Presentación do Plan de Viabilidade!!!! Xoves 28 de Xuño ás 19h !!

 

 

 

 

Por fin nos encontraremos para expoñer o traballo feito pola Plataforma Proxecto Cárcere durante ano e medio. Neste Plan de Viabilidade tentáronse integrar todas as propostas de usos e de conservación do edificio do cárcere que foron chegando das cidadás e cidadáns da nosa cidade

Para celebralo convidámosvos á charla de presentación do proxecto e actividade lúdica que terá lugar o xoves 28 de Xuño a partir das 19h no Colexio Curros Enriquez e Campo de Marte.

Ás 20h farase unha presentación do Proxecto Cárcere á que vos animamos a participar coas vosas opinións, perspectivas e suxerencias.

Despois poderanse ver proxeccións e exposicións dos diferentes procesos da plataforma e dos traballos feitos para poder completar o Plan de Viabilidade.

Tamén teremos actuacións e outras actividades. Temos confirmado ao grupo “Escuchando Elefantes”, o fadista “Gonçalo Guerreiro”, um amigo saxofonista, uma monologuista, un espectáculo de cariocas de fogo, degustación de produtos ecolóxicos… e haberá algunha sorpresiña mais.

Esperámosvos!!

PROXECTO CÁRCERE, UN CÁRCERE PARA A CIDADANÍA

Por qué Proxecto Cárcere?
Proxecto Cárcere é unha plataforma cidadá onde os colectivos e as persoas a nivel individual contribuímos de igual maneira á construcción dunha proposta de uso público para o cárcere.
Consideramos que a antiga prisón debería ser recuperada do seu actual estado de abandono e rehabilitada como un espazo de participación cidadá dacordo cos criterios e propostas da propia cidadanía da Coruña.
Esta concepción de demanda social xurde da necesidade das coruñesas e coruñeses de contar con un espazo onde o contido cobre mais valor do que o contentor, e onde os principios de participación, sustentabilidade e creatividade sean as bases sobre as que construir a nosa propia cultura, sociedade e historia.
A Plataforma Proxecto Cárcere traballa desde novembro de 2010 e está apoiada por mais de 140 persoas e colectivos.

Qué é o Plan de Viabilidade?
O Plan de Viabilidade é o traballo de moitas persoas que en diferentes momentos aportaron a súa experiencia, visión, tempo e enerxías para lle dar forma a un proxecto colectivo para o cárcere da Torre.
Foron recollidas numerosas propostas de cidadás e cidadáns da Coruña e contorno que quiseron dar a súa opinión e presentar iniciativas para a prisión. Estas foron compiladas no Plan de Viabilidade que inclúe os seguintes apartados:

  • Proxecto Cárcere como unha ferramenta de articulación das necesidades e propostas da cidadanía da Coruña para o edificio do antigo cárcere da Torre, na actualidade en desuso. Explícanse os diferentes momentos do proceso, o carácter reivindicativo e de participación cidadá desta iniciativa, a relación coas administracións e as sinerxias creadas con outros proxectos similares galegos e de fora da Galiza.
  • Propostas de rehabilitación e usos axeitados dos espazos dacordo coa súa morfoloxía, onde se inclúe un estudo exhaustivo e profesional do estado do cárcere a nivel arquitectónico, patrimonial e urbanístico no contexto da cidade da Coruña. Apóstase por manter a estrutura orixinal do edificio e iniciar un proceso gradual de restauración e mantemento do mesmo baseado en principios de adaptabilidade, sustentabilidade, participación e baixo custo.
  • O Cárcere como un espazo de encontro, coñecimento e participación cidadá, con propostas sociais, artísticas, culturais e turísticas, como poden ser hortas urbás, pistas deportivas, viveiro das artes, formación cidadá en cultura participativa, bioconstrucción, feminismo…garderías e escolas infantís, cafés e mercadiños, biblioteca de libros libres, locais para actividades puntuais (ensaio, obradoiros, concertos, reunións…), Albergue xuvenil, centro interpretación da Torre de Hércules, vivendas sociais e/ou observatorio arquitectónico do cárcere.
  • Explóranse diferentes modelos de Xestión e Financiamento, tomando como referencia outros espazos públicos noutras partes do mundo rehabilitados como centros socioculturais, o que nos fixo considerar “ecosistemas” de xestión, viabilidade a medio e longo prazo, sistemas de organización participativa e un financiamento sostible e sustentabel, considerando diferentes fontes de ingresos.

O Plan de Viabilidade é un documento vivo, aberto a debate e á entrada de novas propostas e a negociacións que faciliten a recuperación do cárcere e o seu uso por parte da cidadanía coruñesa.

Podes descargar o documento completo do Plan de Viabilidade Proxecto Cárcere aqui

 

Unha opinión sobre “Presentación do Plan de Viabilidade!!!! Xoves 28 de Xuño ás 19h !!

  1. ¿Qué pasa coa inversión que se fai (de máis de 11 mill. €) para acadar que A Coruña sexa unha “smart city”?

    ¿É intelixente unha cidade que permita o que acontece hoxe en día co cárcere?

    Aproveito para darvos a noraboa por sacar adiante o Plan!

    Gústame

Os comentarios están pechados.