O venres 7 de xullo, Proxecto Cárcere entregou a súa proposta no Concello da Coruña para a xestión do antigo cárcere da Torre como centro sociocultural e da memoria.
A pesar de que para nós o ideal tería sido abrir un proceso participativo no que a veciñanza puidese construír con tempo e desde a base o futuro deste espazo emblemático da Coruña, decidiuse en Asemblea concursar na convocatoria proposta polo Concello, da que xa demos opinión no noso blog.
Con este obxectivo estivemos a reunirnos durante varias semanas os diferentes grupos de traballo (Infraestruturas, Xestión, Financiamento, Proxectos, A Escola, Memoria Histórica e a Coordinadora) e a Asemblea para poñer en común o Plan de Viabilidade que recolle a nosa proposta feita durante os últimos 6 anos, xunto con novas perspectivas que trouxeron persoas e colectivos que se uniron a Proxecto Cárcere nos últimos meses.
Como é coñecido, o principal obxectivo é que este espazo sexa utilizado gradualmente, dándolle uso de acordo ás necesidades da cidadanía, e por iso plantexamos un modelo de xestión onde as portas estean sempre abertas para todas, e especialmente para aqueles proxectos e iniciativas que poidan encontrar máis dificuldades noutros espazos máis convencionais.
Cremos firmemente nas capacidades desta cidade para acoller con valentía a nosa proposta e participar dela no caso de ser escollida.
Queremos agradecer a todas as persoas e colectivos que desde finais do 2010 construíron connosco e/ou nos apoiaron para podermos, por un lado, non deixar ceir un edificio con tal carga emocional e histórica para a Coruña, e construír unha proposta para convertir o cárcere nun espazo de liberdade e expresión do que nos sentir moi orgullosas.
Neste link podedes ver o documento íntegro que presentamos á convocatoria.
Esperaremos o resultado da mesma para tomar decisións nos pasos a seguir.
Un saúdo forte a todas.
Plataforma Cidadá Proxecto Cárcere