cárcere.
Foi un gusto ver por fin este espazo cheo de xente.
Tivemos tempo de traballar, de comer e de cantar, grazas ás pandereteiras da querida Comuna que sempre están aí para o que faga falta.
Tamén coñecimos ao colectivo Recetas Urbanas que ofreceron o seu saber facer e poidemos completar unha das rampas que precisa o Cárcere. Moitísimas grazas!
E xa temos data para a Festa de Apertura, será o sábado 4 de agosto durante todo o día. Haberá actuacións, exposicións e máis sorpresiñas e sobretodo será un momento para que todas as persoas interesadas vos acheguedes a coñecer o espazo e saber como funciona.
Daí para adiante o Cárcere estará aberto para todas.
Semana a semana, seguiremos informando.
O pasado martes 26 de abril, Proxecto Cárcere participou no ciclo de Conversas das Culturas* do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC que tivo lugar na cidade de Lugo. As conversas tiñan como eixo debatir ao redor da diversidade das culturas, así como reivindicar a aposta pola ecoloxía do saber.
O título que propuxo Proxecto Cárcere para a súa conversa foi “Afectos e coidados nos proxectos culturais”, onde se reflexionou sobre o proceso emocional das persoas que formaron e forman parte da plataforma ó longo dos 5 anos de percorrido nos que leva traballando, atendendo aos aspectos máis afectivos e emocionais.
Falouse do proceso, do grupo e da súa diversidade, das experiencias persoais, dos coidados internos e externos, dos conflitos e da vida dentro e fóra do colectivo entre outros temas.
* As Conversas das Culturas son coordinadas por Xosé Antonio Neira Cruz no marco de campUSCulturae, proxecto europeo cofinanciado pola Universidade de Santiago de Compostela e pola EACEA Culture Agency e organizadas por Fran Quiroga, coordinador do CulturaLab do Máster en Servicios Culturais da USC.
Deixamosvos a continuación o link da conversa.