Crónica do 2017, o ano en que conseguimos o cárcere para a cidadanía

Este foi un ano de grandes logros pois finalmente e despois de 7 anos de revindicacións conseguimos que o cárcere da Torre estexa moi próximo a ser aberto para o uso da cidadanía da Coruña.

Plano dos espazos cedidos polo Concello da Coruña para uso da Cidadanía.

A elaboración da proposta para a convocatoria na que participaron persoas novas no proxecto foi sen dúbida crucial para podermos dar ese paso final que precisábamos neste longo camiño.

As actividades e proxectos que se iniciaron este ano como as Hortas Comunitarias, O Paseo de Jane, A Escola, o encontro Vis a Vis ou a celebración do VII Aniversario conectáronnos coa importancia de compartir e celebrar experiencias e saberes.

Coñecemos ás que xa son as nosas amigas de Pumarejo, Can Batlló e La Tabacalera, coas que esperamos poder contar para baixar á terra este soño dunha Casa Aberta con Fume que desexamos sexa o cárcere.

Tamén tivemos procesos internos de aprendizaxe, ilusión, encontros e desencontros que se ben non sempre foron faciles sen dúbida foron esenciais para o proceso de pasar da teoría á práctica, na que aínda estamos.

Fechamos o ano ollando para atrás coa intención de aprender e ollando para adiante coa ilusión dunhas portas abertas para  tornar un lugar de represión nun de cultura e liberdade.

Esperámosvos

Foto de familia no Vis a Vis. Encontro de Espazos Autoxestionados (Decembro 2017)

Advertisements