Terceiro Encontro da Red Transibérica do 5 ao 7 de Abril

“Na actualidade estamos a asistir á imposición hexemónica e unilateral dun modelo economicista que entende a cultura exclusivamente como entretimento e consumo. Se nas últimas décadas, os sucesivos gobernos empeñáronse en, esquecendo o auténtico tecido cultural, infestar a nosa xeografía de contentores culturais que, hoxe mais do que nunca, se revelan insostíbeis económica, social e culturalmente, o presente só permite constatar que o enfoque, en esencia, non está a mudar o mais mínimo.

A Red Transibérica celebra o seu Terceiro Encontro co obxectivo de se consolidar como unha alternativa ao enfoque cultural imperante que reuna aqueles espazos culturais que aposten con determinación por continuar a súa labor de forma realmente independente e mantendo os seus valores. Mais do que nunca, é o momento de actuar conxuntamente!”
Desde a Plataforma cidadá Proxecto Cárcere escribimos para vos convidar e informar do 3º Encontro da Red Transibérica de Espazos Culturais Independentes que terá lugar en Bilbao do 5 ao 7 de Abril do 2013.

En Proxecto Cárcere levamos participando desde os comezos nesta iniciativa apesar de non poder contar aínda con espazo para levar a cabo a proposta de participación cidadá de recuperación e uso público do antigo cárcere da Coruña como Centro Sociocultural e da Memoria.

A participación na Red Transibérica estanos a axudar enormemente a enteder e profundizar nos diversos aspectos que afectan á xestión cultural de espazos independentes poñéndonos en contacto con proxectos doutras partes do Estado con anos de experiencia e de moi diversa natureza.

É por iso que nos parece imprescindibel expandir esta iniciativa entre os colectivos, organizacións e proxectos da Coruña e resto da Galiza, e animarvos a participar neste 3º Encontro e formar parte da Rede Transibérica.

Un grupo de persoas de Proxecto Cárcere imos asistir ao encontro en Bilbao e ofrecemos información e posibel coordinación para nos transladar ali. Se non podedes asistir pero tedes interese na Rede e no Encontro poderíamos elaborar estratexias conxuntas para nos apoiar mutuamente.

Podédenos contactar escribindo a proxectocarcere@gmail.com ou telefonando ao 678 381 459

Información sobre a Red Transibérica e o 3º Encontro de Bilbao

A Red Transibérica é unha plataforma de cooperación coa misión de favorecer o desenvolvemento e fortalecemento dos espazos culturais independentes do Estado Español e achegar a súa colaboración cos espazos de Portugal.

Os obxectivos da Rede son:

  • Fomentar e facilitar a cooperación entre espazos culturais independentes
  • Promover a troca de coñecimentos, investigación e capacitación profesional
  • Funcionar como representante colectivo perante a administración pública
  • Apoiar iniciativas de nova creación artística e cidadá
  • Establecer colaboración con outras plataformas, organización e redes internacionais

A Red ten traballado nos últimos anos na súa constitución e definición de obxectivos e valores e quere agora neste 3ª Encontro afianzar as relacións entre as e os seus membros, abrir a colaboración a outros espazos e iniciativas interesadas e iniciar as accións e proxectos comúns cara a delinear as estratexias da Rede para os próximos dous anos.

Para mais información e inscripcións visitar a site da Red Transibérica e consultar programa adxunto.

Para información sobre Proxecto Cárcere visita a noso blogue Proxecto Cárcere ou contáctanos en proxectocarcere@gmail.com