Crónica Brigada de Limpeza 31 de Marzo 2012

O Sábado 31 de Marzo reunímonos un grupo de 25 persoas para limpar o cárcere e así crear conciencia social e institucional sobre a importancia do seu coidado e mantemento como patrimonio histórico e arquitectónico da nosa cidade.

Esta labor non poido ser realizada porque un despregue policial enviado polo Concello da Coruña formado por 5 coches da policia nacional se presentou no mesmo para nos impedir o acceso ao recinto. Despois dalgún malentendido inicial, debido á incorrecta información que lles fora fornecida, xa que pensaban que se ía tratar dunha ocupación e non dunha limpeza de 2 horas, recibimos as desculpas oportunas e colocámonos na parte externa do cárcere.

Permanecemos ali ata as 13h aproximadamente nas que fomos atendida/os pola prensa interesada en saber cales eran as nosas demandas e un tanto sorprendidas pola resposta institucional. Nós pedimos que as autoridades competentes, o SIEP (Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios) actual xestora do Cárcere e o Concello da Coruña protexan o cárcere dos ataques vandálicos e deterioro causado polo desuso e abandono no que na actualidade se encontra. Tamén nos preocupa como o mal estado do cárcere  poda afectar ao nomeamento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, xa que o cárcere está dentro do contorno da Torre.

Durante o tempo que permanecimos ali, o noso compañeiro Tono poido grabar algunhas declaracións de persoas que aprobeitando o bon tempo paseaban polo paseo maritimo. Nas súas aportacións predominaba un pensamento comun: a mala imaxe que dá o abandono do cárcere tanto para turistas como para locais, o risco que supón por cuestións de salubridade e seguridade para as crianzas e a mocidade que acostuman a xogar nas imediacións, e o apoio a unha iniciativa de rehabilitación do cárcere para uso público das coruñesas e coruñeses.

No picnic de convivio que celebramos próximo a praia da Lapa falamos dos seguintes pasos a seguir coa clara intención de continuar as relacións coas institucións e compartir a nosa iniciativa coas persoas e colectivos da cidade para que aporten a súa visión e así o proxecto gañe en diversidade e consenso social.

A pesar de que o noso ideal sería que o cárcere estivese aberto para o uso e desfrute de toda a xente da Coruña e visitantes vemos como urxencia inmediata a súa proteccion e por tanto instamos ás autoridades competentes a pechar as vías de acceso ao edificio de maneira efectiva e enviar unha patrulla policial de forma regular ao cárcere e inmediacións para cerciorarse de que non se producen mais estragos.

Pola nosa banda nas próximas semanas completaremos o Plan de Viabilidade no que  exporemos á cidadanía, institucións, organizacións políticas e medios de comunicación a nosa proposta de uso, xestión, mantemento e financiamento para a antiga prisón provincial da Coruña.

Agradecemos a todas e todos polo seu apoio e divulgación da iniciativa e esperamos ver en breve o cárcere da Torre protexido e en boas condicións.

Plataforma Proxecto Cárcere

3 opinións sobre “Crónica Brigada de Limpeza 31 de Marzo 2012

  1. coido que deberíase mandar unha nota de prensa denunciando a manipulación institucional dun acto de limpeza por parte de cidadáns sensibilizados polo deterioro das instalacións do cárcere debido a pasividade das institucións ante un recinto que pertence a todala cidadanía.
    Ista reacción da institución demostra a inviabilidade de chegar a algún tipo de acordo negociando coa mesma.

    Gústame

  2. Pingback: El Ayto. de A Coruña trata de 'okupas' a unas voluntarias en brigada de limpieza

  3. Pingback: El Ayto. de A Coruña trata de ‘okupas’ a unas voluntarias en brigada de limpieza | Desde.CO

Os comentarios están pechados.