Luns, 18 de Xuño 2018
Actualidade de Proxecto Cárcere
O pasado xoves 7 de xuño de 2018 asinamos xunto co Concello da Coruña a formalización do documento para a dinamización sociocomunitaria do Cárcere, onde a memoria histórica teña un papel relevante.
Nesta primeira fase farémonos cargo da nave de entrada, de aproximadamente 200 m2. Gradualmente iranse abrindo outros espazos para o uso, así que se vaian realizando as obras de rehabilitación e acondicionamento necesarias.
A pesar de que as dimensións do espazo e condicións de uso variaron con respecto ás estipuladas na convocatoria de concurso do ano 2017, e a demora na entrega do espazo foi considerábel, en Proxecto Cárcere decidimos continuar co proceso por unha cuestión de coherencia cos nosos valores e obxectivos fundacionais: o coidado e apertura do cárcere por e para a cidadanía.
Estamos por tanto nun momento ilusionante onde despois de 7 anos de reinvindicacións, moito traballo e con moita xente aportando ao ideario que hoxe en día conforma Proxecto Cárcere, podemos comezar a poñer en práctica un soño común aberto a todas.
Gustaríanos poder abrir xa o espazo con liberdade e sen restricións pero nos encontramos no medio dunha das últimas obras que consideramos imprescindíbeis para abrir realmente para todas. Estase a finalizar a adaptación dos baños para facelos accesíbeis, así como a colocación dunha rampla que salve as escaleiras de entrada.
Estas obras levarán aproximadamente unhas tres semanas en ser completadas. Un tempo que aproveitaremos para limpar e acondicionar o espazo e preparar os protocolos de funcionamento e xestión para facilitar a entrada de persoas e colectivos á vida do Cárcere.
Estado do Cárcere
O estado do cárcere, como xa informáramos hai meses, é complicado. Esta foi a razón principal que nos levou a aceptar a dinamización coa merma de condicións. Pensamos que vai ser só habitando o espazo, aínda que sexa unha pequena porción, o que vai enfocar a atención sobre o edificio, sobre o seu potencial e valor e o que facilitará as accións de recuperación do mesmo.
Un dos factores esenciais tanto para nós como para o Concello da Coruña é garantir a total seguridade das persoas que imos utilizar o cárcere. Isto cúmprese nos espazos a ocupar durante a primeira fase de entrada, tanto a nivel físico e estrutural como a nivel de permisos e seguros necesarios para o desenvolvemento de actividade pública.
Nas partes que se irán abrindo gradualmente ao público, e parte da convocatoria de cesión inicial, fican por completar as obras de accesibilidade, evacuación e rehabilitación. Durante o verán faranse parte delas coa posibilidade de estar finalizadas nos últimos meses do ano.
É evidente que o abandono absoluto do total do edificio durante 7 anos, nos que en multitude de ocasións apelamos ao sentido común e responsabilidade das autoridades competentes para tomar as medidas mínimas de mantemento, ten causado un deterioro que nós consideramos inaceptábel.
Por suposto, o cárcere aínda está a tempo de ser salvado. E este continúa a ser un dos nosos obxectivos e onde imos continuar a poñer enerxías. Volver a entrar estes días e revisitar a prisión tennos só confirmado da grande perda que sería para a cidade un espazo destas dimensións e características onde tantos e tan diversos proxectos cidadás poderían convivir, existir e crear cultura e comunidade.
Estado da nave de entrada
A nave de entrada, o espazo dispoñíbel nesta primeira fase de entrada, duns 200 m2, é pequeno, si, especialmente tendo en conta as dimensións do cárcere. E o estado en que nolo encontramos, a pesar de cumprir coas mínimas condicións de habitabilidade, era mellorábel, en particular no que se refire ao fin de obra, tendo nós que facer un traballo que tal vez non nos correspondería.
Porén, nós preferimos enfocarnos no positivo e aprender desta experiencia de negociación coas diferentes institucións e gobernos ao longo destes anos. Para poder non só avanzar con este proxecto pero tamén axudar a que outras posíbeis iniciativas surxidas da cidadanía podan facer uso do patrimonio público para fins comúns e socioculturais.
Se volvemos ás nosas orixes, aló polo ano 2010, unha das razóns polas que apostamos por unha xestión cidadá do espazo era por encontrarnos con varios exemplos de investimentos multimillonarios en “contedores” de cultura que ficaban baleiros de contido. Estes eran construídos sen ter en conta as necesidades reais das persoas, e a pesar de ser espazos de nova construción, con todas as facilidades e impecables en termos de deseño e limpeza, non conseguían atraer a xente, tendo que investir novamente na xeración de contidos desde arriba.
No cárcere queremos que suceda exactamente o contrario. Queremos que sexa a xente a que se apropie do espazo e sexa ela a protagonista da xeración de contidos que contribúan á cultura e expresión libre. Queremos que sexa ela quen decida que facer cos seguintes espazos que se irán abrindo e que a diversidade de ideas e sentires encontren un lugar onde poidan existir, experimentar e desenvolverse.
Será isto posíbel ou só un soño? Nós, cun pé dentro faremos todo o posíbel para que suceda. Por intentalo non vai quedar.
Grazas a todas as persoas, colectivos, organizacións, partidos políticos e medios de comunicación que durante este tempo compartistes con nós, en parte ou totalmente, o desexo de que outro xeito de facer cultura e sociedade é posíbel, e que unha xestión cidadá dos espazos públicos non era só necesaria senón imprescindíbel.
Agora, temos ante nós o fermoso reto de transformalo en realidade.
Para saber máis escríbenos a proxectocarcere@gmail.com