A razón de esta rolda de prensa por parte da Asociación Proxecto Cárcere é informar sobre a situación actual da antiga prisión provincial da Coruña e como nós como colectivo que gañou o concurso de xestión e dinamización da mesma nos posicionamos.
O resultado do concurso convocado polo Concello da Coruña foi feito público e a nós comunicado en setembro do 2017, polo que sería o noso colectivo o gañador, con 7 anos de traxectoria na reivindicación da rehabilitación e transformación do espazo como centro sociocultural e da memoria.
A nosa intención presentándonos a este concurso foi en primeiro lugar, continuar co obxectivo que nos marcamos durante todo este tempo, salvar o cárcere do estado de abandono e vergoñoso deterioro en que se encontra. E en segundo lugar, transformar este lugar de represión noutro de creación, transformación e liberdade.
Sempre defendemos que o mellor xeito de conseguir estes obxectivos era a través dun modelo de xestión onde as persoas usuarias, a cidadanía, fose tamén quen puidese ser parte fundamental na toma de decisións e organización de usos e espazo.
Co acordo entre SIEP e Concello da Coruña de dous anos, que remata en Xaneiro de 2019, con posibilidade de prorrogación, abríase unha porta para poder por fin facer do noso soño realidade e asegurar a seguridade e vida do cárcere da Torre. O que nós, como colectivo en defensa deste espazo e da súa historia celebramos, como tamén o fixeron outras organizacións e persoas individuais e políticas da cidade.
A decisión do Concello da Coruña de abrir a concurso a xestión de usos do cárcere cunha convocatoria propia e pechada a negociación, colocounos na tesitura de ter de decidir se nos presentábamos cunhas condicións coas que non estábamos completamente dacordo e tendo que reformular a nosa proposta, elaborada durante anos e de carácter máis participativo e progresivo, para adaptala aos requirimentos do equipo técnico do Concello.
A este concurso público concorre Proxecto Cárcere e a entidade Brigantias Roller Derby, sendo Proxecto Cárcere quen resulta adxudicataria do mesmo.
Nese momento informóusenos de que se procedería á realización de obras de conservación e mantemento, adxudicadas polo Concello a empresa constructora Jove, e que antes de fin de ano, do 2017 poderíamos iniciar á actividade dentro do cárcere.
Concello e constructora decidiron as estancias do edificio que tiveron a ben para levar a cabo esas obras imprescindíbeis para que Proxecto Cárcere puidera desenrolar a súa concesión pública.
A día de hoxe, consumidos 15 meses dos 24 polos que se asinou o pacto de cesión do Ministerio do Interior ao Concello, e sendo Proxecto Cárcere a adxudicataria durante 1 ano a contar desde o momento de inicio de actividade, continuamos á espera de que se nos facilite a entrada no cárcere.
A razón principal que se nos dá é de que por causa do mal estado do cárcere, peor do que inicialmente se valorou no estudo técnico previo á convocatoria do concurso público, as obras de acondicionamento ían levar máis tempo. Tamén se nos informou de que o espazo a utilizar nunha primeira fase sería menor do recollido na convocatoria pero que poderíamos comezar a actividade neste espazo inicial a finais de Febreiro. E incorporar o resto dos espazos unha vez se realizase a segunda fase de obras.
Pudemos constatar a través dunha visita ao edificio en Xaneiro deste ano facilitada polos técnicos do Concello do estado crítico en que se encontra o inmoble. Anos de desuso e abandono, con mínimas obras de mantemento que obviamente non foron suficientes, deixa un panorama complicado en partes e máis esperanzador en outras.
Nestas últimas semanas ás complicacións das obras de conservación e mantemento do espazo se lle sumaron as burocráticas directamente relacionadas coas primeiras o que nos coloca no momento actual en que nos vemos na obriga de informar á cidadanía da situación e o noso posicionamento.
Estamos en contacto co equipo técnico do Concello e pendentes de que se nos informe á maior brevidade dos pasos a seguir cara a entrada efectiva de Proxecto Cárcere no edificio.
A nosa disposición é boa e positiva cara ao Concello, a pesar das dificultades e o tempo de espera. Entendemos que é un proceso no que ambas partes estamos aprendendo. Vendo as posibilidades da colaboración directa entre institucións e movementos sociais. E temos desexo de avanzar nesa dirección. No obstante agora si precisamos de que se nos déa solución inmediata a esta situación.
Ata o momento cumprimos co que se nos foi pedindo, tívose paciencia e comprensión cos tempos e procedementos burocráticos institucionais e optouse pola discrección cara a dar información aos medios para facilitar o traballo do Concello e dos seus técnicos. Pola nosa parte fomos facendo un traballo interno intenso no ámbito da formación e do modelo de xestión cidadá para garantir a participación non só das persoas que quiseran ser parte da organización do cárcere pero para toda aquela que quisera dispor dele de forma esporádica. Queremos resaltar, porque a veces se esquece, que no concurso outorgado a Proxecto Cárcere non hai ningunha partida de diñeiro disponibe para o traballo das persoas que formamos parte do colectivo e que nos imos encargar da súa xestión diaria.
O noso interés é por tanto fundamentalmente activista e voluntario e non comercial e utilitarista. Esta motivación non-lucrativa ao noso entender si que nos lexitima a expoñer o noso parecer e facer propostas de acción independentes cara a conseguir que o cárcere non caia e que teña un uso democrático por parte da cidade da Coruña.
Por todo isto, para nós é urxente poder entrar no edificio e poñernos a traballar para poder deter o deterioro do espazo e darlle a vida que merece. De sempre este foi o noso obxectivo e a nosa intención. Limpar e coidar o cárcere como prioridade, para despois poder utilizalo dacordo a uns criterios de participación e responsabilidade cidadá.
Estamos por tanto dispostas a facer todo o posíbel para superar calquera dificultade que demore este proceso de entrada e por tanto poña en maior risco o futuro do cárcere.
Sabemos que a situación non é a ideal pero confíamos en que o traballo conxunto coas institucións responsábeis demostre que é posíbel superalas a través da colaboración e vontade política.
Con este fin imos solicitar unha reunión urxente coa concellería de participación e rexeneración urbana da que informaremos así como dos pasos a seguir por Proxecto Cárcere.
Un saúdo a todas e grazas á prensa por acudir a esta rolda e por divulgar o noso punto de vista de primeira mán.
Proxecto Cárcere a 27 de Marzo de 2018
Casa Museo Casares Quiroga, A Coruña