A Coruña, 2 de agosto 2018
Con esta imaxe comezamos o boletín desta semana.
Si, a burocracia é abrumadora. Porén, xa está feita, clarificado o proceso para responder ás demandas administrativas de inicio de actividade pública no Cárcere e con a documentación presentada.
Hai que salientar que fomos capaces de elaborar todos estes formularios, documentos e planos, porque no grupo hai persoas arquitectas, persoas con capacidades administrativas e persoas con paciencia inmensa para dar os pasos adiante e atrás que require esta relación cidadanía-institución.
Moitas delas engadindo este traballo ao que fan no día a día nas súas casas ou remuneradamente. Un grande bravo por elas.
Alén da pila de formularios para a Festa de Apertura, que despois dos que entregamos para a actividade inicial será menos voluminosa, tamén terminamos de concretar o Manual de Funcionamento.
Este irase adaptando aos diferentes momentos do proceso, tanto pragmaticamente como emocionalmente, pero agora dá un marco máis estable para saber como movernos e especialmente para dar entrada a novas participantes e soster a vida do Cárcere.
E como non, a preparación da festa que dá como resultado unha programación moi interesante, grazas ás propostas de colectivos e artistas individuais da cidade de xeito altruísta e que son fundamentais para mostrar como este lugar noutrora de represión e confinamento pode e debe tornarse nun de expresión creativa e liberdade.
Son d’Aqui, Cantareiras da Comuna, Micki y amigos, Samuel Galan, Antía Gómez Ortega, Alba Cotelo, Teatro Alfaiate, Gonçalo Guerreiro, Marcos Casás, Swing Coruña e o Colectivo Loairas . Son as artistas coas que poderemos disfrutar durante o día.
A Comisión da Recuperación da Memoria Histórica, parte de Proxecto Cárcere desde o seu inicio, será a encargada de abrir a xornada.
Unha vez dentro faremos unha presentación de como vai funcionar a antiga prisión, como se vai poder participar e contribuir á vida do proxecto, dende e para a cidadanía.
Haberá exposicións: “Jail Art”, arte postal, “Obxectos do Cárcere”, “Trampas para una mujer pájaro” de Berta Nalúa do colectivo Loairas, unha selección de paneis da “Historia da Torre de Hércules” e proxeccións e materiais dos 7 anos de loita de Proxecto Cárcere.
Actividades para crianzas ás 16:00 e durante todo o día o Colectivo Loairas facilitará a creación do espazo de creación colectiva “A luz non ten barrotes. Mans escribindo LIBERDADE”.
Impresionante, verdade? 🙂 ❤
Información completa sobre a Festa de Apertura AQUI
Para completar a semana envíamos convite a todos os partidos políticos no goberno da Coruña para un encontro no Cárcere con cada un deles no mes de setembro.
O fin deste convite é que coñezan formalmente o espazo e podermos falar sobre o presente e futuro do Cárcere e da súa xestión cidadá.
Cremos que é a través do compromiso colectivo tanto da cidadanía como das intitucións gobernantes que se conseguirá terminar coa nefasta política de abandono e deterioro en que o Cárcere foi sometido durante os 7 últimos anos.
Tamén foron convidadas a asistir a nivel persoal á Xornada de Apertura o sábado 4 de agosto.
Na reunión coa Comisión de Seguimento da pasada semana comunicáronnos que non se van realizar máis obras ata a renovación da cesión do SIEP ao Concello da Coruña en Xaneiro de 2019.
A Asemblea do Cárcere non está dacordo con esta decisión e require que se continúen cos traballos de rehabilitación do edificio despois do verán como estaba previsto. En base a isto elaborará unha serie de propostas coas prioridades estructurais e de acondicionamento que o edificio precisa para frear a súa degradación e facelo accesibel á cidadanía da Coruña.
Seguiremos informando