Proxecto Cárcere empezou a súa andaina hai agora catro anos tras o remate do ciclo de conferencias organizado polo Concello de A Coruña no Instituto Anxel Casal os días 19 e 20 de novembro de 2010 e que levaban por título “Encontro sobre novos modelos participativos de xestión cultural “. Dito encontro tiña por obxecto coñecer distintas propostas de xestión de espazos alternativos como primeiro paso á hora de definir o futuro dun centro cultural que ocuparía a antiga prisión da cidade.
O día 11 de xuño de 2011 o Sr. Negreira tomaba posesión do cargo de Alcalde desta cidade para os seguintes catro anos. Esa mesma mañá Proxecto Cárcere pechaba a semana de portas abertas que se celebraron na vella prisión provincial de A Coruña. Dende ese día 11 de xuño a vella prisión non volveu abrir as súas portas á cidadanía. Antes de nós, nese centro celebráronse en condicións mínimas pero dignas festivais de cine, concertos, exposicións ou recitais poéticos.
Dende o primeiro momento que esta plataforma cidadán se constituíu non deixamos de traballar neste ilusionante proxecto: plan de viabilidade, asistencia a congresos nacionais e internacionais, ponencias, iniciativas artísticas, sociais, etc. e a denunciar, como non, ante as autoridades de A Coruña e de Madrid o estado cada vez máis deplorable do vello edificio.
Por parte deste Concello e durante estes máis de tres anos de goberno popular só recibimos silencio ou evasivas a todas as nosas iniciativas. O traballo dende o goberno municipal respecto á antiga prisión limitouse a iniciar os trámites gubernativos para acadar a titularidade da vella prisión. Transcorrida a meirande parte da súa lexislatura o seu éxito nesa iniciativa é un ditamen favorable do Consello Consultivo da Xunta para a recuperación dese espazo que pertence obviamente ao patrimonio municipal dende que o penal deixou de exercer a función para o que foi creado.
Pese a este triste panorama Proxecto Cárcere segue a apostar por outra forma de entender a cidadanía e o compromiso público dos seus habitantes.
Compartimos, como non, o que o Sr. Alcalde dicía ante os máis de medio millar de convidados que asistiron á súa toma de posesión o siñalado día 11 de xuño 2011, mentras se pechaban as enferruxadas portas da vella prisión: “somos unha cidade de cultura, de artes e de ciencias, de ilustración”, “teremos que esforzarnos , ser máis creativos, imaxinativos e perseverantes para superar as dificultades” , “nunca se progresa se hai conformismo” e que “solo avanzaremos si somos capaces de lograr que todos os coruñeses se sintan motivados, ilusionados e partícipes do proxecto común que neste caso ten un nome: A Coruña”
Como cidadáns coruñeses queremos seguir participando activamente en todos os asuntos que nos afectan e ser os verdadeiros protagonistas na conformación colectiva da cidade, indo un paso máis alá que cubrir os cuestionarios deseñados por empresas foráneas que tanto deseñan a súa “Coruña Futura” como os seus “ Corazones de Barrio” de Bilbao.
Neste caso o obxectivo de Proxecto Cárcere é intentar crear un gran centro sociocultural nas antigas dependencias da prisión provincial de A Coruña e que responda aos novos tempos que nos están tocando vivir:
-
Un centro onde se potencie a creación, a formación e a divulgación da cultura e a excelencia artística, pois o acceso á cultura é un dereito universal que a cidadanía debe defender como piar fundamental do estado de benestar, lonxe de toda visión mercantilista, clientelar ou do mero espectáculo .
-
Un centro onde as actividades sociais pivote sobre as necesidades reais do barrio, da cidade ou da comarca, fomentando o compromiso social, a participación, a solidariedade e a cohesión social.
-
Un centro onde os aspectos educativos sexan unha prioridade porque entendemos que ese é o verdadeiro progreso. Sen educación, sen cuestionamento da visión do mundo, dos modos de vivir e de pensar non hai transformación posible da sociedade.
-
E un centro, dada a súa historia, onde a memoria estea sempre presente, e que ese pensamento histórico nos sirva para entender o presente e para non aceptar de maneira acrítica nada do sucedido no pasado.
E todo isto nun centro público que ademais sexa autoxestionado, transparente e sen ánimo de lucro e onde os seus protagonistas decidan, definan e leven a práctica colectivamente todo aquilo que lles competa. Experiencias na xestión dos bens comunitarios temos dabondo no noso país para seguir aprendendo e profundando nestas novas formas de xestión que propoñemos e que ademais, estamos seguros, nos enriquecerán emocional e vivencialmente.
A Coruña, a 20 de Novembro de 2014.