A Coruña, 10 de agosto 2018
Esta é unha das imaxes que máis nos emocionaron na Xornada de Apertura do Cárcere. Unha demanda que tivemos desde o inicio para poder abrir para toda a xente estes primeiros 200 m2: a accesibilidade.
Unha das dúas ramplas foi feita con materiais reciclados baixo o asesoramento de Santiago Cirugeda, no seu paso pola Fundación Luis Seoane. Na súa construcción participou o seu alunado e moradoras e amigas do Cárcere. A segunda, á da entrada externa xa foi realizada por nós co asesoramento da Comisión de Infraestructuras.
E o que parecía que ía ser un beneficio só para unhas persoas, terminou séndoo para todas. A rampla da entrada foi moito máis utilizada que as escadas, por comodidade e adecuidade. Fai máis doado levar cargas, carriños de crianzas, camiñar ao lado das persoas con cadeiras de rodas ou darlles outros usos segundo se precisaba. O que é bó para unhas o é para todas.
Dos dous aseos que hai no interior, un deles tamém é accesibel.
O sábado 4 de agosto foi unha data inesquecibel no que pasaron polo Cárcere por volta de 600 persoas ao longo do día. Con 12 artistas, 3 exposicións e espazo de entretemento e crianzas. Moitas visitantes ficaron da mañá ata a hora de feche, asistindo aos espectáculos, entrando varias veces no Hall e contándonos historias delas propias ou doutras persoas que estiveran dentro nalgún momento da súa historia.
Vendo as memorias que traen algunhas delas decidimos recollelas en formato audio e/ou video como documentación e porque realmente merecen a pena ser escoitadas. Se ti es unha desas persoas que quere contar a súa historia ou coñeces a alguén por favor achégate os días abertos ao público e cóntanos.
A comunicación inesperada de que só se permitía 25 persoas nun espazo de 200 m2 por cuestións de metros de distancia á principal saída de evacuación, fixo que tiveramos que tirar da imaxinación e creatividade e colocar un sistema de pedriñas para controlar o aforo estipulado.
Non estamos dacordo con esa decisión, tanto por interpretación da normativa como pola evidente sensación de seguridade que nos dá un espazo de 200 m2 cunha saída directa á rúa, con suficiente amplitude e completa accesibilidade.
Porén, imos consultar como se está a aplicar noutros espazos públicos, ver casos precedentes e procurar alternativas que faciliten que o aforo do Hall poda ser máis acorde co uso e capacidade que ten.
As dificultades que estamos a ter a nivel administrativo semellan unha carreira de obstáculos, con máis dunha pedra no camiño, pero non nos imos rendir.
A frustración que nós sentimos cando volvemos entrar no Cárcere despois de 7 anos de peche e abandono por parte das administracións responsabeis, foi compartido polas persoas que o visitaron neste día.
O uso limitado ao Hall sen poder acceder ao resto do Cárcere que todas as persoas desexaban ver foi para moitas unha decepción. Como para nós, que iniciamos xa melloras e coidados neste primeiro espazo e que desexamos se continúe a avanzar para poder facer o mesmo noutras partes como o panóptico, patio e resto do edificio.
Pensamos que a rehabilitación do Cárcere e a súa xestión cidadá debe ser abordada colectivamente e de inmediato. Non chega coa boa vontade dun goberno determinado, teñen de ser todas as organizacións políticas, institucións, e a cidadanía que asumamos a responsabilidade de recuperar o antigo Cárcere
Con este fin iniciamos a campaña de sinaturas “O Cárcere: Máis e Mellor” da que xa temos máis de 200 apoios e convidamos a todos os partidos no goberno a coñecer o espazo e falar sobre o presente e futuro do Cárcere para o mes de setembro.
Non queremos que non facer nada sexa a única resposta ao estado do Cárcere.
Por favor asina facendo click na imaxe e axúdanos a divulgar a campaña
Podes ver máis imaxes no facebook e no Video-foto da Apertura do Cárcere de David Jiménez
E a vida do Cárcere continúa, e nós continuaremos a informar