O xoves, día 12 de maio, presentaremos o libro “Carabanchel, el derribo de la vergüenza”, para o cal contaremos coa presenza do seu autor, Jesús Rodríguez. Esta é unha iniciativa organizada conxuntamente coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. O acto comezará ás 20h e terá lugar no Centro Social A Comuna (Verea do Polvorín, 35, no barrio de Monte Alto). Teremos ocasión tamén de escoitar, como representante da CRMH, a Suso Díaz, quen ademais nos poderá falar dende a súa experiencia no cárcere da Coruña, onde estivo detido por causa do seu labor sindical.
O cárcere de Carabanchel
O impoñente edificio da Prisión Provincial de Madrid comezou a construírse nos inicios do réxime franquista, cando Carabanchel era aínda unha aldea a carón da cidade e non un barrio da mesma. A obra, levada a cabo por presos sometidos a traballos forzados, foi inaugurada no ano 1944. A tipoloxía do corpo principal do complexo penitenciario madrileño era, como o do cárcere da Coruña, de estructura panóptica. Unha enorme cúpula de formigón de máis de 30 metros de diámetro presidía sobre as galerías nas que se amoreaban os reclusos.
Durante os seus case 55 anos de funcionamento, na prisión estiveron encerrados un grande número de presos políticos e nela pasaron as súas derradeiras horas as últimas persoas condenadas a morte e executadas en España, entre elas, o galego Xosé Humberto Baena.
O complexo pecha no ano 1998 e despois duns anos dáse paso ao seu abandono e degradación. Nos anos nos que o cárcere estivo sen función, a veciñanza solicitou reiteradamente que o espazo se empregase para dotar ao barrio dun hospital e outros equipamentos de carácter social, que tanto precisaba, así como conservar alomenos a cúpula como Lugar de Memoria. Pola contra, o Ministerio do Interior procede, unha noite de outubro de 2008, a derrubar os edificios na súa totalidade, malia as protestas veciñais, de colectivos e persoas vinculadas á Memoria Histórica e mesmo do Colexio de Arquitectos de Madrid, que apostaban pola súa rehabilitación. Todo isto escusándose na súa deterioración e nun plan urbanístico que prometía o desexado hospital, dependencias administrativas e centos de vivendas. Case oito anos despois, o solar, de 200.000 metros cadrados, segue baleiro e quen se achega pasea sobre os cascallos arrasados do antigo cárcere. Neste momento o único edificio que continúa en pé, e funcionando, é o hospital penitenciario, agora reconvertido nun novo espazo de represión, o Centro de Internamento de Estranxeiros. A pesar disto, as asociacións veciñais, a plataforma Salvemos Carabanchel ou o colectivo de ex-presxs La Comuna seguen na loita para acadar o peche do CIE e para transformar o lugar nun Centro para a Paz e a Memoria.
Carabanchel, el derribo de la vergüenza
Jesús Rodríguez, integrante de Salvemos Carabanchel e veciño do barrio, accede por primeira vez á cadea tras o seu peche e comeza a documentar en imaxes todas as súas excepcionais dependencias. Ese coñecer o “monstro” por dentro lévao a superar as reticencias iniciais ante a súa fealdade exterior e a súa historia, convencéndose da necesidade da súa conservación. Anos despois do seu inxusto derrubo ese inmenso arquivo, que recolle os últimos tempos do cárcere de Carabanchel, consigue ver a luz nun libro que ademais serve como unha exhaustiva cronoloxía tanto dos movementos políticos que levaron á súa desaparición como do esforzo das xentes que loitaron e continúan a loitar por preservar a memoria do lugar.