A Coruña, 8 de Xullo 2018
E como van as cousas no Cárcere?
Pois as obras interiores do espazo co que imos abrir xa están rematadas. Temos o baño adaptado terminado e xa temos algúns mobles cos que comezar a funcionar. E café e wifi!
Habitat social e Espiga vannos axudar cos traballos de acondicionamento. Moitísimas grazas!
Fáltannos as rampas de acceso. Xa comentamos que para nós é fundamental que todas poidamos entrar no Cárcere. Comunicámonos co Concello para que nos deran información ao respecto.
E case rematando o Manual de Funcionamento, do que xa podedes ver cada vez máis información no noso blog.
No Cárcere podemos participar todas, tanto asistindo a eventos ou achegándonos a coñecer o espazo, como presentando actividades puntuais ou proxectos de medio-longo prazo.
E tamén, e o que diferencia este proxecto doutros, é que ti podes ser parte do traballo común de facer que todo isto sexa posíbel. Podes participar na organización ou simplemente axudar con algunha das tarefas que se van presentando.
A cidadanía collendo a responsabilidade e capacidade de toma de decisións sobre os espazos públicos, sobre os seus usos e priorizando as súas necesidades sobre outros intereses, é un dereito e unha oportunidade que nos ofrece o Cárcere hoxe.
Se queres saber máis contáctanos en proxectocarcere@gmail.com
E por último, pero non menos importante, avisárvos de que andamos xa a preparar unha nova Xornada de Benvida, para aquelas que queirades participar no Cárcere, e unha Festa de Apertura á que estades todas convidadas das que daremos datas en próximos boletíns.
Unha aperta forte